Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Martes, 4 de xuño de 2013 Páx. 20351

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública dunha instalación eléctrica no concello da Laracha (expediente IN407A 2012/202).

Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a seguir se detallan:

Solicitante: Hidroléctrica de Laracha, S.L.

Domicilio: avenida de Arteixo, 19, 1º dereita, 15004 A Coruña.

Denominación: centro de manobra e distribución do Froxo (fase II).

Situación: concello da Laracha.

Características técnicas:

• Novo bloque de celas de distribución secundaria no centro de manobra e distribución (CMD) do Froxo previsto na primeira fase do proxecto (IN407A 2012/067), composto por unha cela de interruptor seccionador, tres celas de interruptor automático, unha cela de interruptor pasante, tres celas de interruptor automático, unha cela de interruptor automático para batería de condensadores, unha cela de interruptor seccionador e unha cela de protección con fusibles para un transformador de servizos auxiliares de potencia 25 kVA, con relación de transformación 20/0,4-0,23 kV, sendo todas as celas con illamento SF6 recuperadas do CMM Cillobre (expediente IN407A 2003/222).

• Liña eléctrica soterrada subestación A Laracha-CMD O Froxo, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 0,308 km de cada un dos dous condutores tipo RHZ1 2 OL (S)-12/20 kV 3 (1×240) mm2 Cu, con orixe en cela de liña existente na subestación da Laracha, e final en cela de liña existente no CMD do Froxo previsto na fase I do proxecto (IN407A 2012/067), que discorre pola canalización existente recollida nos expedientes 52.515, IN407A 2007/583 e IN407A 2011/296.

• Liña eléctrica soterrada DC CMD O Froxo-CT Fofelle, a 15/20 kV, cunha lonxitude total de 0,284 km, con condutor tipo RHZ1 2 OL-12/20 kV 3 (1×240) mm2 Al, cos seguintes tramos:

– Tramo I, cunha lonxitude de 152 m, con orixe nas novas celas de liñas proxectadas no CMD O Froxo, e final en pasos aerosubterráneos que se realizarán no apoio nº 1 proxectado (tipo C-20/9000) da LMTA DC O Froxo-Fofelle proxectado, e discorre pola canalización existente recollida nos expedientes IN407A 2007/583 e IN407A 2011/296.

– Tramo II, cunha lonxitude de 132 m, con orixe en pasos aerosubterráneos que se realizarán no apoio nº 4 proxectado (tipo C-20/9000) da LMTA DC O Froxo-Fofelle proxectada e final en celas de liña existentes no CT Fofelle (expediente 52.767).

• Liña eléctrica aérea DC O Froxo-Fofelle, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 0,561 km, con condutor tipo LA-110/116,20 mm2, con orixe no apoio nº 1 proxectado (tipo C-20/9000), e final no apoio nº 4 proxectado (tipo C-20/9000).

• Liña eléctrica soterrada CMD O Froxo-LMT Estramil, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 0,071 km, con condutor tipo RHZ1 2 OL-12/20 kV 3 (1×240) mm2 Al, con orixe en cela de liña proxectada no CMD do Froxo, e final en paso aerosubterráneo que se vai realizar no apoio nº 4 existente (tipo C-25/1300) (expediente IN407A 2007/583) onde se conectará coa liña Estramil, e discorre pola canalización existente prevista nos expedientes IN407A 2007/583 e IN407A 2011/296.

• Liña eléctrica soterrada CMD O Froxo-LMT A Piña, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 0,071 km, con condutor tipo RHZ1 2 OL-12/20 kV 3 (1×240) mm2 Al, con orixe en cela de liña proxectada no CMD do Froxo, e final en paso aerosubterráneo que se vai realizar no apoio nº 4 existente (tipo C-25/1300) (expediente IN407A 2007/583), onde se conectará coa liña A Piña, e discorre pola canalización existente prevista nos expedientes IN407A 2007/583 e IN407A 2011/296.

• Liña eléctrica soterrada CMD O Froxo-LMT Montemaior, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 0,071 km, con condutor tipo RHZ1 2 OL-12/20 kV 3 (1×240) mm2 Al, con orixe en cela de liña existente no CMD do Froxo, e final no paso aerosubterráneo que se vai realizar no apoio nº 4 existente (tipo C-25/1300) (expediente IN407A 2007/583), onde se conectará coa liña Montemaior, e discorre pola canalización existente prevista nos expedientes IN407A 2007/583 e IN407A 2011/296.

• Liña eléctrica soterrada CT O Froxo-CT Paradela avenida de Caión, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 0,510 km, con condutor tipo RHZ1 2 OL-12/20 kV 3 (1×240) mm2 Al, con orixe en cela de liña existente no CT O Froxo (expediente IN407A 2007/583), e final en cela de liña proxectada no CT Paradela avenida de Caión (expediente IN407A 2002/399), e discorre pola canalización existente prevista nos expedientes 52.515, IN407A 2007/583, IN407A 2011/296 e IN407A 2002/399; para iso retirase unha das liñas que entran no CT O Froxo desde o paso aerosubterráneo que se vai retirar do apoio nº 4 (expediente IN407A 2007/583), e a outra liña que entra do apoio nº 4 levarase a unhas das celas de liña proxectadas no CMD O Froxo, co que queda o CT O Froxo cosido entre o CMD O Froxo e o CT Paradela avenida de Caión.

• Reforma do conxunto de celas existentes no CT Fofelle (expediente 52.767), que pasa do esquema actual 3L+1P a un esquema formado por dúas celas de liña, unha cela de interruptor pasante, dúas celas de liña e unha cela de protección con fusibles para o transformador existente, todas elas con illamento en SF6; así mesmo, proxéctase a substitución do apoio nº 10 da LMT A Laracha-Paiosaco, onde se realizará o paso aerosubterráneo que alimenta o CT Fofelle, por un apoio tipo C-FL-14/4500.

• Instalación dunha nova cela de liña con illamento en SF6 no CT Paradela avenida de Caión (expediente IN407A 2002/399), que será o final de liña da liña soterrada proxectada entre este CT e o CT O Froxo (expediente IN407A 2007/583).

Resultandos seguintes feitos:

Primeiro. Por Resolución desta xefatura territorial do 22 de novembro de 2012, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, en concreto, de acordo co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. A resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 8 de xaneiro de 2013, no Boletín Oficial da provincia do 20 de decembro de 2012, e no xornal La Voz de Galicia do 20 de decembro de 2012; así mesmo consta o certificado do 4 de febreiro de 2013 de exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello da Laracha. Do mesmo modo, procedeuse á notificación individual aos propietarios dos bens e dereitos afectados.

Segundo. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, deuse traslado ás distintas administracións, organismos ou, cando foi o caso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación podería afectar bens e dereitos ao seu cargo, incluíndo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.

Remitíronse separatas aos seguintes organismos:

– Concello da Laracha, que informa sobre a cualificación do solo afectado polo proxecto e do cumprimento da LOUGA . Establece que, antes da concesión da licenza da obra, o solicitante debe ter autorización de Augas de Galicia na parte de trazado aéreo que se sitúa na zona de policía do rego de Quenxe. A empresa promotora amosa a súa conformidade ao respecto.

– Unión Fenosa Distribución, S.A. que manifesta a súa conformidade coa solicitude sempre que, realizados os traballos, a distancia no punto de afección indicado cumpra coa distancia no caso máis desfavorable, segundo se recolle na dita separata. A empresa promotora acepta sen ningún reparo.

– Augas de Galicia que tamén emite informe favorable, sen prexuízo da tramitación da preceptiva autorización de cruzamento sobre o dominio público, de acordo coa correspondente lexislación sectorial. A empresa promotora manifesta a súa conformidade.

Terceiro. Durante o período de información pública foron presentadas as seguintes alegacións:

1) Antonio Castro García, quen alega que se teña en conta a torreta ao final da leira, e que cruce a leira soterrada. A dita alegación identifícase como a correspondente ao predio nº 2.

2) María Montes Souto, en relación co predio nº 11, alega que é propietaria en pleno dominio do dito predio por herdanza e que figura afectado pola dita instalación da liña, que non esta de acordo co trazado da liña, que o dito predio, ao estar afectado pola liña, deixaría de ser útil para labores do seu interese e que na escritura de propiedade consta como labor e non como monte baixo.

Solicita que se modifique o trazado da liña, que no seu defecto se realice de forma soterrada, que o predio se valore como labor e que se compense economicamente o dano producido pola instalación da liña.

3) Agustín Fraga Puñal manifesta que se opón e solicita excluír o predio dos bens afectados e, no caso de non ser posible, que se soterre e, de manterse o voo sobre a súa leira, que se cambie o sitio de voo ao lugar polo que se lle causa menos prexuízo. A dita alegación identifícase como a correspondente ao predio nº 14.

Cuarto. As alegacións foron remitidas á empresa promotora, que contestou nos seguintes termos:

1) En relación coa alegación de Antonio Castro García (predio nº 2), expón en canto a que a liña se realice de maneira soterrada e á nova localización do apoio proxectado nese predio, sen presentar plano ou esquemas que reflictan esa inconcreta localización, cita a ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, que establece que as liñas eléctricas aéreas se estudarán seguindo o trazado que considere máis conveniente ao autor do proxecto no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación e axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen, considerando que no proxecto se respecta e cumpre a normativa que sexa exixible.

Entende que non é posible atender a solicitude por canto non se achegou a documentación necesaria que acredite o cumprimento das condicións requiridas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, e que o prexuízo que se lle ocasione na propiedade será valorado polo Xurado de Expropiación de Galicia, chegado o trámite da determinación do xusto prezo establecido na Lei de expropiación forzosa.

A empresa promotora presentou un escrito complementario á súa resposta anterior para aclarar o referente ao cumprimento das condicións requiridas para impoñer servidumes sobre propiedades particulares no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, e, en particular, o establecido ao respecto de que se considerará non admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante. Insiste en que na alegación non se establece con claridade cal é a modificación que formula e, por tanto, non poden establecerse todas as variables técnicas que permitan avaliar perfectamente a alternativa formulada. Expón que, a partir dos datos recollidos no proxecto, podes extraerse o prezo unitario do metro linear de liña eléctrica soterrada e de liña aérea; sendo a lonxitude da liña eléctrica que percorre a parcela de 78 m, dedúcese claramente que a proposta formulada polo propietario non é admisible.

No dito escrito indica igualmente que deberá ser o solicitante ou o interesado na modificación ou a variante do proxecto en tramitación o que acredite a concorrencia conxunta dos requisitos establecidos no citado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, e que o interesado non presenta xustificación ningunha sobre este aspecto.

Expón que o artigo 145 do Real decreto 1955/2000 establece que se, como consecuencia da información pública practicada de acordo co artigo 144, se presentasen alegacións, estas se poñerán en coñecemento do solicitante para que este, pola súa vez, comunique ao órgano encargado da tramitación o que coide pertinente.

Considera que o proxecto en tramitación cumpre a normativa, a lexislación ou a regulamentación que lle poida ser exixida e que se cumpriron todos os tramites regulamentarios que lle puideren ser requiridos en atención ao procedemento regulado na normativa do sector eléctrico.

2) En relación coa alegación de María Montes Souto (predio nº 11), contesta que queda corrixida a titularidade ao seu favor pero que a propietaria solicita a modificación do trazado sen concretar a alternativa proposta nin presentar a documentación necesaria que acredite o cumprimento das condicións requiridas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Analizando a distribución dos predios nesta zona, comproba que resulta inviable tecnicamente realizar o trazado da liña aérea adaptándoo ás súas lindes, polo que resulta necesario o voo sobre predios serventes.

No referente á solicitude de que a liña eléctrica se realice de maneira soterrada, cita o disposto no número 1.5.1 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, que establece que as liñas eléctricas aéreas se estudarán seguindo trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso as prescricións que nesta instrución se establecen, considerando que no proxecto se respecta e cumpre a normativa que sexa exixible, e, igual que na solicitude de modificación do trazado, non se acredita o cumprimento do establecido no dito artigo 161.

Respecto á natureza da parcela, inicialmente catalogada como monte baixo, sinala que o día do levantamento da acta previa á ocupación o perito designado para este acto comprobará este dato e, de ser o caso, será corrixida a natureza da leira.

Se ben o establecemento desta servidume de paso non limitará o normal desenvolvemento das tarefas agrícolas nesta leira, o prexuízo que se ocasione á propiedade será valorada polo Xurado de Expropiación de Galicia, chegado o trámite da determinación do prezo xusto establecido na Lei de expropiación forzosa.

3) En relación coa alegación de Agustín Fraga Puñal (predio nº 14), da cal se dou traslado á empresa promotora, alega que non pode ser atendida a solicitude de modificación do trazado, por canto non quedou demostrado o cumprimento das condicións requiridas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Cita o disposto no número 1.5.1 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, que establece que as liñas eléctricas aéreas se estudarán seguindo trazado que considere máis conveniente ao autor do proxecto no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen, considerando que no proxecto se respecta e cumpre a normativa exixible, que, vendo a distribución das leiras nesta zona compróbase que resulta inviable tecnicamente realizar o trazado da liña aérea adaptándoo as súas lindes, polo que resulta necesario o voo sobre predios serventes.

A empresa reincide no seu escrito complementario ao que se alude na contestación á alegación de Antonio Castro García (predio nº 2), tendo en conta que neste caso a lonxitude da liña eléctrica que percorre a parcela é de 91 m.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE nº 246, do 24 de xullo); na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro); no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 34, do 16 de febreiro).

Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente, cumpren coa normativa vixente, isto é, a Lei 54/1997, do 27 de novembro; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro); no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE núm. 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

Cuarto. Á vista das alegacións formuladas e das contestacións achegadas pola empresa solicitante, cómpre facer unhas previas consideracións de carácter xeral en relación coa descrición dos bens afectados, coas peticións de modificación de trazado e coa valoración económica deses bens:

1) As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento para o cal os interesados afectados serán oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2) De conformidade co disposto no apartado 1.5 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguranza que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

3) Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, a determinación do xustiprezo corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

Polo que se refire, en concreto, ás alegacións formuladas polos interesados afectados, ademais do sinalado nos tres puntos anteriores deste cuarto fundamento de dereito, cómpre manifestar o seguinte:

1) Con respecto a posibles erros na titularidade (alegación de María Montes Souto) cabe dicir que a empresa beneficiaria tomará razón deles; non obstante, será durante o levantamento de actas, acto ao cal serán oportunamente convocados, conforme establece o artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, o momento en que se pode demostrar a titularidade dos predios, achegando a documentación acreditativa precisa, e momento en que se farán constar as manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados e a súa natureza.

2) Polo que atinxe ás solicitudes de variación de trazado da liña aérea (alegacións de Antonio Castro García, María Montes Souto e Agustín Fraga Puñal) hai que dicir que conforme establece o número 1.5 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente ao autor do proxecto no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen; así mesmo, non consta acreditado que no dito tramo existan limitacións á constitución de servidume de paso recollidas no artigo 57 da Lei do sector eléctrico e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

3) En relación coa solicitude de soterramento da liña aérea (alegacións de Antonio Castro García, María Montes Souto e Agustín Fraga Puñal), non queda acreditado que no dito tramo existan limitacións á constitución de servidume de paso recollidas no artigo 57 da Lei do sector eléctrico e o artigo 161 do Real decreto 1955/2000 nin nos condicionados recibidos en tal sentido por parte dos organismos públicos competentes.

4) Respecto ás limitacións de uso das leiras (alegación de María Montes Souto), cítase que o número 1 do artigo 58 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece: «A servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el deixando a salvo a devandita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguranza»; así mesmo, o número 1 do artigo 162 do Real decreto 1955/2000 establece: «A servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a devandita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguranza. Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, correndo pola súa custa os gastos da variación, incluíndose nos devanditos gastos os prexuízos ocasionados».

5) Con respecto á compensación económica do dano producido pola instalación da dita liña (alegación de María Montes Souto), débese citar que non corresponde a este momento procedemental. Segundo establece o artigo 156 do Real decreto 1955/2000, efectuada a ocupación do terreo, tramitarase o expediente de expropiación e imposición de servidume nas súas fases de prezo xusto e pagamento, segundo a regulación establecida na Lei de expropiación forzosa e as súas normas de desenvolvemento. Así mesmo, a indemnización polo valor dos bens e dereitos que se expropian determinarase de conformidade co previsto no capítulo III do título II da Lei de expropiación forzosa; correspondendo a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma, ao Xurado de Expropiación de Galicia (artigo 232 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia); de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

6) En relación cos posibles erros na natureza dos terreos afectados pola instalación do proxecto (alegación de María Montes Souto), cabe dicir que será durante o levantamento da acta previa a ocupación, acto ao cal deben ser convocados os interesados conforme establece o artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, cando se describirá o ben ou dereito expropiable e se farán constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o seu valor e os prexuízos determinantes da rápida ocupación. Así mesmo, hai que citar que o número 1 do artigo 4 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, establece que: «A declaración de utilidade pública levará implícita, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa».

De acordo co anterior e no exercicio das competencias atribuídas,

RESOLVE:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente ao seu dereito.

A Coruña, 16 de maio de 2013

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña