Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 3 de xullo de 2013 Páx. 26550

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Nigrán

ANUNCIO de información pública sobre o Plan xeral de ordenación municipal (expediente 2007/090S).

Asunto: Plan xeral de ordenación municipal de Nigrán.

Expte. nº: 2007/090S.

Trámite: información pública da aprobación inicial.

Órgano: Pleno do Concello, sesión do 14 de xuño de 2013.

Norma: Lei do Parlamento de Galicia nº 9/2002, do 30 de decembro; artigos 85.2 e 77.2.

Prazo: dous meses, desde a publicación no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co previsto na normativa aplicable ao procedemento correspondente, durante o prazo sinalado sométense a información pública o expediente e a documentación que contén o Plan xeral de ordenación municipal de Nigrán, incluído o correspondente informe de sustentabilidade ambiental, para que calquera persoa poida examinalo nas dependencias municipais e formular, de ser o caso, as alegacións que considere oportunas.

Ao propio tempo, faise pública a suspensión dos procedementos de outorgamento de licenzas en todo o termo municipal de Nigrán, de conformidade co previsto no artigo 77 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no 120 do Real decreto 2159/1978, do 23 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de planeamento urbanístico.

Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos contados desde esta aprobación e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do plan xeral.

De xeito excepcional, durante o período de suspensión poderán concederse aquelas licenzas que se amparen no réxime das vixentes normas subsidiarias de planeamento municipal, sempre que se respecten, ademais, as determinacións do novo plan xeral en trámite, e, en particular, poderán concederse licenzas nas áreas de planeamento incorporado recollidas no novo plan: API-1 Porto do Molle, API-2 Dunas de Gaifar e API-3 Os  Abetos.

Ademais, en termos xerais, a suspensión tampouco afectará as solicitudes de licenzas de obras menores relativas á mera conservación e as necesarias para o mantemento do uso preexistente.

Nigrán, 20 de xuño de 2013

Alberto Valverde Pérez
Alcalde