Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2013 Páx. 25681

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2013.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no exercicio das súas competencias de fomento do audiovisual galego, consciente da importancia de establecer liñas de apoio para facilitar a emerxencia do talento e a innovación audiovisual, proponse realizar un programa que aposte pola aparición de novos creadores audiovisuais en Galicia, así como a promoción de novas estéticas narrativas ou experimentais de decidido contido artístico e cultural, co propósito de contribuír á promoción da diversidade cultural e ao desenvolvemento de novas formas de expresión audiovisual dentro do noso país.

Por medio desta convocatoria de subvencións, a Axencia Galega das Industrias Culturais pretende fomentar a creación cultural no campo do sector audiovisual e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes ou longametraxes dixitais de decidida vocación artística e cultural realizadas por creadores individuais.

Nesta resolución establécense as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións para a escrita e produción de proxectos en versión orixinal galega –entendendo como tal a rodaxe/gravación en lingua galega– co obxectivo de estimular a creación de novos profesionais da industria audiovisual galega, impulsar as novas tecnoloxías e contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual atribúe ao sector na normalización da lingua galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Mediante esta resolución establécense as bases reguladoras da concesión de subvencións de creación audiovisual para a escrita individual de guións e a realización de proxectos de curtametraxes e longametraxes en soporte dixital que se inclúen no anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2013.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 66.000 euros, correspondentes á aplicación 09.A1.432B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2013. A dita cantidade poderá ser incrementada como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o cal poderá dar lugar á concesión de máis axudas de acordo coa orde de prelación dos solicitantes que resulte de aplicación dos criterios de valoración do artigo 8 das bases reguladoras.

2. A axuda que se concederá asume a forma de axuda a fondo perdido, e o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva.

3. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100 % do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda, previstas nas cláusulas que seguen.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Para poder ser beneficiario das subvencións, deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 3 das bases reguladoras.

2. A solicitude de subvención e os demais anexos que a acompañan poderanse obter na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es e tamén a través do enderezo da internet www.agadic.info

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes aos proxectos recollidos nesta resolución será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Artigo 6. Prazo de xustificación das subvencións

O prazo de xustificación para as subvencións rematará o 20 de novembro de 2013. Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sanciones que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 7. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es e no enderezo da Axencia Galega das Industrias Culturais a través da páxina web da Agadic: www.agadic.info

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Dirección da Agadic para ditar as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2013

Jesús Vázquez Abad
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de subvencións para a promoción
e desenvolvemento do talento audiovisual galego

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos presentados por creadores individuais:

Modalidade A: escrita individual de guión. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias, para longametraxes de ficción, documentais ou películas para TV. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros, á cal serán de aplicación as retencións impositivas legalmente previstas.

Modalidade B: curtametraxes. Subvencións para a produción de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega –ficción, animación ou documental– cunha duración inferior a 30 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros, á cal serán de aplicación as retencións impositivas legalmente previstas.

Serán obxecto prioritario desta modalidade aqueles proxectos e obras experimentais de decidido contido artístico e cultural:

– Que propoñan unha ruptura cos códigos narrativos convencionais, é dicir, que vaian alén do tratamento formal das imaxes, dos virtuosismos da montaxe, dun uso do son innovador, dunha mestizaxe de xéneros ou da alteración máis ou menos radical da linearidade narrativa.

– Que aposten polo proceso de rodaxe-gravación como método para atopar unha historia, para captar unha experiencia reveladora que tería sido imposible prever literariamente ou preparar dramaticamente, ou para crear un universo propio comunicable.

– Que supoñan unha indagación subxectiva radical ou unha exploración de universos temáticos polos cales non se aventuran a miúdo as obras audiovisuais.

Cada proxecto deberá estar inscrito nun só tipo ou modalidade.

As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 2, números 2 a 5, do Regulamento (CE) nº 1998/2006.

A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

2. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 1, número 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación as grandes empresas.

Artigo 3. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Declaración do beneficiario de non ter a condición de empresa en crise, conforme a definición prevista no artigo 1, número 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación coas grandes empresas (anexo II).

b) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso (artigo 3.1 do Regulamento de minimis) (anexo II).

c) Declaración doutras axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución (para os mesmos gastos subvencionables), das distintas administración públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo II).

O/a solicitante residente en España dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática da súa residencia ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos (anexo II). No caso de que o solicitante non queira autorizar a Agadic para obter os datos da súa residencia, así como os solicitantes residentes noutro Estado da Unión Europea, terá que achegar copia do certificado de empadroamento en Galicia ou nun Estado membro da UE ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

O/A solicitante con documento de identidade español dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos (anexo II). No caso de que o solicitante non queira autorizar á Agadic para obter os datos do seu DNI, así como dos solicitantes con documentación de identidade non española, terá que achegar a copia do documento de identificación xunto co resto da documentación.

3. Ademais da documentación anterior, achegarase un exemplar sen encadernar da seguinte documentación técnica, que se enviará directamente á comisión, para a súa avaliación:

Modalidade A: escrita individual de guión para longametraxes.

A) Historial profesional do solicitante.

B) Memoria explicativa do proxecto cunha extensión mínima de cinco páxinas, onde se inclúa unha reflexión sobre a viabilidade do proxecto no audiovisual galego.

C) Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.

D) Tratamento ou argumento do proxecto de guión, cunha extensión mínima de 20 páxinas a dobre espazo.

E) Se o proxecto é un guión orixinal: declaración subscrita polo solicitante de que o proxecto é obra orixinal e non foi desenvolvido. Se é un guión adaptado: declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.

F) Declaración que especifique a lingua orixinal da escrita.

Modalidade B: curtametraxes.

A) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión mínima de cinco páxinas.

B) Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de dúas páxinas.

C) Guión definitivo da produción.

D) Calendario do proxecto e plan de produción.

E) Currículo do equipo técnico-artístico.

F) Declaración que especifique a lingua orixinal de rodaxe/gravación.

G) Calquera outra documentación que o solicitante ache pertinente para a mellor defensa do proxecto.

A documentación técnica citada poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presente deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG. Os servizos administrativos da Agadic comprobarán, antes da súa remisión á comisión, que os arquivos son lexibles.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión das subvencións comportará a autorización á Dirección da Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto nos artigos 20.4º e 31.7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

2. De conformidade co establecido no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 5. Órganos competentes

A dirección da Agadic será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das axudas, e correspóndelle á Presidencia do Consello Reitor ditar a resolución de concesión da axuda.

Artigo 6. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude ou a documentación administrativa obrigatoria citada no artigo 3.1 non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación administrativa necesaria, a documentación técnica será remitida á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 7 destas bases reguladoras.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 7. Comisión de valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 8 destas bases reguladoras, así como de propoñer a concesión ou denegación das axudas aos interesados.

2. A comisión de valoración estará formada por expertos independentes, nomeados polo presidente do Consello Reitor da Agadic, e será presidida polo seu director ou persoa en quen delegue. Da comisión formarán parte catro vogais, profesionais de recoñecido prestixio no mundo cultural ou audiovisual, e actuará como secretario unha persoa designada polo director da Agadic pertencente ao cadro de persoal da Agadic, con voz e sen voto. Os membros das comisións de expertos declararán por escrito que non terán relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria.

3. As decisións do comité de expertos especificarán a avaliación que lles corresponde, en aplicación dos criterios de valoración, e proporán para ser subvencionados os 6 proxectos con maior puntuación de cada modalidade.

Artigo 8. Criterios de valoración

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 70 puntos):

1. Valoración do guión:

a) Orixinalidade e calidade do proxecto do guión (ata 25 puntos).

b) Viabilidade cinematográfica do proxecto (ata 25 puntos).

c) Contribución á emerxencia dun audiovisual con mirada propia (ata 10 puntos).

d) Currículo e traxectoria do creador individual solicitante (ata 10 puntos).

2. Valoración das curtametraxes.

a) Calidade e valor artístico do guión (ata 20 puntos).

b) Contribución á experimentación, busca, investigación e innovación na linguaxe audiovisual (ata 20 puntos).

c) Viabilidade da execución do proxecto, axuste entre o proxecto e o orzamento, e cobertura do financiamento (ata 20 puntos).

d) Currículo e traxectoria do creador individual solicitante (ata 10 puntos).

Artigo 9. Resolución e notificación

1. A comisión de valoración emitirá o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a proposta de subvencionados. O órgano instrutor enviaralle o informe da comisión de valoración, xunto coa proposta de resolución, á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, e á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada, e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a contía da subvención concedida e a finalidade do proxecto de creación.

5. Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro).

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante á Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación ou publicación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Modificación da resolución

A alteración substancial das condicións definitorias do proxecto consideradas para a concesión das subvencións e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que non estivesen recollidas no plan de financiamento presentado en cumprimento do artigo 3 destas bases reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á axuda, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A renuncia poderá facerse axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a Dirección da Agadic ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º desta lei.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das axudas á creación, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos. As producións resultantes deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título ou modificación nos responsables do equipo técnico e/ou nos papeis protagonistas do elenco artístico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

2. Nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único «Coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais», de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Así mesmo, en todos os materiais de promoción, distribución e publicidade da obra (carteis, músicas, portadas ou outros materiais) farase constar que a produción contou coa axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais.

3. Así mesmo, estarán obrigados a facilitarlle á Agadic copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (guión definitivo, carteis, fotografías, músicas, capas e outros materiais).

4. Os beneficiarios dan autorización expresa á Agadic para a utilización da produción resultante co obxecto da súa socialización, nas actividades de promoción e difusión que lle corresponden. En todo caso, e para a comprobación da realización da actividade ou para a socialización non lucrativa dela, a Agadic poderá realizar cantas copias considere precisas.

5. Os beneficiarios deberán enviar unha ficha do proxecto debidamente cuberta para a súa publicación na páxina web da Agadic.

Artigo 14. Xustificación da subvención de creación

O beneficiario deberá presentar no Rexistro Xeral da Agadic, co prazo límite da data indicada na correspondente convocatoria anual, a memoria xustificativa da realización da subvención de creación audiovisual, que conterá:

1. Unha memoria de actuación con indicación das actividades realizadas para a escrita do guión, realización da curtametraxe ou longametraxe.

2. Dúas copias do guión definitivo no caso da modalidade A e no caso de curtametraxes e longametraxes procederase á entrega de dúas copias en DVD en perfecto estado.

3. Un exemplar do guión, curtametraxe ou longametraxe definitivos en lingua galega.

4. Certificado de inscrición no Rexistro de Propiedade Intelectual.

5. Autorización para a socialización da actividade subvencionada con fins culturais e de promoción do audiovisual galego por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais.

6. Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación.

Artigo 15. Pagamento

1. Tras solicitude á Dirección da Agadic, poderase autorizar un anticipo de ata o 50 % da subvención. Para recibir o anticipo deberase presentar:

a) Petición do libramento con indicación dos motivos que exixen o pagamento anticipado.

b) Declaración asinada do conxunto de subvencións obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado.

Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O importe total ou restante, en caso de ter recibido o anticipo, será aboado tras cumprir os requisitos enumerados no artigo 14.

Artigo 16. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as cantidades percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Control

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe da subvención de creación.

Artigo 18. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases, haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file