Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 2 de maio de 2013 Páx. 13842

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Montederramo

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal de Montederramo.

Aprobado inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal, por Acordo do Pleno do 5 de abril de 2013, de conformidade co artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sométese a información pública polo prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o devandito prazo poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais para que se formulen as alegacións que se consideren pertinentes.

Quedan suspendidas as licenzas para as seguintes áreas:

a) En todas as zonas afectadas por novos sistemas xerais e locais de viario, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres en calquera clase de solo.

b) No solo urbano consolidado e nos núcleos rurais suspenderase só nas zonas en que non se poidan cumprir ambas as ordenacións ou normativas simultaneamente (delimitación do solo urbano vixente e delimitacións de núcleos aprobadas, en tramitación ou en futuras delimitacións).

c) En solo rústico, dado que as normas subsidiarias provinciais resultan obsoletas despois da entrada en vigor da Lei 9/2002 e as numerosas modificacións posteriores que invalidan en gran parte o establecido por aquelas, polo que, en definitiva, o réxime aplicable apenas variará antes ou despois do PXOM, só se suspenderán as licenzas nas zonas en que non se poidan cumprir simultaneamente ambas as ordenacións ou normativas.

d) Calquera outro ámbito en que a licenza poida impedir ou dificultar a execución do novo planeamento.

Asemade, os actos xenéricos para os cales se suspende o outorgamento de licenzas son os de parcelación de terreos, edificacións e demolicións.

Respecto das actividades, quedan suspendidas as novas autorizacións ou licenzas en calquera tipo de solo que non se axusten simultaneamente a ambas as ordenacións ou normativas (delimitación de solo urbano vixente e delimitacións de núcleos aprobadas, en tramitación ou en futuras delimitacións). Idéntico criterio é aplicable ás obras menores.

A duración da suspensión é de dous anos, contadas desde a aprobación, e extínguese en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento.

Montederramo, 8 de abril de 2013

Antonio Rodríguez Álvarez
Alcalde