Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Mércores, 5 de xuño de 2013 Páx. 20428

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2013, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

Consonte ao establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2013

Gonzalo José Ordóñez Puime
Director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 8/2012,
do 29 de xuño, de vivenda de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído por acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia do día 1 de outubro de 2012, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 12.1, segundo parágrafo; 18.1.a) e c); 44; 58; 63.2; 78; 98.3; disposición adicional 9ª; e disposicións transitorias 7ª e 8ª da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, ambas as partes considéranas solucionadas, en canto aos ditos preceptos, nos seguintes termos:

Primeiro. Ambas as partes concordan na interpretación que debe darse dos preceptos obxecto de controversia que se relacionan a seguir:

Artigos 58 e 63.2.

Ambas as partes coinciden en que os artigos 58 e 63.2 da Lei 8/2012 deben interpretarse sen prexuízo da plena vixencia da aplicación da normativa básica reguladora das axudas estatais, de modo análogo ao disposto nos artigos 60.4 e 61.5 da lei. Por conseguinte, ambas as partes declaran que, para que as vivendas poidan acollerse ao financiamento estatal ou ás axudas establecidas na normativa básica estatal, deberá observarse, canto aos requisitos de aceso, ao que dispoña a correspondente normativa estatal reguladora das citadas axudas.

Artigo 98.3.

Ambas as partes coinciden en que o artigo 98.3 da Lei 8/2012 debe entenderse no sentido de que a determinación do prezo xusto se realizará aténdose, exclusivamente, ao establecido na lexislación estatal, sen prexuízo doutras operacións ou descontos que se consideren sobre o orzamento do prezo xusto establecido para os efectos de determinar a contía líquida do pagamento que se aboará finalmente en cada caso.

Disposición adicional 9ª e disposición transitoria 7ª.

Canto á disposición adicional 9ª da Lei 8/2012, ambas as partes coinciden en interpretar a nova redacción do número 11 do artigo 47 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, no sentido de que a posibilidade de reducir a porcentaxe do 30 por 100 a que se refire a alínea b) do citado número 11 debe entenderse no marco da excepcionalidade prevista polo artigo 10.1b) do TRLS, sen mingua das competencias estatais na materia.

Deste xeito, entenderase que para facer efectivos os principios e os dereitos e deberes enunciados no título I do TRLS, a reserva de solo adecuado e suficiente para vivenda suxeita a un réxime de protección pública, como mínimo, comprenderá os terreos necesarios para realizar o 30 % da edificabilidade residencial prevista pola ordenación urbanística no solo que vaia ser incluído en actuacións de urbanización.

Non obstante, de acordo co TRLS, a Lei 8/2012 permite excepcionalmente unha reserva inferior para determinados municipios ou actuacións, suxeita aos límites establecidos no TRLS.

Así, debe interpretarse que:

– No caso de determinados municipios, esta excepción á regra xeral da reserva poderá ter en conta a demanda real de vivenda de acordo co que dispoña o Plan xeral de ordenación municipal, de tal xeito que, en todo caso, quede satisfeita a finalidade a que se atopa subordinada a reserva.

– No caso de actuacións de nova urbanización, deberá garantirse no instrumento de ordenación o cumprimento íntegro da reserva dentro do ámbito territorial de aplicación deste e unha distribución da súa localización respectuosa co principio de cohesión social.

No mesmo sentido debe interpretarse a previsión establecida na disposición transitoria sétima.

Segundo. Canto á disposición transitoria oitava, ambas as partes aprecian que, atendendo ao seu ámbito de aplicación temporal, non se suscita na actualidade contradición dela mesma coa vixente normativa básica estatal.

Terceiro. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional por calquera dos órganos mencionados no artigo 33.2 da Lei orgánica do Tribunal Constitucional, para os efectos que no propio precepto se determinan, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 18 de abril de 2013

Cristóbal Montoro Romero Alfonso Rueda Valenzuela

Ministro de Facenda e Administracións Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas Públicas e Xustiza