Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 9 de xullo de 2013 Páx. 27330

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 105/2013, do 27 de xuño, polo que se resolve o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos de Cortegada e Gomesende.

O 18 de abril de 2011 entrou no rexistro da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza un escrito do Concello de Cortegada coa certificación do acordo adoptado pola Xunta de Goberno local, en sesión ordinaria celebrada o día 14 de decembro de 2010, sobre o inicio do expediente de delimitación territorial co termo municipal de Gomesende, no lugar de Vilaverde, parroquia de Refoxos, xunto con copia do expediente instruído e a solicitude de continuar coa tramitación do dito expediente de deslindamento.

O 4 de agosto de 2011 recíbese un escrito do Concello de Gomesende en que expón que está plenamente de acordo cos límites actuais, que son os que figuran na cartografía da Xerencia do Catastro e no Instituto Xeográfico Nacional. Así mesmo, manifesta a súa desconformidade con procedemento de deslindamento iniciado polo Concello de Cortegada e solicita a súa anulación.

O expediente de deslindamento tramitouse de conformidade co procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais.

Durante a dita tramitación non existiu acordo entre os citados concellos. A discrepancia estriba na interpretación sobre o terreo dos acordos recollidos na acta de deslindamento do 23 de outubro de 1940 e o seu caderno de campo en concreto na situación xeométrica dos marcos núm. 9 e 10.

O Concello de Cortegada fundamenta a súa proposta no informe elaborado por un perito xudicial inmobiliario para o Concello que, segundo o seu autor, está baseado na cartografía a escala 1/5.000 da Xunta de Galicia, no plano de clasificación do monte comunal dos veciños de Refoxos, na cartografía a escala 1/25.000 do IXN, no límite das parcelas catastrais e nos datos tomados en campo da esquina do linde en que se sitúa o marco 10 segundo a acta de 1940 e un burato escavado no terreo de aproximadamente 0,5 m de profundidade e 1 m de diámetro que se atopa nas proximidades do marco 9 e que veciños do concello de Cortegada afirman que é onde estivo situado o dito marco.

Segundo fundamenta o Instituto Xeográfico Nacional no seu informe, o burato, de dimensións aproximadas 1m×1m×0,5 m, atopado nas inmediacións, que o Concello de Cortegada propón como a situación do marco 9 non pode ser atendida xa que cos cálculos xeométricos realizados sitúan o dito marco a 22 m do citado burato.

O Concello de Gomesende fundamenta a súa proposta no informe elaborado para ese concello por dous enxeñeiros técnicos agrícolas. No dito informe fíxanse xeometricamente os marcos 9 e 10 da acta de 1940 con base no caderno topográfico correspondente á citada acta desde o marco 6 ao marco 17, ambos atopados sobre o terreo. A posición que se propón para o marco 10 atópase a 7,5 m ao sueste da actual «esquina noreste da cerca de terra e pedras» descrita na acta do 23 de outubro de 1940.

O Instituto Xeográfico Nacional fundamenta na súa proposta a desestimación do Concello de Gomesende en relación á situación do marco 10 baseándose no linde atopado que corresponde coas características da recollida na acta de outubro de 1940 e que permaneceu invariable no tempo xa que na ortofotografía do ano 1956 procedente do voo do AMS pódese apreciar que coincide cos puntos da cerca de terra e pedras tomados na actualidade en campo polos técnicos deste instituto.

Con data do 1 de agosto de 2012 o Instituto Xeográfico Nacional emite o preceptivo informe de conformidade co artigo 44 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O día 27 de decembro de 2012 recibiuse no rexistro da Dirección Xeral de Administración Local o informe da Deputación Provincial de Pontevedra acorde co informe do Instituto Xeográfico Nacional.

Con data do 18 de febreiro de 2013 a Comisión Galega de Delimitación Territorial aproba por unanimidade o informe proposta da Dirección Xeral de Administración Local.

A motivación da resolución deste expediente reside nos seguintes fundamentos xurídicos:

1. De conformidade co disposto nos artigo 41 e 44.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os conflitos que poidan suscitarse entre municipios en relación co deslindamento dos seus termos serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da deputación provincial respectiva, da Comisión Galega de Delimitación Territorial e do ditame do Consello Consultivo.

No expediente de deslindamento dos termos municipais de Cortegada e Gomesende, obsérvase que existe un claro desacordo entre os ambos municipios ao respecto. Este suposto de feito está comprendido dentro da definición que o Consello Consultivo de Galicia, seguindo a doutrina do Consello de Estado, realizou no seu ditame número 35 do 17 de marzo de 2000, onde sinala que deslindar é identificar e distinguir os lindeiros reais que separan dous ou máis termos municipais, por non mediar acordo e existiren discrepancias ou contradicións sobre os lindeiros sinalados nunha acta de deslindamento anterior ou entre os declarados por actas precedentes e sucesivas no tempo.

En consecuencia, é necesaria a intervención do Consello da Xunta de Galicia para resolver o conflito, ao abeiro do artigo 44.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. A resolución deste expediente polo Consello da Xunta de Galicia non menoscaba os dereitos dos concellos afectados, pois estes conservan o dereito a obter un pronunciamento xurisdicional sobre a controversia relativa á liña límite entre os seus termos municipais.

3. Entre a documentación que consta neste expediente de deslindamento unicamente figuran dous documentos que recollan acordo entre as partes respecto dos seus límites de xurisdición:

– Acta de deslindamento, do 7 de xullo de 1925, levantada polas comisións designadas por ambos os concellos en cumprimento do capítulo 3º do Real decreto da Presidencia do Directorio Militar do 3 de abril de 1925 e Circular do Gobernador Civil do 17 de outubro.

– Acta de deslindamento, levantada polo Instituto Xeográfico e Catastral o día 23 de outubro de 1940, co seu respectivo levantamento topográfico de campo («caderno de campo» ) tamén de outubro de 1940.

A pesar da xurisprudencia consolidada do Tribunal Supremo, que remite ao primeiro deslindamento de mutuo acordo, no caso concreto ambos os concellos aceptan a proposta formulada polo Instituto Xeográfico Nacional de basearse no deslindamento de mutuo acordo de 1940. A acta de 1925 por si mesma non se pode comprobar sobre o terreo polas imprecisións técnicas que padece (así, por exemplo, a distancia que indica entre os marcos en litixio é de 100 metros, cando, na realidade, ambos os puntos se atopan situados a 672 metros). A acta de 1925 fai referencia ás mesmas paraxes e marcos que a de 1940, que si dispón dos datos xeométricos do caderno topográfico asociado a ela.

Para a identificación destes puntos utilizáronse tamén os fotogramas aéreos ortorrectificados do voo americano do Army Map Service (AMS) do ano 1956 da zona, que é a representación continua do terreo máis próxima no tempo á data da acta.

Todos os traballos de campo se calcularon en coordenadas UTM, fuso 29 e sistema xeodésico de referencia ETRS89.

4. O Instituto Xeográfico Nacional e a Deputación Provincial de Ourense decidiron nos seus preceptivos informes, e a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia aprobou por unanimidade, que a liña límite xurisdicional entre os termos municipais de Cortegada e Gomesende na zona litixiosa sexa a que se recolle na acta de deslindamento subscrita por ambos os concellos o día 18 de outubro de 1940 interpretada segundo os marcos 6 e 7 e as esquinas das respectivas lindes nas cales sitúa a dita acta os marcos 10 e 11, corrixida da influencia da declinación magnética e da converxencia da cuadrícula UTM.

Coa motivación exposta nos parágrafos anteriores, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO:

Primeiro. Resolver a cuestión suscitada entre os concellos de Cortegada e Gomesende sobre o deslindamento dos seus termos municipais no senso de establecer que a liña límite xurisdicional entre os ditos termos municipais na zona litixiosa sexa a que se recolle na acta levantada por ambos os concellos o día 23 de outubro de 1940, segundo a proposta realizada polo Instituto Xeográfico Nacional e definida polas coordenadas que constan como anexo I a este decreto e tal e como se representa no ortofotomapa E: 1:5.000 do Instituto Xeográfico Nacional, que figura como anexo II deste decreto.

Segundo. Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra este decreto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou calquera outro recurso que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

A seguir relaciónanse as coordenadas UTM, nos sistemas xeodésicos de referencia ETRS89 e ED50, proxección UTM, fuso 29, dos marcos que concretan xeometricamente a liña límite proposta polo Instituto Xeográfico Nacional:

Punto

X ETRS89

Y ETRS89

X ED50

Y ED50

Liña límite ao marco anterior

M.9=

572959.6

4672210.9

573084.7

4672425.7

M.10

572721.4

4671582.3

572846.5

4671797.1

Liña recta

ANEXO II

missing image file