Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Xoves, 13 de xuño de 2013 Páx. 22437

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 5 de xuño de 2013 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

O artigo 74.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, atribúelle a ordenación xeral de pagamentos da Comunidade Autónoma ao conselleiro de Economía e Facenda, competencia asumida pola conselleira de Facenda ao abeiro do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia. O artigo citado indica que tal competencia pode delegarse, de acordo cos procedementos legais aplicables.

A competencia de ordenación xeral de pagamentos leva consigo unha concentración de funcións na conselleira de Facenda que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias, indistintamente, no director xeral de Política Financeira e Tesouro, no subdirector xeral do Tesouro e nos xefes de servizo desa subdirección.

Esta delegación da competencia axiliza a tramitación administrativa e repercute de xeito eficaz na última fase do procedemento de xestión orzamentaria de gastos. A delegación de xeito indistinto no director xeral, no subdirector xeral e nos xefes de servizo desa subdirección efectúa unha eficiente distribución da carga de traballo que comporta.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1

Delégase a función da ordenación xeral de pagamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, indistintamente, no director xeral de Política Financeira e Tesouro, no subdirector xeral do Tesouro e nos xefes de servizo desa subdirección.

Artigo 2

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 3

En calquera momento, a conselleira poderá avocar para si o exercicio das competencias delegadas nesta disposición.

Disposición derrogatoria única

Derrógase a Orde do 11 de maio de 2009 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral de Política Financeira.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda