Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 15 de maio de 2013 Páx. 16299

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O Decreto 233/2012, do 5 de decembro, determina a organización, funcións e competencias da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 235/2012, da mesma data, fixa a estrutura orgánica e establece os órganos superiores e de dirección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, regula unha nova organización que, pola súa complexidade e polo seu ámbito de competencias, implica unha concentración de funcións no seu titular que fan aconsellable efectuar unha delegación de competencias que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión, sen esquecer o debido respecto aos principios recollidos no artigo 103.1 da nosa Constitución.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

A Orde do 22 de setembro de 2011 recolleu un conxunto de delegacións de competencias por parte do titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que deben ser agora adaptadas, unha vez que se produciu a aprobación do decreto que regula a nova estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e tomando como punto de partida a lexislación básica estatal contida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, detállanse as regras que disciplinan as competencias dos órganos administrativos e os mecanismos que introducen excepcións ou matizan tales regras, entre eles, a delegación de competencias que atopa regulación no artigo 6 da referida lei.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Administración de persoal

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o exercicio das facultades que lle corresponden á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería en materia de persoal segundo o establecido no artigo 17 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento do persoal eventual e as que lles correspondan a outros órganos.

2. Así mesmo, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, das persoas titulares da Secretaría Xeral da Igualdade, das direccións xerais da Vicepresidencia e Consellería e das delegacións territoriais, así como do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica.

3. Delégase nas persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

4. Delégase nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal da correspondente xefatura territorial.

5. Delégase nas persoas titulares das delegacións territoriais o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización das persoas titulares das secretarías territoriais e xefaturas territoriais da Consellería.

6. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local as competencias que lle corresponden ao conselleiro en materia de funcionarios con habilitación de carácter estatal ao abeiro do artigo 15 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

Artigo 2. Contratación

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas á persoa titular da Consellería respecto dos contratos menores no ámbito de competencias da Secretaría Xeral Técnica.

b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores e que afecten o ámbito competencial da Consellería, a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, dispoñer a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 113 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

c) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores do ámbito competencial da Consellería; a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se deleguen expresamente no punto seguinte nos/as directores/as xerais.

2. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no ámbito das súas respectivas competencias, as facultades que se enuncian a continuación:

a) En relación cos contratos menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico atribúe á persoa titular da Consellería.

b) En relación cos contratos que non teñen a consideración de menores, a aprobación dos pregos de prescricións técnicas, a aprobación dos proxectos e as súas modificacións, a realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento, a súa dirección, inspección e control, podendo ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan a modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 113 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

3. As delegacións previstas neste artigo serano sen prexuízo das facultades atribuídas polo artigo 31.4.f) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ás persoas titulares das delegacións territoriais.

Artigo 3. Convenios

Sen prexuízo do establecido no artigo 7.b) da presente orde, delégase na persoa titular de la Secretaría Xeral da Igualdade a formalización de acordos e convenios en materias propias do seu ámbito competencial.

Artigo 4. Xestión financeira e orzamentaria

1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, a aprobación das modificacións orzamentarias competencia da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o exercicio da competencia para autorizar os gastos xerais dos servizos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e propoñerlle á persoa titular da Consellería de Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos:

a) Aos gastos de persoal, sen prexuízo da competencia da persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza en materia de autorización da inclusión en nómina, referente ás retribucións dos medios persoais ao servizo da Administración de xustiza.

b) Aos gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos que afecten a Secretaría Xeral Técnica ou varias unidades de distintos centros directivos da Consellería.

c) Aos créditos dos capítulos IV, VI, VII e VIII dos orzamentos, salvo os derivados dos contratos menores correspondentes a competencias delegadas nos/as directores/as xerais.

2. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 en relación:

a) Cos gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación.

b) Cos créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

3. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería e nas persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos a xustificar, sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

4. O réxime de delegacións en materia de axudas e subvencións públicas no ámbito da Consellería será o que se estableza nas correspondentes ordes de convocatoria.

5. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos, correspondendo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e ás persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen unha mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Artigo 5. Xestión patrimonial

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 6. Recursos e reclamacións

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

b) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables que corresponda resolver á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Resolver e formular as reclamacións previas á vía civil e laboral e cos procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, competencia da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, incluíndo, se é o caso, a resolución das reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas a ela.

d) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa competencia da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión que se interpoñan contra as resolucións ditadas polos/as xefes/as territoriais ao abeiro do Decreto 360/1996, do 13 de setembro, de atribución aos órganos da Comunidade Autónoma de Galicia do exercicio da potestade sancionadora en materia de espectáculos públicos.

Artigo 7. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, o vicepresidente e conselleiro poderá avocar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendida na delegación da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde. Por outra parte, delégase na Secretaría Xeral Técnica desta consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade e polas persoas titulares das direccións xerais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio das facultades delegadas.

d) Atribúese á Secretaría Xeral Técnica o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, persoal e contratación non están expresamente delegadas noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

e) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, as competencias que se delegan pola presente orde serán exercidas, mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Vicesecretaría.

Respecto da persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade así como das direccións xerais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, as competencias delegadas contidas nesta orde serán exercidas, mentres tanto persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, no seu defecto, polas persoas titulares das direccións xerais seguindo nesta suplencia a orde establecida no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia. Neste sentido, a substitución asumiraa o titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa establecida no decreto, correspondéndolle ao primeiro, se é o caso, substituír o último.

f) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición adicional

Deléganse nas persoas titulares da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Axencia de Turismo de Galicia as facultades que lle correspondan ao vicepresidente e conselleiro, en relación coas seguintes materias:

a) A resolución de reclamacións de responsabilidade patrimonial nos procedementos e materias de competencia das axencias, segundo o previsto no título X da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

b) A resolución de expedientes de revisión de oficio de actos administrativos nulos, a declaración de lesividade dos actos anulables e revogación dos actos de gravame ou desfavorables, ditados polos órganos superiores de goberno das axencias segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 22 de setembro de 2011 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 maio de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza