Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 12 de xullo de 2013 Páx. 27969

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello de Tordoia (expediente IN407A 271/2011).

Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación que a continuación se detalla:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avenida de Arteixo, 171 A Coruña.

Denominación: LMT, CT, RBT Santaia-Gorgullos.

Situación: concello de Tordoia.

Características técnicas:

Liña eléctrica de media tensión aérea, a 20 kV, de 0,253 km de lonxitude, coa orixe no apoio existente s/n da LMT MEI-823, tramo entre derivada a CT Gorgullos (expediente 6.717) e derivada a CT Buba Tordoia (expediente 34.972), condutor tipo LA-56/54,6 mm2, e final no CTI Santaia-Gorgullos (proxectado).

Centro de transformación intemperie, cunha potencia de 100 kVA, e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

Liña de baixa tensión aérea, de 0,498 km de lonxitude, coa orixe no CTI Santaia-Gorgullos (proxectado), condutor tipo RZ, e apoios de formigón.

Resultando os seguintes feitos:

Primeiro. Por Resolución do 15 de setembro de 2011 esta xefatura territorial someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, e declaración de utilidade pública, en concreto, de acordo co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. A resolución foi publicada no DOG do 14 de outubro de 2011, no BOP do 4 de outubro de 2011 , e no diario El Correo Gallego do 5 de outubro de 2011, así mesmo, consta o certificado de exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello de Tordoia. Do mesmo xeito, notificouse aos propietarios dos bens e dereitos afectados.

Segundo. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, deuse traslado ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación puidese afectar a bens e dereitos ao seu cargo, incluíndo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.

En conreto, remitíronse separatas aos seguintes organismos:

– Concello de Tordoia que amosa a súa conformidade con condicionantes. A empresa promotora está conforme ao respecto.

– Telefónica que manifesta a súa conformidade con condicionado. A empresa promotora está conforme o respecto.

Con data do 16 de maio de 2012 a empresa promotora presentou separatas para Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que foron remitidas aos ditos organismos:

– Augas de Galicia informa favorablemente, sen prexuízo da tramitación da preceptiva autorización de cruzamento sobre o dominio público, de acordo coa correspondente lexislación sectorial. A empresa promotora manifesta a súa conformidade.

– A Dirección Xeral de Patrimonio quen non contestou reiterouse a solicitude sen ter resposta.

Terceiro. Durante o período de información pública foron presentadas as seguintes alegacións:

1) Mercedes Castro Reboredo, propietaria do predio nº 4, solicita que se proceda a rexeitar a declaración de utilidade pública da liña, ou no seu defecto, se estableza a liña pola zona menos gravosa para a predio. Valora a opción dunha servidume de paso subterránea, tendo en conta a súa posibilidade de edificabilidade nun futuro próximo, por estar a parcela próxima ao núcleo rural existente na actualidade e o PXOM de Tordoia en fase de tramitación. Está situada dentro da área de expansión, o que leva consigo a posibilidade da súa edificabilidade.

2) Antonio Couselo Regueiro, propietario do predio nº 5, solicita que se estuden alternativas e se cambie o trazado, que non se teña só en conta o beneficio da empresa, posto que existen alternativas ao trazado sen prexudicar os veciños. Que o trazado lle causa un dano irreparable e indemnizable, a clasificación do solo urbano de núcleo, quedando o predio inservible para calquera tipo de vivenda unifamiliar. Tamén indica que o trazado causa unha grave deterioración do medio natural e un impacto e deteriración nas vistas das agras que atravesa.

Cuarto. As alegacións foron remitidas á empresa promotora, que contestou nos seguintes termos:

1) En relación coa alegación de Mercedes Castro Reboredo (predio nº 4), a empresa promotora responde mencionando o artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, «Decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso».

Alega que se poderá seguir realizando o uso agrícola e gandeiro ao que se destina na actualidade esta parcela, artigo 58 da Lei 54/1997. Menciona que no solo rural están prohibidas as parcelacións urbanísticas dos terreos. Engade que esta servidume de paso non impedirá a hipotética edificación do predio deixando a salvo a servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica, sempre que sexa autorizado pola Administración competente.

Indica ademais que os prexuízos que se lle ocasione serán valorados no seu momento polo xurado de expropiación de Galicia.

En relación á proposta de realizar a condución de xeito soterrado, indica que non se acredita que o seu custo non supere nun 10 por cento o orzamento desta liña (artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

2) En relación coa alegación de Antonio Couselo Regueiro (predio nº 5), a empresa promotora responde que se poderá seguir realizando o uso agrícola e gandeiro ao que se destina na actualidade esta parcela, artigo 58 da Lei 54/1997. Menciona que no solo rural están prohibidas as parcelacións urbanísticas dos terreos. Engade que esta servidume de paso non impedirá a hipotética edificación do predio deixando a salvo a servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica, sempre que sexa autorizado pola Administración competente.

Que os prexuízos que se lle ocasione serán valorados no seu momento polo Xurado de Expropiación de Galicia.

Engade que de sete parcelas afectadas deron a súa autorización os propietarios de cinco delas.

Indica que as instalacións recollidas neste proxecto cumpren con toda a normativa en materia ambiental e de seguridade que se lle pode exixir, polo cal non se pode asegurar que ocasione unha grave deterioración no medio natural.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE nº 246, do 24 de xullo); a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro); o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 34, do 16 de febreiro).

Segundo. Neste expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente, cumpren coa normativa vixente, isto é: a Lei 54/1997, do 27 de novembro; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE núm. 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

Cuarto. Á vista das alegacións formuladas e das contestacións achegadas pola empresa solicitante, cómpre facer unhas previas consideracións de carácter xeral en relación coa descrición dos bens afectados, coas peticións de modificación de trazado e coa valoración económica deses bens:

1) As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento para o que os interesados afectados serán oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, de 16 de decembro de 1954.

2) De conformidade co disposto no punto 1.5 da Instrución Técnica Complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose, en todo caso, ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguridade que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

3) Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, a determinación do prezo xusto corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

Polo que se refire, en concreto, ás alegacións formuladas polos interesados afectados, ademais do sinalado nos tres puntos anteriores deste cuarto fundamento de dereito, cómpre manifestar o seguinte:

Segundo o artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

Para determinar con exactitude a parte dos predios afectados, as súas titularidades, a cuantificación das afeccións ou os cultivos existentes, indícase que conforme recolle o artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, no momento do levantamento da acta faranse constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o valor daqueles ou os determinantes da rápida ocupación.

Cabe sinalar que o artigo 54 da Lei 54/1997 establece que, a declaración de utilidade pública levará implícita, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisicións dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os técnicos desta xefatura territorial comprobaron en campo a traza da liña que figura nos planos parcelarios, concluíndo que non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas, e xunto co anteriormente exposto, enténdese que procede desestimar a totalidade das alegacións formuladas.

De acordo co anterior, e no exercicio das competencias atribuídas,

RESOLVE:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución, e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, nas que as características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra esta resolución poderase interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente ao seu dereito.

A Coruña, 28 de xuño de 2013

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña