Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 3 de maio de 2013 Páx. 14082

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de febreiro de 2013, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación Parque Eólico Muxía, así como das disposicións normativas contidas no dito proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de febreiro de 2013, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación Parque Eólico Muxía, promovido por EDP Renovables España, S.L.U.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4.12.2008, polo que se declara a incidencia supramunicipal do devandito proxecto sectorial, os planeamentos dos concellos de Vimianzo e Muxía (A Coruña) quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación Parque Eólico Muxía.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación Parque Eólico Muxía

1. Relación co planeamento urbanístico local vixente e proposta de modificación.

1.1. Relación co planeamento municipal do concello de Vimianzo.

1.1.1. Adecuación ao planeamento municipal do concello de Vimianzo.

O municipio de Vimianzo conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal (1.7.1994), polo que, para solo non urbanizable como é o caso, resulta de aplicación o establecido na Lei 2/2010, do 25 de marzo, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Polas súas características de uso, o solo afectado polo proxecto, segundo o artigo 32 (categorías), da Lei 9/2002, modificada pola Lei 2/2010, cabe cualificalo como:

• Solo rústico de protección ordinaria: constituído polos terreos que o planeamento urbanístico ou os instrumentos de ordenación do territorio consideren inadecuados para o seu desenvolvemento urbanístico, por razón das súas características xeotécnicas ou morfolóxicas, polo alto impacto territorial que implicaría a súa urbanización, polos riscos naturais ou tecnolóxicos ou en consideración aos principios de utilización racional dos recursos naturais ou de desenvolvemento sustentable.

Este tipo de solo é o que ten unha maior representatividade dentro da zona de afección do trazado.

• Solo rústico de protección agropecuaria: constituído polos terreos de alta produtividade agrícola ou gandeira, posta de manifesto pola existencia de explotacións que a avalen ou polas propias características ou potencialidade dos terreos ou das zonas onde se enclaven, así como polos terreos obxecto de concentración parcelaria a partir da entrada en vigor da Lei 9/2002 e polos terreos concentrados con resolución firme producida nos dez anos anteriores a esta data, excepto que deban ser incluídos na categoría de solo rústico de protección forestal. Non obstante, o plan xeral poderá excluír xustificadamente desta categoría os ámbitos lindantes sen solución de continuidade con solo urbano ou cos núcleos rurais que resulten necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, que serán clasificados como solo urbanizable ou incluídos na área de expansión dos núcleos rurais, respectivamente.

Corresponde ás zonas dentro do polígono de afección do trazado cun aproveitamento ou potencialidade agrícola ou gandeira.

• Solo rústico de protección forestal: constituído polos terreos destinados a explotacións forestais e os que sustenten masas arbóreas que deban ser protexidas por cumpriren funcións ecolóxicas, produtivas, paisaxísticas, recreativas ou de protección do solo e, igualmente, por aqueles terreos de monte que, aínda que non sustenten masas arbóreas, deban ser protexidos por cumpriren as mencionadas funcións e, en todo caso, polas áreas arbóreas formadas por especies autóctonas, así como por aquelas que sufrisen os efectos dun incendio a partir da entrada en vigor desta lei ou nos cinco anos anteriores a ela. Igualmente, consideraranse solo rústico de protección forestal aquelas terras que declare a Administración competente como áreas de especial produtividade forestal e os montes públicos de utilidade pública. Excepcionalmente, o plan xeral poderá excluír desta categoría as áreas sen masas arbóreas merecentes de protección, lindantes sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais, que resulten necesarias para o desenvolvemento urbanístico racional.

Dada a existencia dunha zona ocupada por monte alto, correspondente a unha plantación de eucalipto, inclúense nesta categoría de solo rústico de protección forestal.

• Solo rústico de protección das augas: constituído polos terreos, situados fóra dos núcleos rurais e de solo urbano, definidos na lexislación reguladora das augas continentais como leitos naturais, ribeiras e marxes das correntes de auga e como leito ou fondo das lagoas e encoros, terreos inundados e zonas húmidas e as súas zonas de servidume. Así mesmo, incluiranse nesta categoría as zonas de protección que para tal efecto delimiten os instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio, que se estenderán, como mínimo, á zona de policía definida pola lexislación de augas, excepto que o plan xustifique suficientemente a súa redución. Igualmente, terán a dita consideración os terreos situados fóra dos núcleos rurais e de solo urbano con risco de inundación, e aqueles baixo os cales existan augas subterráneas que deban ser protexidas. A pesar do anterior, as correntes de auga de escasa entidade que discorran dentro do ámbito dun sector de solo urbanizable quedarán debidamente integradas no sistema de espazos libres públicos, suxeitos ao réxime de solo urbanizable.

Delimitouse unha zona de afección en todos os regatos que cruzan o trazado de 100 m de largura, non situándose ningún apoio nin acceso da liña dentro dos leitos.

• Solo rústico de protección de infraestruturas: constituído polos terreos rústicos destinados á instalación de infraestruturas e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as de comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio.

Tomando una distancia de 25 m a cada lado das liñas eléctricas, delimitáronse as zonas de solo rústico de protección de infraestruturas.

Entre os usos permitidos por licenza municipal nestes cinco tipos de solo, desenvolvidos polos artigos 36, 37 e 38, atópanse os recollidos pola alínea f) do artigo 33, punto 2: centros de produción, servizo, transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

1.1.2. Proposta de modificación do planeamento municipal de Vimianzo.

Por tanto, no municipio de Vimianzo non procede propoñer modificacións do planeamento vixente para compatibilizar a liña cos usos previstos segundo o réxime de solo de aplicación.

Cando se formule o planeamento municipal de Vimianzo ao abeiro da Lei 9/2002, do 30 de decembre, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano nº 5 do presente proxecto sectorial cualificándoos como solo rústico de protección de infraestruturas, conforme o artigo 37 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, modificada pola Lei 2/2010, de 25 de marzo, coa seguinte normativa:

– Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos as zonas delimitadas no plano nº 5 do presente proxecto sectorial destinadas á instalación dun sistema xeral de infraestruturas vinculadas ao transporte e distribución de enerxía eléctrica. A área de afección da LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación Parque Eólico Muxía ao concello de Vimianzo é de 140.372 m2.

O uso permitido ou autorizable é o de liñas eléctricas de alta tensión, logo de aprobación definitiva dun plan ou proxecto sectorial, segundo o establecido nos artigos 22 ao 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e tras someterse ao trámite de cualificación ambiental mediante a remisión dun estudo ambiental de acordo co previsto no Real decreto legislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que emitiu a decisión de non necesidade do trámite de avaliación de impacto ambiental.

Segundo o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, establécese que:

• Artículo 158. Servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica. A servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica comprenderá:

a) O voo sobre o predio servente.

b) O establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a sustentación dos cables condutores de enerxía eléctrica e instalación de postas á terra dos ditos postes, torres ou apoios fixos.

c) O dereito de paso ou acceso para atender o establecemento, vixilancia, conservación, reparación da liña eléctrica e corte de arboredo, se for necesario.

d) A ocupación temporal de terreos ou outros bens, se é o caso, necesarios aos fins indicados na alínea c) anterior.

Está establecida en 50 m (franxa de afección que será de 25 m a cada lado do trazado da liña) segundo as necesidades da liña obxecto do presente proxecto sectorial.

• Artigo 162. Relacións civís.

1. A servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguranza. Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña se non existen dificultades técnicas e facéndose cargo dos gastos da variación, os cales se incluirán nos prexuízos ocasionados.

2. Entenderase que a servidume foi respectada cando a cerca, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o contido dela e a seguranza da instalación, persoas e bens de acordo co presente real decreto.

3. En todo caso, e para as liñas eléctricas aéreas, queda limitada a plantación de árbores e prohibida a construción de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables, incrementada coas distancias regulamentarias a ambos os lados da dita proxección.

– Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

1.2. Relación co planeamento municipal do concello de Muxía.

1.2.1. Adecuación ao planeamento municipal do concello de Muxía.

O municipio de Muxía conta con normas subsidiarias de planeamento municipal (4.5.1995), polo que, para solo non urbanizable, como é o caso, resulta de aplicación o establecido na Lei 2/2010, do 25 de marzo, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Polas súas características de uso, o solo afectado polo proxecto, segundo o artigo 32 (categorías) da Lei 9/2002, modificada pola Lei 2/2010, cabe cualificalo como:

• Solo rústico de protección ordinaria: constituído polos terreos que o planeamento urbanístico ou os instrumentos de ordenación do territorio consideren inadecuados para o seu desenvolvemento urbanístico, por razón das súas características xeotécnicas ou morfolóxicas, polo alto impacto territorial que implicaría a súa urbanización, polos riscos naturais ou tecnolóxicos ou en consideración aos principios de utilización racional dos recursos naturais ou de desenvolvemento sustentable.

Este tipo de solo é o que ten unha maior representatividade dentro da zona de afección do trazado.

• Solo rústico de protección agropecuaria: constituído polos terreos de alta produtividade agrícola ou gandeira, posta de manifesto pola existencia de explotacións que a avalen ou polas propias características ou potencialidade dos terreos ou das zonas onde se enclaven, así como polos terreos obxecto de concentración parcelaria a partir da entrada en vigor da Lei 9/2002 e polos terreos concentrados con resolución firme producida nos dez anos anteriores a esta data, excepto que deban ser incluídos na categoría de solo rústico de protección forestal. Non obstante, o plan xeral poderá excluír xustificadamente desta categoría os ámbitos lindantes sen solución de continuidade con solo urbano ou cos núcleos rurais que resulten necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, que serán clasificados como solo urbanizable ou incluídos na área de expansión dos núcleos rurais, respectivamente.

Corresponde ás zonas dentro do polígono de afección do trazado cun aproveitamento ou potencialidade agrícola ou gandeira.

• Solo rústico de protección forestal: constituído polos terreos destinados a explotacións forestais e os que sustenten masas arbóreas que deban ser protexidas por cumpriren funcións ecolóxicas, produtivas, paisaxísticas, recreativas ou de protección do solo e, igualmente, por aqueles terreos de monte que, aínda que non sustenten masas arbóreas, deban ser protexidos por cumpriren as mencionadas funcións e, en todo caso, polas áreas arbóreas formadas por especies autóctonas, así como por aquelas que sufriran os efectos dun incendio a partir da entrada en vigor desta lei ou nos cinco anos anteriores a ela. Igualmente, consideraranse solo rústico de protección forestal aquelas terras que declare a Administración competente como áreas de especial produtividade forestal e os montes públicos de utilidade pública. Excepcionalmente, o plan xeral poderá excluír desta categoría as áreas sen masas arborizadas merecentes de protección, lindantes sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais, que resulten necesarias para o desenvolvemento urbanístico racional.

Son zonas dentro da área de afección que se corresponden con plantacións de piñeiro ou eucalipto maioritariamente, polo que se cualifica este terreo como solo rústico de protección forestal.

• Solo rústico de protección das augas: constituído polos terreos, situados fóra dos núcleos rurais e de solo urbano, definidos na lexislación reguladora das augas continentais como leitos naturais, ribeiras e marxes das correntes de auga e como leito ou fondo das lagoas ou lagos, terreos inundados e zonas húmidas e as súas zonas de servidume. Así mesmo, incluiranse nesta categoría as zonas de protección que para tal efecto delimiten os instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio, que se estenderán, como mínimo, á zona de policía definida pola lexislación de augas, excepto que o plan xustifique suficientemente a súa redución. Igualmente, terán a dita consideración os terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano con risco de inundación, e aqueles baixo os cales existan augas subterráneas que deban ser protexidas. A pesar do anterior, as correntes de auga de escasa entidade que discorran dentro do ámbito dun sector de solo urbanizable quedarán debidamente integradas no sistema de espazos libres públicos, suxeitos ao réxime de solo urbanizable.

Delimitouse unha zona de afección en todos os regatos que cruzan o trazado de 100 m de largura e non se sitúa ningún apoio nin acceso da liña dentro dos leitos.

1.2.2. Proposta de modificación do planeamento municipal do concello de Muxía.

Por tanto, no municipio de Muxía non procede propoñer modificacións do planeamento vixente para compatibilizar a liña cos usos previstos segundo o réxime de solo de aplicación.

Cando se formule o planeamento municipal de Muxía ao abeiro da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano nº 7 do presente proxecto sectorial cualificándoos como solo rústico de protección de infraestruturas, conforme o artigo 37 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, modificada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, coa seguinte normativa:

– Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos as zonas delimitadas no plano nº 7 do presente proxecto sectorial destinadas á instalación dun sistema xeral de infraestruturas vinculadas ao transporte e distribución de enerxía eléctrica. A área de afección da LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación Parque Eólico Muxía ao concello de Muxía é de 372.374 m2.

O uso permitido ou autorizable é o de liñas eléctricas de alta tensión, logo da aprobación definitiva dun plan ou proxecto sectorial, segundo o establecido nos artigos 22 ao 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e tras someterse ao trámite de cualificación ambiental mediante a remisión dun estudo ambiental de acordo co previsto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que emitiu a decisión de non necesidade do trámite de avaliación de impacto ambiental.

No Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, establécese:

«• Artículo 158. Servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica. A servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica comprenderá:

a) O voo sobre o predio servente.

b) O establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a sustentación dos cables condutores de enerxía eléctrica e instalación de postas á terra dos ditos postes, torres ou apoios fixos.

c) O dereito de paso ou acceso para atender o establecemento, vixilancia, conservación, reparación da liña eléctrica e corte de arboredo, se for necesario.

d) A ocupación temporal de terreos ou outros bens, se é o caso, necesarios aos fins indicados na alínea c) anterior.

Está establecida en 50 metros (franxa de afección que será de 25 m a cada lado do trazado da liña) segundo as necesidades da liña obxecto do presente proxecto sectorial.

• Artigo 162. Relacións civís.

1. A servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguranza. Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña se non existen dificultades técnicas e facéndose cargo dos gastos da variación, os cales se incluirán nos gastos os prexuízos ocasionados.

2. Entenderase que a servidume foi respectada cando a cerca, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o contido dela e a seguranza da instalación, persoas e bens de acordo co presente real decreto.

3. En todo caso, e para as liñas eléctricas aéreas, queda limitada a plantación de árbores e prohibida a construción de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables, incrementada coas distancias regulamentarias a ambos os lados da dita proxección».

– Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

1.3. Prazo.

A adecuación do planeamento urbanístico municipal vixente ao presente proxecto sectorial deberá realizarse coa redacción do planeamento urbanístico municipal adaptado a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 2/2010, de 25 de marzo.

1.4. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, á marxe de cando se adecue o planeamento municipal, implica que a súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. Así mesmo, segundo o artigo 34.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, non se precisará da autorización autonómica previa para a infraestrutura, por estar prevista nun proxecto sectorial ao abeiro da Lei 10/1995.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

En concordancia co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, no seu texto modificado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións da LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación Parque Eólico Muxía.

En consecuencia, non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas no presente proxecto sectorial, aprobado polo Consello de la Xunta de Galicia.