Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 7 de maio de 2013 Páx. 14842

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Touro (expediente IN407A 2012/112).

Visto o expediente para o outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a seguir se cita:

Solicitante: Unión de Distribuidores de Electricidad, S.A. (en diante, UDESA.)

Domicilio social: rúa José Ángel Valente, 17, local 62, 15706 Santiago de Compostela.

Denominación: LMTS, CCTT e RBTS As Minas.

Situación: concello de Touro.

Características técnicas:

– Liña de media tensión subterránea, a 20 kV, dunha lonxitude de 0,065, con orixe e remate na LMT Arinteiro (expediente IN407A 2011/95) unha vez entre e saia do CT3, en condutor RHZ1-2OL-12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al.

– Liña de media tensión subterránea, a 20 kV, dunha lonxitude de 0,380, con orixe e remate no CT3 unha vez entre e saia dos CT2 e CT1, en condutor RHZ1-2OL-12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al.

– 2 centros de transformación prefabricados 2L+1P (CT1 e CT2), cunha potencia de 630 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

– 2 centros de transformación prefabricados 4L+1P (CT3), cunha potencia de 630 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

– Rede de baixa tensión subterránea desde os CT proxectados cunha lonxitude de 0,695 km e condutor XZ1 0,6/1 kV(1×240).

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 27 de xuño de 2012, José Manuel Arufe Rieiro, en representación de UDESA, presentou unha solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada LMTS, CCTT e RBTS As Minas.

Segundo. Mediante Resolución do 30 de agosto de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a información pública a petición da autorización administrativa da instalación eléctrica (DOG nº 186, do 28 de setembro, e BOP da Coruña nº 180, do 20 de setembro).

Terceiro. O 30 de agosto de 2012 remitíuse separata técnica do proxecto ao Concello de Touro para que establecera os condicionados técnicos que considerase oportunos, e prestase a súa conformidade ou oposición á autorización solicitada.

Con data do 5 de outubro de 2012, recíbese nesta xefatura territorial escrito de condicionado á separata do proxecto por parte de Concello de Touro, que foi trasladado a UDESA, S.A., e foi aceptado pola dita empresa.

Cuarto. Durante a fase de información pública presentou alegacións Unión Fenosa Distribución, S.A. (en diante, UFD), que en síntese alega o seguinte:

– Que segundo o disposto no artigo 39 do Real decreto 1955/2000, o distribuidor de zona onde se atopa o polígono industrial é historicamente UFD e vén dando subministración á parcela onde se sitúa o polígono.

– Que a infraestrutura de conexión desde o punto fronteira UFD-UDESA ata a rede actual de distribución de UDESA non ten a consideración de rede de distribución e desde ela non se poden atender novas peticións de subministración xa que só serve para conectar as dúas distribuidoras.

– UDESA non dispón de capacidade na súa liña, xa que só dispoñen de 400 kW subministrados desde a liña propiedade de UFD (expediente IN407A 2009/470) e non pode garantir a calidade de subministración desde as actuais instalacións da súa titularidade.

Quinto. Destas alegacións deuse traslado a UDESA conforme o establecido no artigo 126 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, quen contestou en tempo e forma do seguinte xeito:

– Non existe instalación de distribución de UFD nos terreos da parcela do parque empresarial de Touro, nin sequera nos terreos da mina de EXGA e as instalacións de distribución desa zona son de titularidade de UDESA.

– A solución técnica de menor custo para o sistema é a proposta neste expediente, xa que UDESA dispón de instalación de distribución na mesma parcela do polígono industrial.

– UDESA ten capacidade para a subministración ao parque empresarial de Touro a través da LMT Millares-Quión (IN407A 2002/247) e a través do novo punto fronteira recollido no proxecto CI e LMTS Arinteiro (IN407A 2011/95), os cales dispoñen de acta de posta en servizo.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en relación co artigo 39 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e cantas outras funcións lle sexan expresamente atribuídas ou delegadas en materia de industria, seguridade industrial, enerxía e minas, e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (en diante, LSE), no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Conforme establece o artigo 3.3.d) da Lei 54/1997, do 27 novembro, do sector eléctrico (LSE), «corresponde ás comunidades autónomas no ámbito dos seus respectivos estatutos impartir as instrucións relativas á ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas de transporte ou distribución da súa competencia, e supervisar o seu cumprimento».

Así, a autorización administrativa das instalacións de distribución trata de conseguir que a configuración e o desenvolvemento das redes de distribución se realice de forma racional, eficaz e eficiente.

Cuarto. O artigo 40.2 da LSE, na redacción dada polo Real decreto lei 5/2005, do 11 de marzo, establece que «a autorización de instalacións de distribución, que non concederá dereitos exclusivos de uso, se outorgará atendendo tanto ao carácter de sistema de rede única e monopolio natural, propio da distribución eléctrica, como ao criterio de menor custo posible, propio de toda actividade con retribución regulada, e evitando o prexuízo aos titulares de redes xa establecidas obrigadas a atender as novas subministracións que se soliciten».

Tendo en conta o principio de rede única, o procedemento administrativo para a tramitación da autorización de instalacións de distribución é a ferramenta axeitada para resolver os posibles conflitos tanto negativos como positivos que se poidan formular para o desenvolvemento das redes de distribución. Tanto na LSE como no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, prevese a posibilidade deste conflito e o criterio para a súa resolución:

«…cando existan varios distribuidores na zona aos cales puideran ser cedidas as instalacións, a Administración competente determinará a cal dos ditos distribuidores deberán ser cedidas, seguindo criterios de mínimo custo».

Quinto. O artigo 89.5 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece que a aceptación de informes ou dictames servirá de motivación á resolución cando se incorporen ao seu texto.

Daquela, hai que incorporar á presente resolución o texto e o informe do 22.1.2013 redactado por persoal técnico desta xefatura territorial, que manifesta, entre outros aspectos, o seguinte:

1. O artigo 45 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, establece que cando existan varios distribuidores na zona aos cales poidan ser cedidas as instalacións, a Administración competente determinará a cal dos ditos distribuidores deberán ser cedidas, con carácter previo á súa execución, e seguindo criterios de mínimo custo para o sistema, considerando tanto os custos de investimento como de operación de mantemento.

2. A instalación CI e LMTS Arinteiro, con expediente IN407A 2011/95, dispón de autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución pola Resolución do 12 de xullo de 2012, desta xefatura territorial.

3. UFD non dispón de ningunha instalación de distribución dentro dos terreos da mina de Explotacións Galegas, S.A. (en diante, EXGA) onde se atopa a subministración solicitada, e con anterioridade, o punto de conexión á rede de distribución a 66 kV atópase na LAT 66 kV Portodemouros-San Caetano, igualmente fóra dos terreos da mina.

4. Mediante Resolución do 8 de abril de 2011 desta xefatura territorial autorízase e apróbase o proxecto de execución do expediente IN407A 2009/470-cambio de tensión 15/20 kV LMT Portodemouros 709, en que se recolle literalmente:

«Esta resolución levará consigo a execución das restantes infraestruturas eléctricas recollidas no Convenio do 10 de marzo de 2011, asinado por EXGA, UFD e UDESA. A non execución ou demora premeditada destas infraestruturas tipifícase como un incumprimento das instrucións impartidas por esta xefatura territorial, co obxecto de acadar un funcionamento coordinado, racional e eficiente na actividade de distribución na zona, así mesmo de cantas outras infraccións se tipifican no título X da LSE».

Dentro destas restantes infraestruturas establécese a obriga a UDESA de executar un edificio prefabricado onde se establecerá un novo punto de interconexión UFD-UDESA, situado a carón do centro de distribución proxectado no expediente IN407A 2009/470 a que se conecta, así como unha LMTS de conexión á súa rede de distribución (LMT Arinteiro-expediente IN407A 2011/95). A totalidade destas instalacións eléctricas executadas por UDESA teñen a condición de rede de distribución e quedan abertas ao uso de terceiros, así como a totalidade das instalacións de distribución de todas as empresas distribuidoras.

5. Esta xefatura territorial estableceu a obriga a UFD, entre outras instalacións, de executar un centro de distribución prefabricado, dividido en dúas partes, unha de compañía e outra onde se establecerá o punto fronteira e medida da subministración a EXGA. Esta é a instalación da rede de distribución de UFD que se atopa máís preto da subministración solicitada.

6. Cómpre sinalar que as subministracións existentes nos terreos da mina se atopan conectadas a instalacións de distribución de titularidade de UDESA, agás EXGA, que ten como punto de conexión o centro de distribución CD recollido no expediente IN407A 2009/470, e que coincide fisicamente co punto fronteira entre as dúas distribuidoras.

7. O artigo 2 do Real decreto 222/2008 establece que a actividade de distribución é levada a cabo polos distribuidores, que serán aquelas sociedades mercantís que teñen como obxecto social exclusivo a distribución de enerxía eléctrica, así como construír, operar e manter as instalacións de distribución destinadas a situar a enerxía nos puntos de consumo. Polo tanto, todas as instalacións de titularidade de UDESA teñen legalmente a condición de rede de distribución como a LMT Arinteiro (expediente IN407A 2011/95) e, como xa se expón no punto 4, quedan abertas ao uso de terceiros.

Con base no anteriormente exposto, o técnico que asina entende que deben ser desestimadas as alegacións presentadas por UFD, e conforme o artigo 45 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ditar resolución na cal se indique que estas instalacións deben pasar a formar parte da rede de distribución de UDESA por ser a solución técnica que supón un menor custo para o sistema.

Sexto. Unha vez rematada a tramitación do expediente, e dentro da fase de toma de vista UFD achegou un escrito de alegacións en que sinala entre outras cuestións que actualmente non dispón da capacidade necesaria para atender a subministración. Por parte de UDESA, e dentro desta fase de toma de vista, achegou escrito de alegacións en que sinala, entre outras cuestións, que ten capacidade para a subministración ao Parque Empresarial de Touro.

Sétimo. Cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro (BOE nº 285), do sector eléctrico, no título VII, capítulo II, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE nº 310), polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e no Real decreto 222/2008, do 15 de febreiro, polo que se establece o réxime retributivo da actividade de distribución de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Establecer UDESA como o distribuidor de zona para este proxecto seguindo criterios do mínimo custo para o sistema, onde as ditas instalacións formarán parte dos activos da súa rede de distribución e quedarán abertas ao uso por terceiros.

Autorizar e aprobar o proxecto de execución da devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións eléctricas de Nova Extensión de Rede (NER) descritas neste proxecto son tramitadas pola empresa distribuidora, polo que non procede a subscrición dun convenio de resarcimento entre as partes, e conforme o Real decreto 222/2008, do 15 de febreiro, polo que se establece o réxime retributivo da actividade de distribución de enerxía eléctrica, as instalacións financiadas e cedidas por terceiros non percibirán retribución por investimento por parte de UDESA.

A instalación executarase nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 25 de marzo de 2013

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña