Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 4 de xullo de 2013 Páx. 26632

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 21 de xuño de 2013 pola que se desenvolve o réxime das axudas á constitución e funcionamento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e se convocan para o ano 2013.

O fomento de agrupación de produtores no ámbito da produción agrícola e, concretamente, na produción de planta ornamental e flor é unha medida que incide principalmente na concentración da oferta das producións, na minoración do impacto negativo da estacionalidade e na introdución de novos mercados comerciais co fin de elevar, en definitiva, o nivel de competitividade destas producións e de diversificar e dinamizar o medio rural.

A través do Real decreto 233/2002, do 1 de marzo, establecíase a regulación e o recoñecemento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e as axudas á súa constitución e funcionamento.

O apoio á formación de estruturas de produción ben dimensionadas e acordes cos retos produtivos e comerciais do mercado establécese na actualidade a través das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2007-2013 (2006/C 319/01), que permiten subvencionar con fondos estatais actuacións que contribúan a mellorar a competitividade do sector agrario sen vulnerar o libre mercado.

O artigo 7 do antedito real decreto atribúe a competencia para a tramitación, resolución e pagamento desta liña de axudas ás diferentes comunidades autónomas. Por tanto, cómpre establecer o procedemento para a súa aplicación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e tendo en conta o recoñecemento desta clase de agrupacións, de conformidade co Real decreto 233/2002, do 1 de marzo.

As axudas previstas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida en que a súa concesión está supeditada a entidades cunhas específicas condicións, sendo estas limitadas no seu número, e non podendo ademais efectuar a súa comparación no tempo, polo que non é necesario establecer unha prelación e comparación entre as solicitudes.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, de acordo co seu artigo 30.3º, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1º, 11 e 13 da Constitución.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, en virtude do Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, (DOG nº 16, do 24 de xaneiro), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, exerce a través da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, as competencias sobre a formación, promoción e fomento del asociacionismo agrogandeiro. Por todo isto,

DISPOÑO:

Sección 1ª. Bases reguladoras das axudas para á constitución e funcionamento das Agrupacións de Produtores de Plantas Vivas e Produtos da Floricultura

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as normas para a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia da concesión de axudas previstas no Real decreto 233/2002, do 1 de marzo, polo que se regula o recoñecemento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e se establecen medidas de apoio á súa constitución e ao seu funcionamento.

Artigo 2. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión destas axudas efectuarase, de acordo co artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en atención á mera concorrencia dunha determinada situación no perceptor, tramitarase e resolverase de forma independente, sen que sexa necesario establecer a comparación das solicitudes nin a prelación entre elas.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán solicitar estas axudas as agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura recoñecidas como tales pola Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do disposto no Real decreto 233/2002, do 1 de marzo, e demais disposicións que o desenvolvan.

2. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, ter sido declaradas en concurso, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

Artigo 4. Obrigas dos beneficiarios

Con carácter xeral, son obrigas do beneficiario:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 4 do artigo 18 da Lei xeral de subvencións e no artigo 15.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos a que se remite o artigo 13 desta orde.

i) Comunicar ao órgano concedente todos aqueles cambios de domicilio para efectos de notificacións, durante o período en que a axuda é regulamentariamente susceptible de control.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

Poderán subvencionarse aqueles gastos destinados á constitución e funcionamento da agrupación e poderanse incluír, entre outros, o aluguer de locais apropiados, a adquisición de material de oficina, incluídos ordenadores e programas informáticos, os custos do persoal administrativo, os custos xerais e os gastos legais e administrativos.

Artigo 6. Contía da axuda

1. O importe das axudas concedidas ás agrupacións para os cinco anos posteriores á data do seu recoñecemento será, no primeiro ano, o custo total dos gastos de constitución e funcionamento administrativo que fosen xustificados de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nos anos seguintes o importe será o custo total dos gastos mencionados anteriormente, co límite do 80 % no segundo ano, do 60 % no terceiro, do 40 % no cuarto e do 20 % no quinto ano. Así mesmo, o importe da axuda tampouco poderá exceder o 5 % do valor das vendas de cada anualidade respectiva.

2. En ningún caso a axuda concedida a unha agrupación de produtores poderá superar o límite de 400.000 euros nun período de 5 anos posteriores á data de recoñecemento.

3. Pagarase en fraccións anuais, como máximo durante o período de sete anos posteriores á data do recoñecemento.

4. En ningún caso poderán concederse estas axudas respecto de gastos posteriores ao quinto ano desde a data de recoñecemento, nin poderán acordarse axudas despois do sétimo ano seguinte ao recoñecemento das agrupacións de produtores de que se trata.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As agrupacións interesadas en acceder ás axudas previstas nesta orde dirixirán a solicitude de axuda á Consellería do Medio Rural e do Mar conforme o modelo normalizado que figura no anexo I, mais a documentación que se relaciona neste artigo.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Neste caso, a documentación que se xunta á solicitude deberá presentarse en documento orixinal ou fotocopia cotexada, de acordo co establecido no artigo 38.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. A presentación da solicitude de axuda polo interesado suporá a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

5. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo (DOG nº 53, do 9 de agosto), de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

6. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do NIF da entidade.

b) DNI do seu representante legal, no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e acreditación da súa representación.

c) Fotocopia cotexada dos documentos acreditativos da constitución da entidade e, de ser o caso, das súas modificacións, debidamente inscritos no rexistro correspondente, sempre e cando non se achegasen nas anteriores convocatorias de axuda.

d) Certificación do acordo da asemblea ou, de ser o caso, do órgano de goberno, de solicitar a axuda, indicando o seu obxecto e facultando o representante legal para efectuar os trámites oportunos, de acordo co anexo II.

e) Declaración responsable do representante legal da entidade en que se faga constar que a entidade non solicitou nin obtivo subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración pública ou ente público ou privado, nacional ou internacional, de acordo co anexo III.

f) Declaración responsable do representante legal de que a entidade non está incursa nos supostos de prohibición para ser beneficiario, consignados no artigo 3 desta orde segundo o anexo I.

Artigo 8. Tramitación e resolución das axudas

1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar instruirá os expedientes, realizando de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos no artigo anterior, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 71.1º e 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Verificado o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, emitirase o correspondente informe técnico ao órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar.

3. A persoa titular desta consellería, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de cinco meses contados a partir da data de entrada da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

4. No prazo de quince días contados desde o seguinte ao da notificación da resolución, o interesado deberá formular a aceptación ou renuncia expresa da subvención de acordo co anexo V. Se transcorrido este prazo o interesado non o fai, a resolución ditada perderá a súa eficacia e acordarase o arquivo con notificación ao interesado.

Artigo 9. Xustificación e pagamento da axuda

1. A xustificación do cumprimento das actividades subvencionables de acordo coa dita orde achegaraa o beneficiario no prazo de dez días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da axuda, e sempre antes do 15 de decembro, incluído este.

2. A xustificación desta subvención requirira achegar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva dos efectivos produtivos e do programa de actuación desenvolto pola agrupación solicitante, incluíndo especificamente aquelas accións relacionadas cos conceptos subvencionables.

b) Relación de facturas de vendas dos produtos recoñecidos.

c) Relación de gastos de constitución e funcionamento administrativo de acordo co anexo IV, correspondente ao período anual de que se trate, clasificados segundo as diversas epígrafes subvencionables.

d) Transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento, orixinal ou cotexado, que demostre fidedignamente o seu pagamento efectivo.

e) Certificación da agrupación do valor das vendas dos produtos recoñecidos durante o período anual de funcionamento para o cal se solicita a axuda, achegando a documentación contable xustificativa deles.

f) Copia cotexada do libro de rexistro de socios produtores do período anual de funcionamento, debidamente dilixenciado polo organismo competente.

g) Balance, conta de resultados do último exercicio económico e, de ser o caso, conta de explotación da actividade económica para a que se recoñeceu como agrupación de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura.

h) Certificación da acta da sesión da asemblea xeral ou órgano de goberno que corresponda, onde se aproban os documentos mencionados na letra anterior.

i) Calquera outra documentación adicional de carácter complementario que se indique expresamente na resolución de concesión da subvención e que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

3. De conformidade co artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 31.2º da Lei xeral de subvencións, considerarase gasto realizado o que sexa efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período anual de funcionamento para o cal se solicita a axuda.

4. A acreditación dos gastos será mediante facturas orixinais ou copias cotexadas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, conforme o establecido no artigo 28.3 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do 30.3º da Lei xeral de subvencións.

5. Os gastos de persoal xustificaranse mediante o orixinal ou copia cotexada do contrato laboral, da nómina e do seu aboamento bancario, TC1, TC2, xustificante de retencións e ingresos á conta do IRPF (modelo 110) e certificado asinado polo representante legal da entidade, das retribucións íntegras e da cota patronal neta (excluídas as bonificacións que, de ser o caso, existan).

6. O aboamento da axuda efectuarase nun só pagamento en firme, mediante transferencia bancaria á conta que a agrupación indique na solicitude.

Artigo 10. Incompatibilidade das axudas

Estas axudas serán incompatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 11. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos, conceptos ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

Artigo 12. Reintegro da axuda

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida xunto cos xuros de demora producidos desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se dite resolución de reintegro, nos supostos previstos nos artigos 36 e 37 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, así como nos demais supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Réxime sancionador

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios destas axudas seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei xeral de subvencións e nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 15. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fora expresa.

Sección 2ª. Convocatoria para o ano 2013

Artigo 16. Obxecto

Esta sección ten por obxecto realizar a convocatoria para o ano 2013, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas establecidas nesta orde.

Artigo 17. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de solicitude será desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 30 de novembro de 2013. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 18. Financiamento das axudas

As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos fondos transferidos polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama), de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e conforme o establecido no artigo 86 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria, e financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.712C 770.3 e código de proxecto 2010 – 01257 , cunha dotación de 14.000 euros.

Poderase proceder a incrementar a cantidade fixada anteriormente, de acordo co establecido no punto 2 do artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse por:

– A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, de acordo co establecido na súa disposición derradeira primeira, así como co seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, conforme a súa disposición derradeira primeira.

– A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Facultase a persoa titular da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para que dite os actos necesarios para o desenvolvemento e a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file