Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 23 de maio de 2013 Páx. 17942

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 13 de maio de 2013 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o soterramento de infraestruturas eléctricas que transcorran por un ou varios termos municipais na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria.

A existencia de liñas e outras instalacións eléctricas aéreas de alta e baixa tensión en zonas poboadas xera unha crecente preocupación social polo seu impacto ambiental e sobre a seguridade pública, aspectos que afectan a calidade de vida dos cidadáns.

O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas as competencias en materia de execución de programas para a mellora das infraestruturas e da calidade da subministración eléctrica.

En virtude da devandita competencia, é responsabilidade da Consellería de Economía e Industria apoiar as actuacións que teñen como finalidade a adecuación e mellora das infraestruturas eléctricas de alta e baixa tensión, así como apoiar as corporacións locais para que poidan acometer este tipo de proxectos, os cales sen este apoio por parte da Administración autonómica non se poderían levar a cabo debido á situación económica actual.

Trátase de apoiar actuacións de soterramentos, recuamentos e outras accións dirixidas á adecuación de infraestruturas eléctricas xa existentes que, debido ao desenvolvemento urbanístico dos concellos en que se atopan, precisan da súa adaptación a estes plans urbanísticos promovidos polas propias corporacións locais. Estas actuacións supoñen unha serie de beneficios de orde social, eliminación do impacto paisaxístico, maior calidade de vida, mellora das súas características técnicas e, como consecuencia, unha mellora da calidade da subministración eléctrica, que contribúen ao desenvolvemento rexional da nosa comunidade autónoma.

De acordo co recollido no consello de goberno da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, a actual situación económica, que afecta tamén os concellos, fixo necesario o desenvolvemento de medidas destinadas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles. Entre estas medidas atópase o impulso da xestión compartida de servizos, polo que a presente orde de axudas prima cunha maior puntuación as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, sexa por agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

Por todo isto, convócase esta liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, que ten como obxecto o apoio a actuacións de recuamento e soterramento de infraestruturas eléctricas que transcorran por un ou varios termos municipais na Comunidade Autónoma de Galicia.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases (anexo I) polas cales se rexerán as concesións das subvencións da Consellería de Economía e Industria para o soterramento de infraestruturas eléctricas que transcorran por un ou varios termos municipais na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio de esta orde convócase as devanditas subvencións conforme as bases reguladoras aprobadas nesta orde para o ano 2013.

Artigo 2. Crédito orzamentario

As subvencións outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

2013

08.03.-733A.760.0

1.461.107,55

A procedencia dos fondos correspondentes ás achegas concedidas pola Consellería de Economía e Industria para o 2013 na aplicación 08.03.-733A.760.0 é a seguinte:

Fondos Feder 80 % - Fondos FCI que cofinancian 20 %.

Resultan de aplicación o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1783/1999, o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e se derroga o Regulamento (CE) nº 1260/1999 e o Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

O crédito dispoñible poderase aumentar conforme o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co fin de atender un maior número de solicitudes. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a presente convocatoria e non supón a apertura dun novo prazo de presentación de novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, III e IV desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 5 meses.

Artigo 6. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN619A, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a. Páxina web oficial da Consellería (http://economiaeindustria.xunta.es), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b. Nos teléfonos 981 54 45 78 e 981 54 55 73 de servizos centrais.

c. Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902.120.012).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2013

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
competitiva, das subvencións para soterramento de infraestruturas
eléctricas que transcorran por un ou varios termos municipais
na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto regular e convocar axudas para o soterramento e/ou recuamento de infraestruturas eléctricas que transcorran por un ou varios termos municipais na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

2. Os proxectos subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2013.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, que poderán presentar solicitudes individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar), para os efectos do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

So se admitirá unha solicitude de axuda por concello ou agrupación de concellos e unha única actuación por solicitude, sen que se acepte o agrupamento de varios proxectos diferentes nunha mesma solicitude.

Non se admitirán aquelas solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Para tales efectos, entenderase que para que unha actuación de soterramento e/ou recuamento de infraestruturas eléctricas se considere unha actuación conxunta debe tratarse dunha infraestrutura que fisicamente teña continuidade e que afecte varios termos municipais.

Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Gastos subvencionables

1. As axudas concedidas con cargo á presente orde destinaranse a financiar os gastos derivados do soterramento e/ou recuamento de infraestruturas eléctricas de alta e baixa tensión xa existentes, considerándose gastos subvencionables os relativos tanto á obra eléctrica como á obra civil.

O cumprimento do fin para o cal foi concedida a axuda considerarase acadado cando a actuación obxecto da subvención estea totalmente rematada, entendendo por isto a realización tanto da obra civil como das instalacións eléctricas.

2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos imputados desde o 1 de xaneiro de 2013.

3. En ningún caso serán gastos subvencionables os custos salariais propios nin os gastos derivados de pagamento de permisos de paso ou expropiacións, nin tampouco os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. Poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. As actuacións que se realicen ao abeiro da presente orde encádranse dentro do eixo 4 (transporte e enerxía), tema prioritario 33 (electricidade), actuación 5 (soterramentos, recuamentos e outras adecuacións de liñas), do programa operativo de Galicia Feder 2007-2013.

6. Os gastos subvencionables ao abeiro da presente orde deberán axustarse ao disposto na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados.

Artigo 4. Financiamento

As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

A contía individualizada da subvención será dun 80 % do importe considerado subvencionable correspondente á actuación obxecto da axuda. Para as solicitudes conxuntas, esta contía máxima incrementarase nun 15 %.

En ningún caso a subvención concedida a un proxecto poderá superar os 100.000 €, a non ser que o número de solicitudes non esgoten o orzamento existente.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude da presente orde serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza e a Administración ou entidade que as conceda, sempre que a suma de todas elas non supere o custo elixible do proxecto, pero non se poderán acoller a outras axudas procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de acordo co disposto no artigo 34 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006.

2. O peticionario deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6. Solicitude e documentación

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

1.1. Documento acreditativo da capacidade con que actúa o representante do Concello solicitante.

1.2. NIF do concello solicitante en vigor. Se o NIF que se presenta dispón de código electrónico de verificación coa AEAT, poderá presentar documento sen compulsar.

1.3. Declaración responsable, incluída no anexo II da orde, acerca da veracidade dos datos consignados relativos á conta bancaria de titularidade municipal.

1.4. No caso de tratarse de soterramentos ou recuamentos de instalacións de distribución, acordo asinado polo concello coa empresa distribuidora para a execución da obra solicitada.

1.5. Certificado da secretaría ou intervención onde se recolla se o IVE derivado do investimento obxecto da solicitude de axuda é ou non recuperable.

1.6. Certificado en que se consigne a cualificación urbanística dos terreos onde se van desenvolver as actuacións obxecto da solicitude.

1.7. Acordo do pleno do concello ou do órgano municipal que teña a atribución competencial para acometer a actuación solicitada.

1.8. Memoria técnica e orzamento detallado da actuación. No caso de solicitudes efectuadas por agrupacións de concellos, deberá acreditarse a realización conxunta da actuación ou servizo e que non supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

1.9. Planos da actuación a escala axeitada.

1.10. Declaracións expresas recollidas no anexo IV.

2. A documentación complementaria presentada incluirá orixinais ou copias cotexadas.

3. No caso de que a solicitude se efectúe por vía electrónica, a documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. Cando o solicitante da axuda sexa unha agrupación de concellos deberán facerse constar expresamente na solicitude os compromisos asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións. Así mesmo, deberá designarse o órgano de contratación e o órgano a que se lle deberá efectuar o pagamento da subvención. Tales termos poderán reflectirse nun convenio entre os concellos.

A documentación mencionada no punto 1º do presente artigo deberá referirse a cada concello individualmente, exceptuando o sinalado nos puntos 8 e 9 do citado punto, que deberá ser cumprido polo representante da agrupación.

6. Procederase á exclusión ou inadmisión daquelas solicitudes efectuadas por agrupacións de concellos nas cales non se acredite a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Para tales efectos, entenderase que para que unha actuación de soterramento e/ou recuamento de infraestruturas eléctricas se considere unha actuación conxunta, debe tratarse dunha infraestrutura que físicamente teña continuidade e que afecte varios termos municipais.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

3. A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión.

4. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes dos interesados irán acompañadas dos documentos e das informacións determinadas na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso o solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e, para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptando tanto as medidas de seguranza técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificios Administrativos de San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou mediante o procedemento habitual para o efecto e que se poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 8. Órgano competente

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e corresponde ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda ou corrección poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía e Industria, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, podéndose facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsellar, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a. Presidente: o director xeral de Industria, Enerxía e Minas.

b. Vogais: o subdirector xeral de Enerxía, os xefes territoriais da Consellería de Economía e Industria ou a persoa en quen deleguen e o xefe de servizo de Infraestruturas Enerxéticas ou funcionario que o substitúa, que actuará como secretario.

c. Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na proposta de valoración que formule a comisión figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes da subvención e especificarase a avaliación que corresponde a cada proxecto segundo criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 11. Criterios de valoración

Os proxectos que se presenten serán técnica e economicamente viables; ademais, o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, cos seguintes criterios de concesión das subvencións:

1. Tipo de actuación:

Soterramento: 10 puntos.

Recuamento: 5 puntos.

No caso de recollérense ambas as dúas actuacións no mesmo proxecto, considerarase a actuación de máis puntuación.

2. Tensión nominal da infraestrutura que se vai modificar:

Ata 30 kV: 8 puntos.

Máis de 30 kV: 3 puntos.

3. Proximidade da liña que se vai substituír a centros de interese social (colexios, centros de saúde, hospitais...):

Distancia en proxección horizontal hasta 50 m: 8 puntos.

De 50 a 100 m: 6 puntos.

Máis de 100 m: 3 puntos.

4. Clasificación do solo recollida no artigo 10 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de galicia, favorecendo os distintos tipos de solo seguindo a orde seguinte:

Solo urbano: 8 puntos.

Solo de núcleo rural: 6 puntos.

Solo urbanizable e solo rústico: 3 puntos.

No suposto de que a obra pase por zonas con solos de distinta clasificación, computarase aquel que dea máis puntuación.

5. Valoración do número de habitantes dos concellos, favorecendo aqueles con menor número de habitantes:

Menos de 5.000 habitantes: 8 puntos.

Entre 5.000 e 20.000 habitantes: 6 puntos.

Máis de 20.000 habitantes: 3 puntos.

No suposto de que a solicitude de axuda sexa efectuada por unha agrupación de concellos baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal, computarase aquel que obteña mais puntuación individualmente.

6. Agrupación de concellos baixo calquera fórmula agás a de fusión municipal:

Presentacion conxunta: 6 puntos.

Número de municipios solicitantes de forma conxunta:

Mais de dous municipios: 2 puntos.

Dous municipios: 1 punto.

Repercusión do proxecto a través da cifra de poboación total dos concellos participantes no proxecto:

Máis de 5.000 habitantes: 2 puntos.

Ata 5.000 habitantes: 1 punto.

Número de servizos que se van a prestar de forma compartida:

Máis de 2 servizos: 2 puntos.

Ata 2 servizos: 1 punto.

Aforro de custos respecto da prestación de modo individual: 6 puntos.

Para a súa valoración será preciso a aportación dunha memoria xustificativa do aforro de custos obtido.

7. Concello constituído como consecuencia dunha fusión municipal: 18 puntos.

8. No caso de empates na puntuación, terán preferencia aqueles proxectos que presenten a totalidade da documentación que constitúe a solicitude de axuda en lingua galega. De persistir o empate, terán preferencia os proxectos presentados segundo a seguinte orde: concellos constituídos como consecuencia dunha fusión municipal, agrupación de concellos baixo calquera fórmula agás a de fusión municipal e concellos de menor número de habitantes.

Artigo 12. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia e á vista da valoración de cada solicitude de axuda efectuada pola comisión constituída para o efecto, o órgano instrutor formulará unha proposta de resolución, que será elevada ao conselleiro.

2. Aquelas actuacións subvencionables que por mor da puntuación acadada non obteñan axuda quedarán en reserva e incorporanse a unha lista de espera para seren atendidas ben co crédito que quede libre, se se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo elixible da actividade que desenvolva o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecida nestas bases.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 14. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza acto presunto.

b. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos dez días hábiles desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a súa condición de beneficiario. conforme o disposto no art. 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xustificando motivadamente a causa da renuncia.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

O beneficiario da subvención queda obrigado a:

a. Executar o proxecto que fundamente a concesión da subvención.

b. Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determina na concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c. As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos tal como recolle o artigo 31.4.a. da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o artigo 29.4.a da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 21.3 da presente orde.

d. Someterse ás actuacións de comprobacións que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación explícita de execución de obra ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f. Os beneficiarios da axuda deberán facer referencia, na súa publicidade ou na información que xeren en relación aos proxectos subvencionados, ao cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, cumprindo as medidas en materia de información e publicidade establecidas nas disposicións comunitarias de aplicación e, en especial no Plan de comunicación Feder Galicia 2007-2013 e na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, a cal pode consultarse na páxina web http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe.

En concreto, durante a execución das obras subvencionadas deberá estar visible un cartel informativo de acordo co disposto no artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Durante a execución dos proxectos cun custo total (en contribución pública total) superior a 500.000 €, o beneficiario colocará un cartel informativo no propio enclave da obra, de acordo co artigo 8.3 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, que debe permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizado, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, nun prazo máximo de 6 meses.

Recoméndase que se o custo total non supera os 500.000 € se coloque un cartel informativo no propio enclave da obra, de acordo co sinalado no parágrafo anterior, especialmente se se superan os 100.000 €.

Artigo 18. Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas

1. Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100 % das actuacións, que está suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que os concellos precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, debe observarse o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención os beneficiarios terán ata o 15 de novembro de 2013 para presentar, nos lugares sinalados no artigo 4 da convocatoria, a seguinte documentación:

1.1. Xustificación de ter realizado o investimento para o cal se concedeu a subvención mediante os documentos que se relacionan a seguir:

Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

Orixinal ou copia cotexada das facturas das actuacións realizadas, así como xustificante de pagamento delas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo nin os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

1.2. Certificado da secretaría ou intervención do cumprimento coa normativa de contratación pública (Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público) no cal se recolla, así mesmo, que os gastos derivados da contratación da actuación subvencionada non se corresponden con proxectos modificados e/ou complementarios.

Será responsabilidade da entidade local beneficiaria o cumprimento da citada normativa de contratación pública e o seu incumprimento pode dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

O expediente de contratación que tramite o concello será único; admitirase unha contratación separada no caso de que a solicitude sexa de dúas ou mais entidades locais e que os obxectos dos contratos admitan fraccionamento ao seren susceptibles de utilización ou aproveitamento separado e constitúan unhas unidades funcionais, ou así o exixa a natureza do obxecto.

1.3. Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello solicitante.

1.4. Informe técnico en que se describa a realización total do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, incluíndo a xustificación da necesidade ou non de avaliación ambiental dos proxectos de acordo coa normativa vixente, así como unha fotografía do cartel informativo da actuación obxecto da subvención sinalado no artigo 17.f da presente orde de axudas.

De acordo co recollido no artigo 3.1 destas bases reguladoras, deben estar rematadas todas as actuacións necesarias para o fin do soterramento e/ou recuamento, tanto as correspondentes á obra civil como ás instalacións eléctricas.

1.5. Certificado en que se recolla o cumprimento da tramitación ambiental do proxecto ou xustificante de que este non procede, asinado por técnico municipal.

1.6. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

1.7. Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.8. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, das cales deberá presentarse copia cotexada (salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención), e que a elección entre elas se realizou de acordo con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. No caso das agrupacións de concellos, observarase o previsto no artigo 28.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A documentación mencionada no apartado 1 do presente artigo deberá referirse a cada concello individualmente. No caso de que o órgano de contratación sexa único, a acreditación dos números 1, 2, 3, 4, 5 e 8 corresponderá a este órgano de contratación.

Presentarase, así mesmo, un convenio asinado por todos os concellos que conformen a agrupación beneficiaria da axuda no cal se recollan expresamente todos os termos indicados no artigo 6.3, parágrafo segundo, das presentes bases reguladoras.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

4. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

5. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha «pista de auditoría» apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro da presente orde, e deben conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006.

Artigo 20. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería, antes de procederen ao seu pagamento, efectuarán a comprobación explícita da execución da obra para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, se é o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a. Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida.

b. Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra c) do artigo 65.4º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros por demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación da subvención, así como o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, no caso de incumprimento do requisito de permanencia das instalacións subvencionadas establecido no artigo 17.c. da presente orde, coa excepción prevista nos artigos 31.5 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 29.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nos artigos 36 e 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 33 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión.

Artigo 24. Remisión normativa

En todo o non disposto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Regulamento (CE) nº 1080/2006, no Regulamento (CE) nº 1083/2006 e no Regulamento (CE) nº 1828/2006, relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e no resto da normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file