Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 7 de maio de 2013 Páx. 14744

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 17 de abril de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Serra do Galiñeiro, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Cruz Vermella Española en Galicia.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, dispón que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde, entre outras, a coordinación das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. Tamén lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións de profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

No Real decreto 415/1996, do 1 de marzo, así como nos seus propios estatutos, a Cruz Vermella Española defínese como unha institución humanitaria de carácter voluntario e de interese público que desenvolve a súa actividade baixo a protección do Estado a través do Ministerio de Asuntos Sociais (actual Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade). Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade xurídica e patrimonial para o cumprimento dos seus fins.

Entre eles atópase a prevención e reparación de danos orixinados por accidentes, catástrofes, calamidades públicas, conflitos sociais, enfermidades, epidemias e outros riscos ou sinistros colectivos e sucesos similares, así como a protección e socorro dos afectados por estes.

O día 2 de abril de 2013, a Cruz Vermella Española en Galicia solicitou a cesión en propiedade da embarcación Serra do Galiñeiro.

A referida institución destinará a embarcación a fins de utilidade pública ou interese social e, de xeito especial, en apoio nas tarefas de salvamento e loita contra a contaminación na costa galega, así como para a formación e adestramento das súas tripulacións. Polo tanto, faise preciso cederlle en propiedade o ben moble antes indicado.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Cruz Vermella Española da seguinte embarcación:

Nome da embarcación: Serra do Galiñeiro.

Ano de construción: 1992-3.

Modelo: Rodman 38017, clase S, grupo III.

Motor: 2 motores Man Diesel D-0826 LE de 240 Cv cada un.

Dimensións: manga 3,90 m, eslora 11,00 m, puntal 1,58 m.

T.R.B.: 10,45.

Datos de inscrición: folio 1-1993, lista 8ª.

Matrícula: 8ª VI 5-1-93.

Ano de inscrición: 1993.

Artigo 2

O presente acordo de cesión leva implícita a desafectación do dominio público da embarcación que se cede en propiedade, citada no artigo 1.

Artigo 3

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao a entidade cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial en apoio nas tarefas de salvamento e loita contra a contaminación na costa galega, así como para a formación e adestramento das súas tripulacións.

b) Coa cesión outórgaselle á Cruz Vermella Española a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán a cargo da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplica aos fins sinalados, coma se se descoida ou se utiliza con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considérase resolta a cesión e o ben reverterá a Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

e) A entidade cesionaria realizará todos os trámites necesarios para o cambio de titularidade do ben cedido no rexistro marítimo da capitanía marítima correspondente, e serán pola súa conta todos os gastos que estes trámites orixinen.

Artigo 4

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 5

Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación da embarcación citada no artigo 1, ao fin para que é cedida, e poderá adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar