Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2013 Páx. 18196

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 8 de maio de 2013 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal do concello da Laracha.

O Concello da Laracha solicita a aprobación definitiva da modificación puntual nº 3 do Plan xeral de ordenación municipal en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Logo de analizar a documentación remitida e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O concello da Laracha dispón na actualidade dun plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 30 de xuño de 2003.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu o 23 de decembro de 2011 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. No período de información pública e consultas do documento de inicio o órgano ambiental recibiu informes de:

a) Augas de Galicia: informe do 19 de agosto de 2011.

b) Cámara Oficial Mineira de Galicia: alegacións sen data.

c) Dirección Xeral de Montes: informe técnico do 8 de decembro de 2011.

d) Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe: informe do 20 de decembro de 2011.

3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 6 de xullo de 2012 informe previo á aprobación inicial, ao abeiro do disposto no artigo 85.1 da LOUG.

4. A modificación foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno do 26 de xullo de 2012 e sometida a información pública dous meses (DOG do 22 de agosto, Diario de Bergantiños, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia do 22 de agosto de 2012). A aprobación inicial foi notificada aos concellos limítrofes (Culleredo, Carballo, Arteixo e Cerceda) (artigo 85.2 da LOUG). Non foron presentadas alegacións segundo o certificado do 20 de novembro de 2012.

5. No expediente constan os seguintes informes sectoriais:

a) Consellería de Economía e Industria: informes do 21 de marzo de 2012 e do 5 de setembro de 2012, sobre a inexistencia de dereitos mineiros vixentes no ámbito da modificación.

b) Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo: informe do 27 de agosto de 2012 da compatibilidade en materia de costas (artigo 117.1 da Lei 22/1988, de costas).

c) Augas de Galicia: informe do 6 de setembro de 2012, favorable.

d) Deputación Provincial da Coruña: informe do 5 de novembro de 2012, favorable.

e) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 10 de xaneiro de 2013, favorable.

6. Constan informes da arquitecta técnica municipal do 3 de abril de 2012 e do secretario do concello do 3 de maio de 2012, sobre a aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG); e do 20 de novembro de 2012, favorables á aprobación provisional.

7. O pleno do concello aprobou provisionalmente a modificación o 28 de novembro de 2012.

8. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 3 de xaneiro de 2012 informes da conformidade cos instrumentos de ordenación do territorio e coa normativa sectorial en materia de costas.

9. Consta informe do Servizo de Montes do 27 de febreiro de 2013, sobre a inexistencia de masas forestais e de áreas incendiadas.

II. Ámbito, obxecto e descrición da modificación proposta.

A modificación puntual ten por obxecto posibilitar a materialización dun elemento do sistema xeral de equipamentos deportivos (SXE-5 do PXOM, campo de fútbol e instalacións anexas) que contravén o réxime de usos establecido polo Plan de ordenación do litoral para a área de protección costeira por estar situado dentro do ámbito do espazo natural Costa da Morte, declarado polo Decreto 72/2004, tal e como constata o informe da Dirección de Sostibilidade e Paisaxe do 10 de maio de 2011 incorporado ao proxecto.

Ao respecto, a modificación implica:

a) Suprimir o sistema xeral de equipamento deportivo no que non afecta as instalacións existentes (polideportivo cuberto e parcela anexa que se manteñen).

b) Categorizar como sistema xeral de equipamento deportivo público un ámbito próximo de 33.300 m2 (superficie superior á de sistema xeral que se elimina) clasificado no plan xeral como solo urbanizable non delimitado tipo I, dentro da área de ordenación do POL, e darlle unha ordenación detallada co grao de pormenor propio dun plan especial de infraestruturas e dotacións.

c) Modificación da traza dun treito de sistema xeral viario municipal próximo ao ámbito para corrixir un erro detectado na análise do medio e adaptalo á realidade.

III. Análise e consideracións.

1. Os fins da modificación expostos no proxecto pódense resumir en adaptar a ordenación do plan xeral ao Plan de ordenación do litoral de xeito que se posibilite a realización dun equipamento deportivo público, finalidade que pode ter acollida como fin público para fundamentar unha modificación do plan xeral para os efectos do artigo 94.1 da LOUG.

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 3 de xaneiro de 2013 informe de conformidade co plan de ordenación do litoral vixente.

3. O proxecto aprobado provisoriamente corrixe as observacións formuladas no informe previo á aprobación inicial: corrixe o punto 4.2.1 da normativa, sinalando o equipamento como xeral; e incorpora a ficha modificada da acción SXE-5 e un informe de sustentabilidade económica, que inclúe a valoración do custo da actuación e xustifica o seu financiamento polo concello (artigo 60 da LOUG).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 3 do Plan xeral de ordenación municipal do concello da Laracha, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas