Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2013 Páx. 18436

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2013, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara de utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, a reelectrificación de Seixas, no concello de Cospeito (expediente 009/2010 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Cidade de Viveiro, 4, Lugo, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 29 de xullo de 2010, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica de reelectrificación de Seixas, no concello de Cospeito presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE nº 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 27 de agosto de 2012. Esta resolución foi publicada no xornal El Progreso do 5 de setembro, no BOP de Lugo do 8 de setembro e no DOG do 17 de setembro de 2012, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Cospeito. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

Os días 5.9.2012; 11.10.2012 e 1.2.2013, Benigna Alonso Vélez presenta escritos en que formula alegacións (predio nº 12 do parcelario do proxecto), polas cales solicita reiteradamente a modificación do trazado proposto pola empresa e que se manteña o trazado polo lugar exacto por onde actualmente transcorre a rede de baixa tensión.

Por outra banda, con data 25.9.2012 formula alegacións Manuel Vélez Paredes (predio nº 7) instando a variación da traza da liña para que discorra por camiño público e realiza, así mesmo, alegacións relativas ao alcance real das afeccións, repercusión sobre os terreos afectados e a súa valoración.

Unhas e outras alegacións foron contestadas en todo caso pola empresa beneficiaria do proxecto e enviaranse as respostas aos mencionados interesados.

Quinto O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os cales a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes:

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia e no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que modifica o anterior.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997 e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas polos interesados, da contestación que formula a empresa promotora e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa tramitación do expediente.

Por unha parte, no que respecta ás variacións dos trazados propostas, estas resultan inviables tecnicamente e, ademais, os interesados non acreditan que concorran, conxuntamente, as tres condicións que exixe o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así, tendo en conta os informes técnicos emitidos no expediente en relación co proxecto presentado pola empresa peticionaria e con aquelas alegacións, nos cales se considera viable tal proxecto e que conclúen que non existen limitacións á imposición da servidume de paso sobre os predios afectados, non pode senón entenderse como máis conveniente para acadar unha solución óptima para o conxunto de toda a instalación o trazado proposto polo autor do proxecto.

Por outra banda, no que atinxe ao alcance das afeccións e prexuízos causados, non corresponde nesta fase do procedemento nin a este órgano administrativo entrar na valoración do menosprezo derivado das ocupacións e imposicións de servidumes de paso da liña eléctrica considerada, o cal é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia, ao cal se lle remitirá o expediente logo da elaboración das actas previas á ocupación, trámite en que se poderá comprobar sobre o terreo o alcance real das afeccións e da incorporación da follas de taxación contraditoria que presenten as partes, tal como se recolle no capitulo II da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, que causará a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada reelectrificación de Seixas, no concello de Cospeito, coas seguintes características técnicas principais:

1. Liña de media tensión a 20 kV con orixe no apoio nº 3 da derivación ao CTI Viladesuso da LMT Cospeito-ST Setepontes, cunha lonxitude de 1.012 metros sobre tres apoios metálicos tipo C e cinco de formigón vibrado, illamento suspendido de cadea e condutor LA-56.

2. Centro de transformación intemperie, situado en Seixas, cunha potencia de 50 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

3. Rede de baixa tensión con orixe no anterior centro de transformación, cunha lonxitude de 2.043 metros en 35 apoios de formigón e condutor RZ de diversas seccións para o servizo de 14 aboados.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica de reelectrificación de Seixas visado o día 7 de xullo de 2009 co número 1835/2009 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, e asinado polo enxeñeiro técnico industrial Juan Carlos Vázquez Gómez, colexiado nº 352.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso do 5 de setembro de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 8 de setembro e no Diario Oficial de Galicia do 17 de setembro, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Cospeito. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial de Economía e Industria, (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, código postal 27071, Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto reelectrificación de Seixas presentado pola empresa Barras Eléctricas Galaico- Asturianas, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben cando, tentada a notificación, non se puidese realizar e, así, dirixir ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 2 de maio de 2013

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo