Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 2 de maio de 2013 Páx. 13702

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 19 de abril de 2013 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Xunqueira de Espadanedo.

O Concello de Xunqueira de Espadanedo remite novamente o Plan xeral de ordenación municipal en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. Con data do 20 de novembro de 2012, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu orde de non aprobación do PXOM do Concello de Xunqueira de Espadanedo, ao abeiro do establecido no artigo 85.7.b) da LOUG, sinalando unha serie de deficiencias que cumpría emendar.

I.2. Introducidas no documento as correccións interesadas, consta a emisión, o 10 de xaneiro de 2013, dos preceptivos informes previos á aprobación provisional, da Secretaría Municipal e do arquitecto asesor, respecto da conformidade do documento de PXOM corrixido, á lexislación vixente e á calidade técnica da ordenación proxectada, segundo o establecido no artigo 85 da LOUG.

I.3. O Concello Pleno de Xunqueira de Espadanedo, en sesión do 11 de xaneiro de 2013, aprobou o PXOM coas modificacións solicitadas pola Orde da CMATI do 20 de novembro de 2012.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación aprobada provisionalmente polo Concello Pleno de Xunqueira de Espadanedo o 11 de xaneiro de 2013, en relación coas consideracións contidas na anterior Orde da CMATI do 20 de novembro de 2012, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

II.1. Púidose comprobar que as observacións formuladas na anterior orde foron tidas en conta, ao se introduciren as correccións necesarias e se achegaren as xustificacións adecuadas, para dar cumprimento a aquelas.

II.2. Porén observáronse dous erros, nomeadamente:

• Non se aprecia xustificación para categorizar o ámbito situado ao sueste do SUND-I.1 como solo rústico de especial protección de infraestruturas. Daquela, corresponde que sexa categorizado como solo rústico de protección ordinaria.

• Pola contra, deberá clasificarse como solo rústico de especial protección de infraestruturas a zona do leste do concello que está afectada polas infraestruturas de aeroxeración situadas no concello limítrofe de Parada de Sil.

II.3. Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da LOUG, para resolver sobre a aprobación definitiva analizouse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; e a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

II.4. O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Xunqueira de Espadanedo axústase no fundamental aos criterios expresados na LOUG, ao recoñecer o sistema tradicional de asentamentos, establecer para eles unha ordenación propia, definir as necesarias proteccións para os terreos que as precisan e previr ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos, dotando o concello dunha ordenación propia de cara a favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Xunqueira de Espadanedo, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ás condicións sinaladas no punto II.2 do corpo desta orde.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Xunqueira de Espadanedo, 19 de abril de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas