Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 3 de xullo de 2013 Páx. 26305

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2013 pola que se nomean os membros do Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

O artigo 36 bis do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo prevé, para garantir a adecuada cooperación na aplicación das normas de protección das augas, a creación dos comités de autoridades competentes.

Consonte esta previsión legal, a disposición adicional sexta do Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial crea o Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que se adscribe á consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de augas.

Segundo o previsto no número 4 da disposición adicional sexta do Decreto 32/2012, xa citado, o Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa estará integrado pola presidencia de Augas de Galicia e polos representantes que se indican no mesmo precepto. Unha vez recibidas as propostas de membros representantes realizadas polas distintas administracións afectadas, procede o nomeamento dos membros do dito comité.

Por todo isto, en virtude do establecido no número 6 da disposición adicional sexta do Decreto 32/2012, xa citado,

DISPOÑO:

Nomear como membros do Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa as persoas titulares dos postos que se indican:

1. Suplencia da presidencia: a persoa titular da dirección de Augas de Galicia.

2. Tres representantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta de cada unha das consellerías competentes nas seguintes materias:

2.1. Un ou unha por proposta da consellería con competencias en materia de augas:

– Titular: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

– Suplente: a persoa titular da Vicesecretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2.2. Un ou unha por proposta da consellería competente en materia de pesca:

– Titular: a persoa titular da Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

– Suplente: a persoa titular da xefatura do Servizo de Planificación da Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

2.3. Un ou unha en representación de todas as consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da consellería con competencias en materia de administracións públicas.

– Titular: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

– Suplente: a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

3. Dous ou dúas representantes das entidades locais do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias.

– Titular: a persoa titular da alcaldía de Ponte Caldelas.

– Suplente: a persoa titular da alcaldía de Touro.

– Titular: a persoa titular da alcaldía de Caldas de Reis.

– Suplente: a persoa titular da concellaría do Medio Rural, Cultura e parroquia de San Clemente de Cesar.

4. Un ou unha representante por proposta da Administración xeral do Estado.

– Titular: a persoa titular da presidencia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

– Suplente: a persoa titular da xefatura da Oficina de Planificación Hidrolóxica.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente de Augas de Galicia