Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 17 de xullo de 2013 Páx. 28506

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 3 de xullo de 2013 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Oroso.

O Concello de Oroso remite a modificación puntual referida, redactada por Monteoliva Arquitectura, S.L., en solicitude de aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación achegada, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oroso conta, na actualidade vixente, cun PXOM aprobado definitivamente por Orde da CPTOPT do 16.2.2005 (DOG do 28 de febreiro), que inclúe a obriga de formular unha modificación tras a entrada en vigor do Decreto 25/2005, do 3 de febreiro (DOG do 18 de febreiro) polo que se resolve o expediente de segregación-agregación entre os termos municipais de Santiago de Compostela-Oroso, para ordenar os novos terreos do termo municipal de Oroso.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, o 30.6.2006, informe previo á aprobación inicial da modificación ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG.

3. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible decidiu, o 26.3.2006, someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica, declaración que conserva a súa validez conforme o sinalado no punto 1.1.2 da Instrución 1/2011, da SXOTU do 12 de abril, para a aplicación da Lei 2/2010 (DOG do 11 de maio de 2011).

4. No expediente constan os informes: técnico, do arquitecto municipal, do 7.9.2009, e xurídico, do secretario do concello, do 15.9.2009, favorables previos á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG); e xurídico, do secretario do concello, de data 21.7.2011, favorable á aprobación provisional.

5. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 24.9.2009. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego do 29 de setembro; Xornal Galicia do 29 de setembro, e Diario Oficial de Galicia do 22 de outubro de 2009). Foron presentadas 17 alegacións segundo certificado do 14.1.2010. Deuse audiencia ao concello limítrofe de Santiago de Compostela.

6. Consta a emisión dos seguintes informes sectoriais:

a) Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento: Resolución do 16.2.2011, pola que se emite informe favorable á modificación.

b) Instituto Galego da Vivenda e Solo: informe do 24.11.2009, con indicacións para o cumprimento das normas de hábitat galego, hoxe derrogadas.

c) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia: informe do 23.11.2009, favorable con indicacións.

d) Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental: informe en materia de residuos urbanos do 3.2.2010.

e) Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento: informes de datas 26.1.2010, desfavorable, do 16.9.2010, favorable con condicións.

f) Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia: informe do 3.5.2010, favorable.

g) Subdirección Xeral de Infraestruturas e Normativa Técnica do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio: informe do 25.11.2009.

Foron solicitados os informes da Deputación Provincial da Coruña (en materia de estradas) e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, sen que fosen emitidos conforme sinala o informe do secretario do Concello de Oroso do 21.7.2011.

7. A memoria ambiental da modificación foi aprobada por Resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 1.7.2011.

8. A modificación foi aprobada provisionalmente polo concello pleno de 27.7.2011.

9. Esta consellería resolveu mediante Orde do 28.2.2012 non outorgar a aprobación definitiva da modificación, indicando os aspectos que debían ser corrixidos.

10. O concello aprobou provisionalmente en sesión plenaria do 31.5.2012, un documento corrixido seguindo as indicacións desa orde; e abriu un novo período de información pública de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 26 de xuño; La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 6 de xuño de 2012) no que foron presentadas as alegacións indicadas no certificado do 20.9.2012 incluído para o efecto no expediente.

11. O secretario do concello emitiu informes xurídicos en datas do 24.5.2012 e 24.9.2012. Non foron solicitados novos informes sectoriais.

12. O concello aprobou provisionalmente de novo a modificación en sesión plenaria do 27.9.2012.

13. A nova solicitude de aprobación definitiva recíbese o 27.12.2012. O 23.1.2013 requiriuse que se completase o expediente, que foi presentado o 14.5.2013.

II. Obxecto e descrición da modificación.

1. A modificación ten por obxecto dotar dunha nova ordenación urbanística os terreos situados entre o río Tambre e a estrada provincial CP-3801, que ata o Decreto 25/2005 pertencían ao Concello de Santiago de Compostela e por mor del, que resolveu un expediente de modificación dos termos municipais, pasaron a formar parte do Concello de Oroso.

2. O ámbito afectado é de 670.336 m2 de solo, dos que 543.474 m2 corresponden aos terreos procedentes do termo municipal de Santiago de Compostela.

O proxecto inclúe no ámbito da modificación dúas áreas clasificadas no plan vixente como solo urbanizable non delimitado, unha situada ao oeste da autoestrada AP-9 e ao norte da estrada AC-461, e outra ao oeste dos núcleos do Franco e A Uceira.

3. A modificación, respecto da que foi obxecto da Orde non aprobatoria do 28.2.2012:

a) Reduce o ámbito do solo urbano proxectado con fin de evitar as reclasificacións directas de solo rústico a urbano.

b) Desclasifica dous ámbitos de solo urbanizable non delimitado de uso residencial, que pasa a solo rústico de protección ordinaria, co fin de evitar que a modificación supoña un aumento de capacidade residencial.

4. O ámbito é bordeado polo sur polo curso do río Tambre, que nesta zona constitúe un lugar de importancia comunitaria, declarado como tal zona de especial protección dos valores naturais aprobado polo Decreto 72/2004.

III. Análise e consideracións.

1. Dotar dunha ordenación o ámbito territorial que pasa do Concello de Santiago de Compostela ao de Oroso e que complete territorialmente o plan xeral de Oroso e sexa coherente con el é unha finalidade que encaixa nas razóns de interese público para unha modificación do planeamento, conforme o artigo 94.1 da LOUG. Así mesmo, o Decreto 25/2005 obriga a formular esta modificación.

2. A modificación agora proposta elimina as reclasificacións directas de solo rústico a urbano que se facían no proxecto obxecto da Orde do 27.9.2012.

3. O novo proxecto desclasifica dous ámbitos de solo urbanizable non delimitado, incorporando un estudo da capacidade residencial resultante da modificación concluíndo que existe unha redución de 7.495 m2 edificables residenciais respecto da ordenación vixente, dando así cumprimento ao requirido por esta consellería.

4. A proposta clasifica como solo urbanizable (novo sector 12) os terreos situados tras a franxa de solo urbano contigua á estrada provincial CP-3801. Estes terreos están clasificados no plan vixente como solo non urbanizable de réxime normal (ordenanza 14) e solo de núcleo rural. Trátase de permitir o crecemento inmediato e contiguo do núcleo de Sigüeiro existente, dando así resposta á ausencia de valores e á idoneidade da localización elixida para o desenvolvemento urbanístico.

5. Como consecuencia do anterior, con carácter previo á aprobación definitiva é preceptivo o informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia (artigo 95.2 da LOUG) que foi emitido en sentido favorable na sesión do 20 de xuño de 2013.

6. Canto ao punto 7 da Orde do 28.2.2012, a proposta inclúe como sistema xeral de espazos libres unha gran franxa de terreos contiguos ao río Tambre de 219.958 m2 que se clasifican como solo rústico de protección de espazos naturais e de augas. Ao seren en parte asolagables, só se consideran computables 29.563 m2.

7. Conexións exteriores do sector proposto e suficiencia das infraestruturas (artigo 57.1.b) a d) da LOUG, punto 8 da Orde do 28.2.2012): consta estudo xustificativo das redes de infraestruturas no que afecta a abastecemento de auga, saneamento e gas. No relativo á electricidade e telecomunicacións, a documentación pertinente foi achegada polo concello como se sinala máis arriba.

8. Xustificación do cumprimento do artigo 94.3 da LOUG (punto 9 da Orde do 28.2.2013): xustifícase o mantemento do cumprimento dos estándares de sistemas xerais establecidos no artigo 47.1 da LOUG para todo o termo municipal, e de sistema local de espazos libres e de equipamentos públicos no distrito 4. Resulta unha redución da capacidade residencial no concello, nun total de 7.495 m2.

9. Altura de edificación no sector de solo urbanizable AR 12 (punto 10 da Orde do 28.2.2012): a ficha do sector de solo urbanizable prevé unha altura máxima de 4 plantas, reducindo as 6 anteriores.

10. Zonificación acústica (punto 11 da Orde do 28.2.2012): inclúese un anexo V á memoria e un novo plano de ordenación U-O-9a, coa zonificación acústica de conformidade co establecido no artigo 13 do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, que desenvolve a Lei 37/2003, de ruído, no referente a zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Oroso, no lugar da Barciela, de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG.

Segundo. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas