Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 15 de maio de 2013 Páx. 16307

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2013 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Luís Calvo Sanz.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Luís Calvo Sanz, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. Luciano Calvo Pumpido, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Luís Calvo Sanz foi constituída en escritura pública outorgada en Carballo (A Coruña) o 13 de abril de 2012, ante o notario Carlos Andrés Mosquera Delgado, co número de protocolo 528, pola Entidade Luís Calvo Sanz, S.A., que actúa representada por Luciano Calvo Pumpido.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto.

– A promoción, realización e desenvolvemento de proxectos filantrópicos que poidan ser beneficiosos para a sociedade nos ámbitos cultural, científico, deportivo, social e económico.

– A promoción, realización e desenvolvemento de todo tipo de actividades filantrópicas referidas á investigación, no ámbito da alimentación, a nutrición e a saúde.

– A promoción, realización e desenvolvemento de todo tipo de actividades filantrópicas ambientais e de responsabilidade social corporativa.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade da entidade fundadora, a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Luciano Calvo Pumpido, como presidente; María Dolores Calvo Pumpido, como vicepresidenta; José Martínez Calvo, como secretario; e Manuel María Calvo García-Benavides, Luís Javier Ríos Calvo e Luís Jesús Calvo Lema, como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural, científico, deportivo e social da Fundación Luís Calvo Sanz, atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade coa dita proposta, por orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2 abril de 2013, clasificouse como de interese cultural, científico, deportivo e social a Fundación Luís Calvo Sanz, e adscribiuse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 en relación co Decreto 253/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Luís Calvo Sanz, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Fundación Luís Calvo Sanz, polo que:

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Luís Calvo Sanz.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2013

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza