Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2013 Páx. 25678

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2013, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, de delegación de competencias nos xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar.

O 23 de xullo de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Esta lei estruturou un marco xurídico que simplificou os medios necesarios para o seu cumprimento, permitiu unha maior axilidade ao conxunto do sector con novos instrumentos de ordenación e de xestión forestal e simplificou, así mesmo, os procedementos de autorización, permitindo optimizar as distintas actividades forestais sen menoscabo dos dereitos dos propietarios e dos intereses colectivos da sociedade.

Así mesmo, a actividade administrativa da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes viuse incrementada coa aprobación da dita lei. Esta lei implicou unha concentración de funcións arredor do titular do órgano forestal da Comunidade Autónoma, entendido este, tal e como di o artigo 8.1 da dita lei, como o órgano da Comunidade Autónoma, con rango de dirección xeral ou secretaría xeral, con competencias en materia de montes, isto é, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes.

Esta concentración de funcións arredor do órgano forestal da Comunidade Autónoma aconsella, dado o volume, recorrer á delegación de competencias nos xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda no beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Esta delegación foi aprobada previamente pola conselleira do Medio Rural e do Mar con data do 17 de xuño de 2013.

De conformidade co artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 6.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

ACORDO:

Primeiro. Delegar nos xefes territoriais competentes por razón do territorio, as seguintes competencias establecidas na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia:

a) A emisión do informe da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes nos montes catalogados para as autorizacións a que fai referencia o artigo 37.1.

b) A emisión de informe favorable de compatibilidade coa persistencia dos valores naturais para as solicitudes de concesión para uso privativo en montes catalogados consonte co artigo 39.2.

c) O outorgamento de concesións do uso do dominio público forestal nos montes catalogados, de conformidade co artigo 40.1.

d) O outorgamento de concesións de interese particular do artigo 41.

e) A suspensión temporal do exercicio de servidumes existentes en montes públicos, do artigo 42.

f) A convocatoria de xuntas xestoras nos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, do artigo 45.3.

g) O acordo de inicio do procedemento de deslindamento dos montes públicos, consonte cos artigos 47, 48 e 49.

h) A realización de actuacións preparatorias do procedemento de deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares recollidas no artigo 54.1 e a emisión do informe a que fai referencia o artigo 54.2.

i) A autorización para a adquisición por compra de terras polas comunidades de montes veciñais en man común, consonte co artigo 57.3.

j) A emisión de informe para o cambio de uso forestal dun monte, de conformidade co artigo 59.1.

k) A concesión de autorizacións para cambios de actividade forestal a agrícola establecidas no artigo 60.

l) A autorización para as forestacións do artigo 61, cando se realicen en solo rústico de especial protección agropecuaria, consonte co artigo 62.4.

m) A autorización para a realización nos montes de actos, incluíndo os deportivos de motor, que leven consigo unha afluencia de público indeterminada ou extraordinaria, ou de actividades relacionadas co tránsito motorizado, nos casos de ausencia de instrumento de planificación, ordenación ou xestión, de conformidade co previsto polo artigo 88.2.

n) O outorgamento da autorización aos titulares de pistas forestais para regular o tránsito aberto motorizado, conforme o artigo 98.3.

ñ) A autorización para a realización de obras de reforma, modificación, transformación ou renovación das pistas principais, que supoñan alteración ou limitación do seu carácter forestal, consonte co artigo 98.4.

Segundo. Cantas resolucións sexan adoptadas no exercicio das competencias delegadas establecidas na presente resolución deberán facer expresa constancia de tal circunstancia mediante a mención desta resolución e da súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. En calquera momento, o secretario xeral de Medio Rural e Montes poderá revogar a delegación ou avogar o coñecemento dun asunto mediante a correspondente resolución.

Disposición derradeira

A presente resolución producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2013

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral de Medio Rural e Montes