Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Xoves, 13 de xuño de 2013 Páx. 22427

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2013, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se procede a convocar axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego para o ano 2013 (código de procedemento PR858A).

En cumprimento do disposto no Decreto 103/1994, do 21 de abril, en que se establecen as axudas dirixidas as publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado, modificado polo Decreto 237/2008, do 16 de outubro, e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas económicas dirixidas ás empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego para o ano 2013, de acordo coas súas bases reguladoras, aprobadas mediante a Resolución do 24 de maio de 2013, da Secretaría Xeral de Medios (DOG núm. 101, do 29 de maio).

Artigo 2. Solicitudes

Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta resolución poderaos obter, cubrir, validar e imprimir no modelo normalizado que se publica como anexo a esta orde e que se poderá obter, así mesmo, nos enderezos:

– Sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es

– Web institucional da Secretaría Xeral de Medios: http://medios.xunta.es/axudas-e-subvencions

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

4. De acordo co artigo 8 das bases reguladoras as solicitudes de axuda deberanse presentar acompañadas da documentación correspondente, utilizando os modelos normalizados seguintes e que figuran como anexos numéricos nesta convocatoria:

a) Modelo anexo I. Solicitude de axuda.

b) Modelo anexo II. Declaración responsable acreditativa de requisitos e doutras axudas.

Os solicitantes da axuda achegarán a seguinte documentación:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Autorización para que a Secretaría Xeral de Medios proceda á consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do departamento ministerial competente, incluída no modelo anexo I. No caso de non prestar autorización, debe presentarse a fotocopia compulsada do DNI do representante legal da empresa.

c) Testemuño auténtico da escritura de poder, cando a persoa solicitante actúe en representación da persoa física ou xurídica titular do medio.

d) Certificación actualizada da inscrición no Rexistro Mercantil.

e) Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude en que se faga constar, tanto no que se refire ás persoas físicas como ás xurídicas solicitantes, que non están incursas en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo anexo II.

f) Certificación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

g) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas, segundo o modelo anexo II.

h) Memoria asinada en que se fagan constar os números publicados durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria e na cal se recolla de xeito específico o cumprimento dos requisitos lingüísticos establecidos nas bases reguladoras.

i) Declaración da tiraxe e do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate, durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, acompañado da documentación que o acredite.

j) Documentación pola que se acredite, se é o caso, a prestación da asesoría lingüística a particulares, institucións e outras empresas.

k) Un exemplar de cada número das publicacións para as cales se solicita a axuda en documento informático en formato PDF.

Artigo 3. Financiamento

1. A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo ás aplicacións 04.20.461A.470.0, por importe de 41.341 euros, e 04.20.151A.470.0, por importe de 285.000 euros, dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2013, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Criterios e importes da axuda económica

1. A valoración das solicitudes presentadas basearase e distribuirase de forma proporcional aos seguintes criterios:

a) Criterio referido á periodicidade e números editados.

Distribuirase segundo este criterio o 90 % do crédito total.

b) Criterio referido á tiraxe e difusión de exemplares.

Distribuirase segundo este criterio o 10 % do crédito total. A distribución do crédito será do 5 % en proporción directa á tiraxe e do 5 % en proporción directa á difusión de exemplares da publicación obxecto de avaliación.

2. De acordo co establecido no artigo 11.2 das bases reguladoras, o importe máximo que poderá acadar a axuda económica por beneficiario será de 125.000 euros.

Artigo 5. Composición da comisión de valoración

A comisión de valoración terá a seguinte composición:

1. Presidente: director xeral de Comunicación.

2. Vicepresidente: secretario xeral de Política Lingüística.

3. Vogais:

– A persoa responsable do gabinete de prensa da Dirección Xeral de Comunicación.

– Unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Medios con categoría non inferior a xefe de servizo.

– Unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Política Lingüística con categoría non inferior a xefe de servizo.

– Unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Política Lingüística nomeado por esta.

4. Secretario: unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Medios.

Artigo 6. Xustificación e pagamento

O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación que se establece no artigo 14 das bases reguladoras. Utilizaranse os modelos normalizados seguintes e que figuran como anexos numéricos nesta convocatoria:

a) Modelo anexo II. Declaración responsable acreditativa de requisitos e doutras axudas.

b) Modelo anexo III. Declaración responsable de continuar realizando as publicacións en galego.

c) Modelo anexo IV. Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade.

Artigo 7. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses.

Disposición derradeira

Única. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2013

Mª del Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file