Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 3 de xullo de 2013 Páx. 26308

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 103/2013, do 20 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de acondicionamento da intersección da E.P. 8503 Cordeiro-Senín coa N-550 (concello de Valga).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión do día vinte e dous de febreiro de dous mil trece, aprobou o proxecto de obras de acondicionamento da intersección da E.P. 8503 Cordeiro-Senín coa N-550 (concello de Valga) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan a Deputación e o informe do técnico provincial, en datas recentes o Ministerio de Fomento levou a cabo obras de mellora na N-550 ao seu paso polo Concello de Valga, entre as que se encontra a mellora do enlace coa estrada provincial 8503 Cordeiro-Senín.

Co fin de completar a seguridade viaria no antedito entronque resulta necesario acometer as obras de mellora na zona pertencente á vía provincial, eliminando o estreitamento existente e mellorando así a seguridade. Neste sentido non hai que esquecer que calquera mellora nunha estrada vai supor a minoración de riscos de accidente e, en consecuencia, nunha materia na cal está en xogo a vida humana, a utilidade pública da obra e a urxencia na súa execución está sempre xustificada.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de acondicionamento da intersección da E.P. 8503 Cordeiro-Senín coa N-550 (concello de Valga). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberán obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2013

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza