Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2013 Páx. 25670

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 100/2013, do 13 de xuño, polo que se modifica o Decreto 221/2012, do 31 de outubro, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu capítulo II, do título II, o réxime xeral de xestión, recadación e recursos en materia de prezos públicos.

O artigo 47 da mencionada lei sinala que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o órgano ou entidade ofertante. Por outra banda, hai que ter en conta que mediante o Decreto 16/1991 foron asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos do Instituto Nacional da Saúde.

Así mesmo, o artigo 76 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece que lle corresponde á Consellería de Sanidade aprobar os módulos económicos para a prestación dos servizos propios, conveniados ou contratados do Servizo Galego de Saúde, así como a súa modificación.

En virtude do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, os ingresos procedentes da prestación de servizos sanitarios por parte das fundacións teñen a consideración de ingresos de dereito público, polo que é necesario incluír os prezos dos servizos prestados polas fundacións sanitarias neste decreto.

O 21 de marzo de 2013 entrou en vigor un novo Convenio marco para a atención de lesionados en accidente de tráfico, asinado entre a Unión Española de Entidades Aseguradoras y Reaseguradoras (Unespa), o Consorcio de Compensación de Seguros e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061.

Así mesmo, o Convenio marco de asistencia sanitaria pública asinado no ano 2010 entre o Servizo Galego de Saúde, o Consorcio de Compensación de Seguros e a Unión Española de Entidades Aseguradoras y Reaseguradoras (Unespa) determina unhas novas tarifas para o ano 2013.

Polo tanto, é necesario adaptar as tarifas ao custo real dos servizos prestados, o cal implica deixar sen contido o anexo II do Decreto 221/2012, do 21 de novembro, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias, substituíndoo polo anexo deste decreto.

Na súa virtude, de conformidade co establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informe previos correspondentes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 221/2012, do 31 de outubro, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias.

Un. Modificase o artigo 1, parágrafo 3, letra b), que queda redactado da seguinte forma:

«b) Convenio marco para a atención de lesionados en accidentes de tráfico, asinado o 21 de marzo de 2013 entre a Unión Española de Entidades Aseguradoras y Reaseguradoras (Unespa), o Consorcio de Compensación de Seguros e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para o exercicio 2013».

Dous. Queda sen contido o anexo II do Decreto 221/2012, do 31 de outubro, que será substituído polo anexo deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e a execución do establecido neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO

1. Tarifas de asistencia sanitaria a lesionados en accidentes de tráfico nos supostos recollidos no Convenio marco de asistencia sanitaria derivada de accidentes de tráfico para o ano 2013 con institucións sanitarias públicas con cobertura de responsabilidade civil derivada do uso e da circulación de vehículos de motor de subscrición obrigatoria, aplicables nas institucións propias ou nas alleas concertadas en réxime de administración e financiamento directo.

A. Hospitalización.

Hospitalización en planta, prezo por estadía e día, cada un dos 5 primeiros días: 558 €.

Hospitalización en planta, prezo por estadía e día, cada un dos días seguintes a partir do 6º día: 500 €.

Hospitalización en UVI, prezo por estadía e día: 1.036 €.

Estes importes comprenden todos os gastos asistenciais, con excepción do transporte sanitario e a rehabilitación, que, de ser o caso, se facturarán á parte.

Considérase día de estadía a permanencia na hora censual (as cero horas) dunha persoa lesionada ingresada no hospital para a atención dun proceso patolóxico.

Só terán carácter de UVI as unidades consideradas tradicionalmente como tales, non será aplicable este prezo a unidades similares á UVI que puidesen implementar os servizos de saúde.

B. Asistencia de urxencia sen ingreso ou primeira asistencia.

Prezo por persoa lesionada atendida: 231 €.

C. Rehabilitación.

Prezo por día de rehabilitación: 22 €.

A facturación farase por día de rehabilitación, independentemente do número de sesións que se practiquen no día que se factura.

D. Unidades de lesionados medulares e queimados.

Hospitalización en planta, prezo por estadía e día: 576 €.

Hospitalización en UVI, prezo por estadía e día: 1.036 €.

Estes prezos só serán de aplicación por aqueles hospitais que dispoñan respectivamente de unidades de lesionados medulares e de unidades de queimados.

E. Límite para a persoa que conduza vehículo único.

O importe da facturación das prestacións sanitarias no caso do condutor dun sinistro no que intervén un só vehículo non poderá ser superior a 7.281 €.

F. Transporte sanitario.

O traslado da persoa lesionada facturarase de conformidade cos prezos:

1. Servizos programados:

Fixo

km

1.1. Individual

38 €

0,59 €

1.2. Colectivo (rehabilitación, probas, consultas etc.)

29 €

0,46 €

1.3. Traslado de críticos en UVI móbil

307 €

1,06 €

2. Servizos non programados:

2.1. Individual convencional (altas hospitalarias)

43 €

0,59 €

Nos casos en que se utilice transporte distinto ao propio da entidade xestora ou concertado por esta, será a entidade aseguradora a que se fará cargo do pagamento directo dos gastos de citado transporte, logo da conformidade da aseguradora.

2. Tarifas de asistencia sanitaria a lesionados/as en accidentes de tráfico nos supostos recollidos no convenio subscrito entre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Unión Española de Entidades Aseguradoras y Reaseguradoras (Unespa) e o Consorcio de Compensación de Seguros, para a atención de lesionados/as en accidentes de tráfico mediante servizos de emerxencias sanitarias.

A. Asistencia e traslado de urxencias no lugar do accidente.

Medios terrestres: módulo único para servizos urbanos e interurbanos.

284 € por persoa lesionada trasladada ou atendida, calquera que sexa o tipo de unidade utilizada.

Medios aéreos: circunscritos ao ámbito da Comunidade Autónoma.

3.090 € por saída e transporte (inclúe asistencia e transporte da primeira persoa lesionada).

B. Traslado asistido interhospitalario de persoas lesionadas en estado crítico.

Medios terrestres.

Traslado medicalizado realizado entre centros hospitalarios situados dentro do mesmo termo municipal urbano:

264 € por persoa lesionada trasladada.

Traslado medicalizado realizado entre centros hospitalarios situados fóra do mesmo termo municipal urbano:

264 € por persoa lesionada trasladada + 2,29 euros/km percorrido.

Medios aéreos: circunscritos ao ámbito da Comunidade Autónoma.

3.090 € por saída e transporte (inclúe asistencia da persoa lesionada).