Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2013 Páx. 18193

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 8 de maio de 2013 sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ribeira, no artigo 108.1 da súa normativa.

O Concello de Ribeira solicita a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no artigo 108.1 da súa normativa en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O concello de Ribeira dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente polo Concello o 17.12.2002.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu, por acordo do día 25.1.2012, non someter este proxecto a avaliación ambiental estratéxica.

3. Os servizos técnicos municipais emitiron informes o 25.10.2011 e o 28.3.2012.

4. Os servizos xurídicos municipais emitiron informes o 29.3.2012 e o 18.9.2012.

5. A modificación non precisou do informe previo á aprobación inicial correspondente ao artigo 85.1 da LOUG, ao abeiro do disposto no segundo parágrafo do artigo 93.4 da LOUG.

6. A modificación proposta foi aprobada inicialmente polo Concello en Pleno do 30.3.2012; e foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 3 de xullo, La Voz de Galicia do 14 de xuño e El Correo Gallego do 15 de xuño de 2012) e comunicada aos concellos de Porto do Son e da Pobra do Caramiñal. Non se presentou ningunha alegación, segundo certificado municipal do 5.9.2012.

7. O proxecto foi aprobado provisoriamente polo pleno municipal do 24.9.2012.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Ribeira, e vista a proposta que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, observouse:

1. A modificación puntual proxectada ten por obxecto eliminar da normativa do planeamento municipal a incompatibilidade entre o uso residencial e os establecementos de discotecas e pubs.

2. As razóns de interese público exixidas para a modificación (artigo 94.1 da LOUG) xustifícanse pola demanda dos usos turísticos dese tipo no concello.

3. O artigo 108.1 da normativa do PXOM refírese ao uso xenérico residencial. A modificación eliminaría deste artigo o texto seguinte: «En ningún caso poderá entenderse compatible o establecemento de discotecas e pubs cuxa característica principal sexa a música non ambiental co uso residencial. Sen prexuízo de que os locais que se encontren en funcionamento na data da aprobación definitiva deste plan xeral poidan cambiar a súa clasificación adaptándose ao establecido na ordenanza municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións».

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ribeira, no artigo 108.1 da súa normativa, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2013

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas