Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2013 Páx. 25668

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de xuño de 2013 pola que se deixa sen efecto a Orde do 25 de setembro de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán os contratos de distribución en exclusiva das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia para Galicia, España e o resto do mundo e as que regularán os contratos de autor, tradución e coedición.

O Diario Oficial de Galicia nº 191, do 2 de outubro, publicou a Orde do 25 de setembro de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán os contratos de distribución en exclusiva das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia, para Galicia, España e o resto do mundo e as que regularán os contratos de autor, tradución e coedición.

Segundo o disposto no artigo 10 da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, a Xunta de Galicia centralizará a distribución de todas as publicacións oficiais, de calquera departamento ou organismo do Goberno galego.

O artigo 8.2 da referida norma establece que a Xunta de Galicia organizará a súa actividade editorial por medio dun Servizo Central de Publicacións, que se creará e regulará por medio de normativa específica ditada polo Goberno galego por iniciativa da consellería competente en materia de cultura.

O Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, no seu artigo 7 sinala que o «Servizo do Libro e Publicacións, dependente da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos da Consellería de Cultura e Turismo, será a unidade administrativa responsable da coordinación e xestión da distribución comercial do fondo editorial da Xunta de Galicia...».

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, atribúelle, no seu artigo 10.2.1, ao Servizo do Libro e Publicacións a organización da actividade editorial da Xunta de Galicia, que corresponde ao Servizo Central de Publicacións e a xestión da libraría institucional, así como a edición das obras que sexan de interese xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia e a coordinación da distribución comercial de todas as publicacións producidas pola Xunta de Galicia e os seus organismos dependentes.

Tendo en conta que a centralización das funcións de distribución, edición e coordinación da actividade editorial da Xunta de Galicia se residencia nun único órgano que é tamén o único que promoverá os expedientes de contratación a que a xestión da política editorial da Xunta de Galicia dea lugar e dado que as bases dos contratos que se recollen nos anexos da Orde do 25 de febreiro de 2003 non se axustan ao texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, procede deixar a devandita orde sen efecto.

Por todo isto, en uso da competencia que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Queda sen efecto a Orde do 25 de setembro de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán os contratos de distribución en exclusiva das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia para Galicia, España e o resto do mundo e as que regularán os contratos de autor, tradución e coedición.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria