Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2013 Páx. 18265

III. Outras disposicións

Consello Consultivo de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2013 pola que se crean e regulan os ficheiros de datos de carácter persoal deste organismo.

O artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) establece que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderán facerse mediante a disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente.

A entrada en vigor do regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado mediante o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, introduciu, a través dos artigos 53 e 54, algunhas novidades en canto á forma e contido da disposición, destacando a necesidade de especificar o sistema de tratamento do ficheiro, que poderá ser automatizado, non automatizado ou parcialmente automatizado.

No exercicio das competencias que me atribúe a Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia, e o seu regulamento de organización e funcionamento, aprobado polo Decreto 282/2003, do 22 de maio, e co fin de dar cumprimento ao mandato legal do artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, así como no artigo 52 do seu Regulamento de desenvolvemento,

DISPOÑO:

Primeiro. Crearanse os ficheiros incluídos no anexo desta resolución, en cumprimento do artigo 20 da Lei orgánica 15/1999 e o artigo 54.1 do seu regulamento de desenvolvemento.

Segundo. Os ficheiros que se recollen no anexo desta resolución rexeranse polas disposicións xerais e instrucións que se detallen para cada un deles, e estarán sometidos, en todo caso, ás normas legais e regulamentarias de superior rango que lles sexan aplicables.

Terceiro. En cumprimento do artigo 55 do regulamento de desenvolvemento da Lei 15/1999, os ficheiros serán notificados para a súa inscrición no Rexistro Xeral de Protección de Datos no prazo de trinta días desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2013

Mª Teresa Conde-Pumpido Tourón
Presidenta do Consello Consultivo de Galicia

ANEXO
Ficheiros de nova creación
Ficheiro: rexistro de entrada e saída

a) Identificación do ficheiro, indicando a súa denominación, así como a descrición da súa finalidade e usos previstos.

a.1) Identificación do ficheiro: rexistro de entrada e saída.

a.2) Finalidade de usos previstos:

Finalidade: xestión da documentación recibida e emitida polo Consello Consultivo de Galicia.

Usos: trámites administrativos da institución.

b) Orixe dos datos, indicando o colectivo de persoas sobre os cales se pretende obter datos de carácter persoal ou que resulten obrigadas a facilitalos, o procedemento de recolla dos datos e a súa procedencia.

b.1) Colectivo: todo aquel que proceda a tramitar algún documento ante o Consello Consultivo de Galicia -art. 11 da Lei 9/1995, do 10 de novembro-. Remitentes e destinatarios (cidadáns e residentes, asociados ou membros, representantes legais, persoas de contacto, solicitantes, cargos públicos).

b.2) Procedencia:

A propia persoa interesada (a propia persoa interesada ou o seu representante legal, entidade privada, administracións públicas).

Procedemento de recolla: tramitación electrónica de datos, transmisión de datos en formato papel.

c) Estrutura básica do ficheiro e o sistema de tratamento utilizado na súa organización.

c.1) Estrutura:

Datos identificativos: NIF/DNI, número de rexistro persoal, nome e apelidos, enderezo, teléfono, sinatura.

Outras categorías de carácter persoal:

Datos de características persoais (datos de estado civil, data de nacemento, lugar de nacemento, idade, sexo, nacionalidade).

c.2) Sistema de tratamento: ficheiro parcialmente automatizado.

d) Comunicacións dos datos previstas: non se prevén cesións ou comunicación de datos.

e) Transferencias internacionais previstas a terceiros países: non se realizan ou non están previstos tratamentos de datos fóra do territorio do espazo económico europeo.

f) Órganos responsables do ficheiro: Consello Consultivo de Galicia.

g) Servizos ou unidades ante os cales se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición: rúa Algalia de Abaixo, 24, 15704 Santiago de Compostela (A Coruña).

h) Nivel de medidas de seguridade: nivel básico.