Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Xoves, 13 de xuño de 2013 Páx. 22439

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 3 de xuño de 2013 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello da Estrada (Pontevedra).

O Concello da Estrada eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. No concello da Estrada están actualmente en vigor as Normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente no 11.10.1978.

2. Consta a afectación polos seguintes proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal:

– AH do río Umia AD 19.9.2002.

– Couto de San Sebastián AD 11.10.2007.

– Monte Arca (fase 1) AD 28.8.2008.

– Parque empresarial Cidade do moble da Estrada AD 24.2.2011.

– Proxecto sectorial da LAT 66 kV sub. A Estrada-sub. P.E. Monte Arca, AD 1.7-2012.

3. Con data do 5 de maio de 2006, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes emitiu orde de non aprobación do PXOM da Estrada, ao abeiro do artigo 85.5.b) da LOUG, sinalando unha serie de deficiencias que se debían emendar.

4. O Concello pleno, en sesión do 17.9.2009, acordou aprobar o informe de sustentabilidade ambiental e sometelo, xunto co PXOM, a información pública. Foron publicados anuncios no Faro de Vigo do 20.10.2009, La Voz de Galicia do 20.10.2009 e no DOG do 20.10.2009. Consta audiencia aos concellos limítrofes e solicitudes de novos informes sectoriais.

5. Constan no expediente os informes municipais previstos no artigo 85.4 da LOUG: arquitecto (23.11.2012); Secretaría (26.11.2012 e 17.12.2012) e Intervención (26.11.2012).

6. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental elaborou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM do concello da Estrada no 20 de xaneiro de 2012 (DOG do 21 de febreiro).

7. O Plan xeral foi aprobado provisoria polo Concello pleno do 18.12.2012.

II. Informe.

Despois de analizar a documentación que integra o PXOM da Estrada, subscrita por Visier Arquitectos, S.L.P., datada en setembro de 2012 e con aprobación provisoria do 18.12.2012; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

II.1. Cuestións de carácter xeral.

1. O conxunto do concello presenta unha perda paulatina de poboación; non obstante, a capital municipal presenta un crecemento continuado dun 15 % nos últimos anos. Neste sentido, a estratexia do plan, que delimita núcleos rurais con consolidacións altas e concentra o crecemento na capital municipal, considérase correcta.

2. A ordenación do plan propón unha serie de ámbitos para cerrar roldas e completar desenvolvementos que supoñen unha capacidade residencial algo elevada á vista do crecemento efectivo que tivo o núcleo urbano da Estrada, mais que pode ser asumible por cuestións de ordenación, agás no caso dos sectores SUD-R01 e SUD-R02.

3. O informe favorable da Consellería de Cultura e Turismo do 18.1.2010 está condicionado a incorporar nas fichas correspondentes o carácter de BIC dos hórreos e a grafar correctamente a área de protección do elemento AC-100 no plano S2-12 de solo urbano.

4. O Informe do 6.9.2012, da Subdirección Xeral de Programación e Proxectos de Augas de Galicia, obriga a recoller no PXOM as áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) identificadas no concello da Estrada: rego da Somoza, río Ulla-Ponte Ulla e río Ulla-Pontevea; as chairas de inundación e a definición da zona de fluxo preferente da ARPSI do río Ulla-Pontevea, e as medidas previstas para minimizar os efectos negativos das enchentes.

5. Cómpre eliminar o parágrafo terceiro do artigo 195 da normativa, en coherencia co anexo III do tomo II de Saneamento, que dá cumprimento ao informe de Augas de Galicia do 3.7.2010 canto ao carácter separativo dos novos sistemas de saneamento.

II.2. Estrutura xeral e orgánica do territorio, dotacións urbanísticas, calidade de vida e cohesión social.

1. A obtención do sistema xeral de zona verde SX-ZV-P14 por adscrición ao SUNC-R06 é correcto; mais non así a súa execución, conforme o artigo 20.1.b) da LOUG.

2. A depuradora prevista en Ouzande non aparece recollida nos planos de ordenación, coa correspondente clasificación e cualificación como sistema xeral de infraestruturas.

II.3. Clasificación e determinacións nas distintas clases de solo.

1. Solo urbano.

1. De conformidade co artigo 22 da LOUG, 12.2.b e 14.2 do RDL 2/2008, do 20 de xuño, a condición de solo urbano acadarase co remate das actuacións de urbanización. Daquela, cómpre xustificar a completa urbanización dos ámbitos dos sectores industriais supermercado Lidl e Toedo ou, noutro caso, clasificalos como solo urbanizable.

2. Aclararase a vixencia e nivel de integración do planeamento aprobado con anterioridade ao plan xeral, establecendo un réxime transitorio se é preciso, pois obsérvanse remisións normativas obsoletas e, en xeral, unha redacción confusa.

3. Non semella xustificada na rúa Calvo Sotelo a previsión de 4 alturas nunha única parcela entre edificacións catalogadas dun máximo de 3 alturas (artigo 104 da LOUG).

4. Os ámbitos fóra da delimitación vixente de solo urbano, de recente urbanización xurdida á marxe do planeamento, débense incluír na categoría de solo urbano non consolidado de conformidade co artigo 12.b) da LOUG:

– Ámbito ao nordeste do solo urbano, fóra da delimitación vixente.

– Rúa 25 de Xullo (SUNC-6 no PXOM 2006).

5. As zonas do solo urbano consolidado que carezan de redes públicas de servizos urbanísticos, categorizaranse como solo urbano non consolidado canto as obras precisas excedan de accesorias e de escasa entidade executables simultaneamente coa edificación (artigo 12 da LOUG) nin se prevexa ningunha actuación illada tendente á súa completa urbanización: travesía Fernando Conde, esquina segunda travesía Muíño.

6. No SUNC-6 débese ter en conta a superficie do sistema xeral adscrito para o cálculo do aproveitamento tipo da área de repartición (daquela, o aproveitamento tipo sería menor).

7. Na ordenanza 1, o recuamento lateral de 3 m respecto de parcelas con ordenanzas 3, 4, 5 e 6 débese aplicar, así mesmo, respecto das parcelas edificadas de ordenanza 2, co obxecto de evitar a aparición de medianís.

2. Solo de núcleo rural.

1. Conforme o artigo 13.3.b) a delimitación dos núcleos comúns debe facerse en función das previsións de crecemento, para o que cómpre eliminar as parcelas vacantes na periferia dos núcleos de 34.02 O Castro e 36.06 Gudín.

2. Cómpre excluír da delimitación dos núcleos de 31.09 Outeiro, 34.02 O Castro, 34.03 As Cachopas e 36.06 Gudín as vivendas illadas nun crecemento lineal artificioso.

3. Evitarase na delimitación dos núcleos de 31.09 Outeiro, 31.10 O Vilar, 34.02 O Castro, 34.03 As Cachopas, 35.02 Os Bolos-Boáns e 41.03 O Moucho a unión entre asentamentos, hoxe inexistente, mediante parcelas vacantes de edificación.

4. Ao abeiro da determinación excluínte 3.1.5.d) das DOT, a delimitación dos núcleos non pode abranguer parcelas vacantes fronte a estradas de titularidade supramunicipal: 29.03 Figueiroa de Arriba e 41.03 O Moucho.

5. Conforme os propios datos do PXOM, os núcleos acadarán o grao mínimo de consolidación exixido (artigo 13 LOUG) para cada tipo básico: 3.01 Rendo; 25.01 Campo Redondo, Porto (parte común) e 35.03 Ouzamerxe.

6. De conformidade co artigo 56.1.c) da LOUG, os planos de ordenación dos núcleos rurais deben conter o trazado completo da rede viaria pública coa sinalización de aliñacións. Noutro caso, e segundo o artigo 156.2.f) da normativa do PXOM, os núcleos quedan suxeitos á redacción dun plan especial previo ao outorgamento de licenzas.

3. Solo urbanizable.

Tendo en conta o exceso de capacidade residencial apuntado e o modelo territorial que o Plan pretende para a capital municipal, o solo urbanizable delimitado fóra das roldas de circunvalación carece de xustificación, en particular os sectores SUD-R01 e SUD-R02, que deben ser categorizados como urbanizable non delimitado.

Nas fichas dos ámbitos acollidos á disposición transitoria décimo terceira da LOUG farase constar expresamente que o planeamento de desenvolvemento recollerá as determinacións de ordenación contidas no anexo correspondente.

En relación co sinalado no punto II.3.1.1, se o ámbito do Lidl se clasifica como solo urbanizable, o SUD-T13 superará o límite de sustentabilidade imposto no artigo 46.4 da LOUG.

De conformidade co artigo 57.1. da LOUG, nos sectores industriais SI-19 e SI-20 cómpre determinar as conexións cos sistemas xerais existentes e exteriores ao sector e prever as obras necesarias para a ampliación e o reforzo. Pola contra, cómpre xustificar a imputación a estes sectores de parte do reforzo das depuradoras de Ouzande e Aguións, ás cales non van conectarse.

Garantirase a execución simultánea ou, cando menos, coherente, das novas vías previstas SX-INF-01 e SX-INF-02, que comparten varios sectores e na estratexia de actuación establécese a súa obtención mediante inclusión/expropiación.

O acceso ao sector I19 é a través dunha pista rural de 6 m de largo. A previsión do plan xeral para mellorar este acceso redúcese a unha remisión na ficha ao planeamento que ordene este sector (que, por outra banda, conta con planos de ordenación no anexo de ámbitos da disposición transitoria trece) sen que no PXOM se grafen os terreos afectados.

4. Solo rústico.

Deben clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas os terreos sinalados no parque eólico Monte Arca (AD 28.8.2008) en particular a subestación e a súa contorna, sen prexuízo da superposición co solo rústico de especial protección de espazos naturais.

II.4. Estratexia de actuación e estudo económico.

O Plan debe xustificar as previsións que se realizarán con recursos propios do Concello (artigo 60.3 da LOUG), nomeadamente canto ao sinalado no informe da Intervención municipal:

– No custo total do plan xeral teranse en conta todas as actuacións de urbanización por expropiación. A valoración do sistema xeral previsto SP-15 que figura no tomo IV (48.759 €) non coincide coa do anexo específico (2.157.713 €).

– O informe de sustentabilidade económica non xustifica a suficiencia e adecuación do solo destinado a usos produtivos (artigo 15.4 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de solo).

II.5. Outras cuestións.

1. O Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, foi substituído polo Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental.

2. Os núcleos rurais de 3.01 Rendo e 8.09 Piñeiro categorízanse como común e nos planos de ordenación figuran como histórico tradicional.

3. Deberá eliminarse a referencia á área de expansión dos planos de ordenación dos núcleos 2.11 O Bruñido, 2.12 Moimenta, 2.14 Valboa, 23.02 Trasmonte e todos os da parroquia de Moreira.

4. Deberá eliminarse o texto SUD-I17 dos terreos clasificados como solo rústico de protección forestal na parroquia de Matalobos.

5. Parte do SX-ZV-P04 non aparece rotulado nos planos de ordenación a 1/5000.

6. O SUND-R07 aparece como solo urbanizable delimitado nos planos de clasificación.

7. De conformidade coa determinación excluínte 1.4 das DOT, incorporarase unha valoración da correspondencia dos seus contidos con respecto ao disposto nesas directrices de ordenación territorial, sen que se poida entender comprendido na análise de compatibilidade estratéxica (ACE) incluído no ISA.

8. Conforme o artigo 27.4 Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, no solo urbanizable e urbano non consolidado de uso residencial, establecerase unha reserva de edificabilidade para uso comercial acorde coa establecida na normativa.

9. Nos quinteiros ao leste do colexio Pérez Viondi e ao suroeste da praza de Galicia non se grafa a ordenanza que é de aplicación, así como no ámbito de María Martínez.

10. O planeamento deberá incluír de forma explícita a delimitación correspondente á zonificación acústica e ás servidumes acústicas –de ser o caso–, de acordo co previsto no artigo 13 do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído.

11. A regulación do réxime do solo rústico (artigo 84 da normativa) deberá adaptarse á nova redacción do artigo 31 da LOUG dada pola Lei 2/2010.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello da Estrada, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, condicionada á introdución das modificacións determinadas no punto II desta orde.

2. Cómpre achegar un documento refundido que introduza eses cambios.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello: e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Estrada, 3 de xuño de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas