Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 8 de maio de 2013 Páx. 15287

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 10 de abril de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do recurso de reposición presentado polo presidente da asociación de veciños de San Miguel de Siador e da comunidade de usuarios do Marco contra a resolución de clasificación do monte denominado Rega de Penido a favor da CMVMC de Xubín (Silleda).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

«O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar).

Vogais:

Víctor Abelleira Argibay (representante do Colexio de Avogados da provincia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial).

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 1.4.2013, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese no 2º andar do Edificio Administrativo situado no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do recurso de reposición presentado por Andrés Mejuto Penido, en calidade de presidente da asociación de veciños de San Miguel de Siador e da comunidade de usuarios do Marco, contra a resolución de clasificación do monte denominado Rega de Penido a favor da CMVMC de Xubín (Silleda).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada do 7 de xullo de 2008, Luís Taboada Capón, actuando en calidade de presidente da comunidade de montes veciñais de Xubín, concello de Silleda, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Rega de Penido como veciñal en man común a favor de CMVMC que representa, xuntando diversa documentación consistente en plano de situación, plano topográfico, diversa documentación histórica acreditativa do aproveitamento consuetudinario, declaracións xuradas dos veciños do lugar en relación ao aproveitamento consuetudinario e exclusivo do monte referido polos veciños do lugar de Xubín e relación de estremeiros.

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, e logo do requirimento de diversa documentación preceptiva, en sesión do 7 de xuño de 2010, incoar o corresponde expediente de clasificación do devandito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicita informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais, que é recibido polo Xurado de Montes con data do 14 de xullo de 2010, no que se fai constar que «de acordo coa Lei 43/2003, do 21 de novembro, modificada pola Lei 10/2006, do 28 de abril, esta parcela pode definirse como monte. A superficie da parcela atópase rasa, poboada por matogueira-herbal de toxo e carballos illados. Non presenta signos de aproveitamentos recentes».

Cuarto. O Rexistro da Propiedade correspondente certifica con data do 28 de xullo de 2010 que o monte solicitado non figuraba inscrito a nome de persoa ningunha.

Quinto. Unha vez feitas de xeito fidedigno as comunicacións a todos os interesados e rematado o prazo de exposición no taboleiro de edictos do Concello de Silleda, presentouse, con data de entrada do 16 de setembro de 2010, escrito de alegacións de Andrés Mejuto Penido, en calidade de presidente da comunidade de usuarios do Marco, en que, en esencia, se denuncia a existencia dun conflito que manteñen os veciños de Xubín cos de Siador sobre a concesión dun manancial de auga. Así mesmo, a comunidade de usuarios do Marco discute, máis que o aproveitamento consuetudinario, ao cal non se fai referencia tan sequera, a titularidade dominical do monte cuxa clasificación solicita a CMVMC de Xubín.

Sexto. Á vista da documentación presentada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, os monte obxecto do presente expediente obedecen á seguinte descrición:

Concello: Silleda.

Parroquia: Cortegada.

Nome do monte: Rega de Penido.

Cabida: 65.834 metros cadrados aprox. (superficie e estremas alegadas na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño descoñecido.

Sur: camiño e monte veciñal de Xubín.

Oeste: camiño e concello de Silleda.

Leste: José Manuel Taboada Capón e Luis Álvarez Souto.

Sétimo. Na reunión do día 24.5.2011 acordou ditar resolución estimatoria da clasificación solicitada sobre o monte Rega de Penido a favor da CMVMC de Xubín, ao consideraren os membros do Xurado de Montes, á vista da documentación que figura no expediente de referencia, logo de proposta presentada pola instrutora, que quedaba suficientemente acreditado o uso e o aproveitamento consuetudinario do monte polos veciños de Xubín, e por consideraren, así mesmo, que ningunha das alegacións presentada en contra polos demais interesados tiñan entidade suficiente para desvirtuar tal conclusión.

Oitavo. Contra esta resolución, unha vez debidamente notificada a todas e cada unha das partes interesadas, presentou Andrés Mejuto Penido, na súa calidade de presidente da asociación de veciños de San Miguel de Siador e da comunidade de usuarios do Marco, o pertinente recurso de reposición, no cal, en síntese, alega o seguinte:

a) Omisión da valoración das probas remitidas no seo do expediente de clasificación.

b) Que o monte sobre o cal se solicita a clasificación como veciñal é privativo e está na parroquia de Siador.

c) Que o aproveitamento sobre a parcela é privativo dos veciños de Siador e que a división en parcelas e adxudicacións a propietarios individuais, veciños de Siador, se remonta ao ano 1886 e así continúa na actualidade.

d) Que os solicitantes non acreditan a posesión nin a propiedade, nin tan sequera que se estea facendo uso do monte.

Noveno. Con data do 5 de agosto de 2011, en contestación ao recurso de reposición presentado pola asociación de veciños de San Miguel de Siador e a comunidade de usuarios do Marco, a CMVMC de Xubín presenta un escrito de alegacións negando todas e cada unha das afirmacións vertidas por aqueles e sinalando que «o perímetro da parcela do monte Rega de Penido está delimitada polo camiño vello de Refoxos e Silleda e por muros de terra e pedra tal como figura na documentación achegada para a súa clasificación, o deslindamento faise seguindo os muros e camiños existentes, tal e como se pode ver sobre o terreo, non ao chou como se di no informe presentado polos reclamantes».

Tomando en consideración os datos e documentos que figuran no expediente administrativo de referencia, así como as alegacións feitas de contrario, emítese a seguinte proposta de resolución, con base nos seguintes fundamentos de dereito:

Fundamentos de dereito.

1. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para coñecer e resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións de acordo co preceptuado no artigo 116 da Lei 30/1992, así como no artigo 12 da Lei 13/1989.

2. Procede admitir o recurso de reposición interposto de contrario por concorreren os requisitos fixados no artigo 117.1 da Lei 30/1992.

3. Entrando a analizar o fondo da cuestión controvertida, e tomando como punto de partida as alegacións que serven de sustento ao recurso de reposición presentado, esta parte difire abertamente de todas e cada unha delas canto á súa virtualidade para facer decaer a resolución de clasificación favorable á CMVMC de Xubín sobre o monte Rega de Penido.

En efecto, tal como pode comprobarse cunha mera lectura superficial do citado recurso de reposición, o motivo fundamental de desacordo co resolto polo Xurado de Montes estriba en entender que o monte cuxa clasificación solicitaron os veciños de Xubín é privativo, afirmando que o monte pertence á parroquia de Siador e que foi dividido e adxudicadas as diferentes parcelas en que se dividiu entre os veciños de Siador e facendo referencia a un acordo privado-convenio de repartición de 1886, do cal non se presenta copia.

En contra de tal fío argumental abonda sinalar, como xa se recolle na resolución obxecto de recurso, que de acordo coa propia dicción literal do artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestión relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

E extrapolando o concepto e exixencias que se condensan na normativa aplicable nesta materia ao caso concreto, e tomando en consideración moi especialmente a diversa documentación histórica presentada pola CMVMC solicitante, as observacións que se condensan no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais relativas ao aproveitamento e uso do monte, así como as declaracións xuradas dos veciños sobre este asunto, pódese deducir, en contra do que se pretende facer ver de adverso, que queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre a parcela respecto da cal se solicita a clasificación, sen que a xuízo desta instrutora as alegacións vertidas en contra pola comunidade de usuarios do Marco obste para tal conclusión, unha vez que fan referencia á existencia dun conflito relativo á titularidade dominical do monte controvertido máis que ao seu aproveitamento e uso inmemorial e, de acordo coa postura xurisprudencial sobre este particular, estariamos ante cuestións cuxa resolución excede o ámbito competencial do Xurado de Montes.

Como apoio de tal consideración, faise preciso lembrar a doutrina sentada polo Tribunal Supremo en Sentenza do 7 de marzo de 2001, segundo o teor da cal:

«As cuestións sobre a propiedade do monte Dacosta débense propor ante a xurisdición civil (artigo 10.9 da Lei estatal de montes veciñais e 13.a) da súa homóloga galega), sen que a clasificación do terreo como monte veciñal en man común teña outro efecto que o de atribuír a presunción de propiedade destes en vía administrativa, en canto aquela non se pronuncie en contra. Consecuencia diso é que non cabe en ningún caso formular pronunciamentos sobre o dominio definitivo do monte, sexa en virtude de usucapión o de calquera outro modo de adquirir, polo que a resolución dos tribunais desta xurisdición debe limitarse a resolver se a clasificación meramente administrativa, que agora se combate, se axustou aos orzamentos legais contidos na Lei galega 13/1989 e, moi especialmente, se existe algún óbice legal ou xurisprudencial que obste para corrección desa clasificación de acordo coa devandita normativa. Por tanto, todas as alegacións que poidan opoñerse ou deban valorarse fronte á clasificación e que consistan na alegación da presumible posesión segundo o teor do artigo 38 da LH a favor da parte recorrente, unicamente poderán selo desde o punto de vista de descubrir se cabe outorgarlles relevancia para desvirtuar a presuncion de explotación mancomunada do monte por parte dos veciños de Fontenla que recoñece a sentenza impugnada...».

E en Sentenza do TSX de Galicia do 14 de febreiro de 2002 dicíase:

«É certo que a competencia para coñecer das cuestións que afectan o dominio e demáis dereitos reais corresponde á xurisdición civil, como recoñece expresamente o acordo impugnado no seu fundamento xurídico 7º.c) (...). As resolucións do Xurado son meramente declarativas e deixan aberta a vía civil a quen queira reclamar propiedades ou contradicir as alleas».

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas, propón, e o Xurado de xeito unánime, acorda:

A desestimación do recurso de reposición presentado de contrario e a ratificación íntegra da resolución de clasificación de 24.5.2011 do monte Rega de Penido a favor da CMVMC de Xubín.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 a) e 116.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 10 de abril de 2013

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra