Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Mércores, 5 de xuño de 2013 Páx. 20431

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2013, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2013

Gonzalo José Ordóñez Puime
Director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO
Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 7/2012,
do 28 de xuño, de montes de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, na súa reunión do día 16 de abril de 2013, adoptou o seguinte acordo:

De conformidade coas negociacións previas realizadas polo grupo de traballo constituído por Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia do día 1 de outubro de 2012, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación co artigo 96.2 e a disposición derradeira primeira, vinte, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ambas as partes considéranas solucionadas, nos seguintes termos:

Primeiro. En relación co artigo 96.2 da Lei 7/2012, ambas as partes entenden que o dito precepto debe interpretarse de acordo coa distribución competencial constitucionalmente establecida e, en consecuencia, aplicarse exclusivamente ás infraestruturas de competencia autonómica ou local en Galicia, con exclusión, por tanto, das de competencia da Administración xeral do Estado, respecto das que non procederá en ningún caso que o informe da Administración forestal teña carácter vinculante.

Segundo. No que se refire á disposición derradeira primeira da Lei 7/2012, número vinte, pola que se modifica o artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ambas as partes entenden que o réxime nel establecido non resulta de aplicación nas zonas de servidume ou afección das infraestruturas de competencia estatal, suxeitas a un réxime xurídico específico, nin por tanto á Administración xeral do Estado ou ás entidades dependentes ou vinculadas a ela. Sen prexuízo disto, ambas as partes manifestan a súa vontade de promover a sinatura do correspondente convenio entre elas co fin de incorporar ao seu contido previsións coherentes co disposto no primeiro inciso do dito artigo ás zonas de dominio publico, servidume e afección de infraestruturas e instalacións da competencia do Estado de acordo coa vixente orde competencial.

Terceiro. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional por calquera dos órganos mencionados no artigo 33.2 da Lei orgánica do Tribunal Constitucional, para os efectos que no propio precepto se recollen, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 18 de abril de 2013

Cristóbal Montoro Romero

Ministro de Facenda e Administracións Públicas

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza