Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 11 de xullo de 2013 Páx. 27605

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2013 pola que se modifica o artigo 8 da Resolución do 14 de maio de 2013 deste mesmo órgano, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria e servizos para o ano 2013 (Diario Oficial de Galicia número 95, do 21 de maio).

No artigo 8 das bases reguladoras das subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria e servizos, que foron aprobadas mediante a citada Resolución do 14 de maio de 2013, establécese a documentación e información que deben reunir todas as solicitudes de axudas que se formulen en dous grupos de documentos: documentación administrativa (A) e documentación técnica (B).

Dentro da documentación administrativa, na epígrafe referida ás especificacións segundo o tipo de solicitante (A.2), subgrupo «Empresas», menciónase a que debe achegarse para acreditar a condición de pequena ou mediana empresa (Peme), o que determinará a contía máxima de axuda segundo o artigo 6 das bases reguladoras: TC-2/Boletín de cotización á Seguridade Social e documento do imposto de sociedades ou contas xerais rexistradas no último exercicio.

O anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) L 214, do 9 de agosto de 2008, tras establecer un concepto xeral de empresa, refírese no seu artigo 2 aos efectivos e límites financeiros que delimitan a cualificación ou non dunha empresa como Peme, distinguindo nesta categoría as microempresas, pequenas e medianas empresas.

Para os efectos de clarificar se unha empresa pode ou non considerarse incluída na categoría de Peme, no artigo 3, parágrafo 5º do referido anexo I disponse:

«As empresas poden efectuar unha declaración relativa á súa cualificación como empresa autónoma, asociada ou vinculada, así como aos datos relativos aos límites enunciados no artigo 2. Pode efectuarse esta declaración aínda que o capital estea distribuído de tal forma que non se poida determinar con precisión quen o posúe, se a empresa declara con presunción lexítima e fiable que o 25 % ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou non o posúe conxuntamente con empresas vinculadas entre elas. Tales declaracións non eximen dos controis e verificacións previstos polas normas nacionais ou comunitarias».

Por conseguinte, considérase que a achega dos documentos a que se fixo referencia anteriormente, supón unha carga administrativa para os solicitantes que debe ser substituída pola declaración prevista no dito artigo 3.5 dese anexo I do Regulamento 800/2008.

Doutra banda, os datos definitorios da condición de Peme de acordo co artigo 2 do Regulamento 800/2008 sobre os que versará a declaración, xa aparecen recollidos no anexo I da propia Resolución do 14 de maio de 2013 de convocatoria destas axudas, na táboa referida a «Datos do solicitante», onde figuran como campos que deben cubrir os solicitantes o número de empregados, o balance xeral anual e o volume de negocios.

En virtude do exposto, por medio desta resolución

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o artigo 8 das bases reguladoras no que se refire á redacción do último parágrafo do punto A.2 (Especificacións segundo o tipo de solicitante), cando o solicitante sexa unha empresa, nos seguintes termos:

«Para os efectos do cálculo da porcentaxe de subvención segundo se recolle no artigo 6 destas bases, para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa definidas de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exencións por categorías), achegarase a declaración efectuada pola representación legal da empresa prevista no artigo 3.5 e referida aos límites enunciados no artigo 2 dese mesmo anexo».

Segundo. Ao tratarse dun procedemento administrativo de concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva, e sobre a base do principio de seguridade e igualdade xurídica dos posibles interesados, no suposto de que xa se presentara algunha solicitude de axuda con anterioridade á data en que se publique esta resolución no Diario Oficial de Galicia, outorgaráselles aos respectivos solicitantes – logo de requirimento – un prazo adicional de cinco (5) días hábiles sobre o prazo xeral previsto no artigo 7.2º das bases reguladoras para que, se é o caso, se proceda a efectuar a declaración substitutiva obxecto da presente modificación.

O modelo de declaración estará dispoñible na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia, www.inega.es, na epígrafe «Axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética 2013».

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación ou notificación, de acordo co previsto nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente, e con carácter potestativo, pódese interpoñer recurso administrativo de reposición perante o director do Instituto Enerxético de Galicia, no prazo dun (1) mes contado do mesmo xeito, tal e como dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Todo iso sen prexuízo de calquera outro recurso que se estime oportuno.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia