Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 24 de abril de 2013 Páx. 12745

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de abril de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a fundacións, asociacións e institucións culturais, para a realización de programas culturais que se desenvolverán na Comunidade Autónoma e para os gastos de funcionamento derivados deles, e se procede a súa convocatoria para o ano 2013.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia, que establece no seu artigo 27.19º como competencia da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e, no artigo 32, a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Correspóndelle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos campos, a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos e colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere establecer con esta orde un instrumento que, acorde coa normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Finalidade e obxecto

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á realización de programas ou actividades culturais concretas que se van desenvolver na nosa comunidade no ano 2013, así como aos gastos de funcionamento necesarios para a súa realización polas fundacións, entidades e asociacións culturais sen ánimo de lucro que sexan solicitadas á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conforme o procedemento que a seguir se establece.

Inclúense nesta orde os programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2013 ata a data límite de xustificación desta orde.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura galega; os gastos de persoal relacionados coa realización das actividades e os gastos de funcionamento derivados do desenvolvemento das mencionadas actividades.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013.

d) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

E supletoriamente:

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

g) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

h) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2. Imputación orzamentaria e contía

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.432B.481.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013, por un importe inicial máximo de 350.000 €, sen prexuízo de que este orzamento inicial poida ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A concesión das axudas queda sometida á condición de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. A contía de cada subvención non poderá ser superior á cantidade solicitada ou ao 75 % do orzamento total da actividade subvencionable, coa cantidade máxima de 30.000 euros por beneficiario. Ademais, o importe máximo destas subvencións non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións as fundacións, entidades e asociacións culturais sen ánimo de lucro que desenvolvan as súas actividades habitualmente en Galicia, para a realización de actividades de promoción da cultura galega na nosa comunidade autónoma durante o ano 2013.

2. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Xunta de Galicia se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Non poderán ser beneficiarios desta axuda aqueles que estean nalgún dos supostos previstos nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

Os que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante instancia dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A presentación poderase facer a través das dúas formas seguintes:

1ª. A solicitude presentarase, preferentemente, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Ao Rexistro Electrónico da Xunta accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es. Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

– Será necesario que o/a presentador/a da solicitude sexa a persoa física que posúa a representación legal da entidade solicitante e como tal figure identificado/a nos formularios normalizados de solicitude.

– O/a presentador/a deberá posuír algúns dos seguintes certificados:

a) DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

c) Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

2ª. Así mesmo, tamén se poden presentar en soporte papel segundo o modelo normalizado que figura como anexo I desta orde, e poderán presentala na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Á solicitude xuntarase a documentación que a seguir se relaciona:

a) Fotocopia do NIF ou, se é o caso, DNI do representante, xunto coa documentación acreditativa da representación. O DNI só deberá presentarse no suposto de que a persoa solicitante non dea o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, por medios telemáticos co servizo horizontal de acceso aos sistemas de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (de acordo co disposto nos artigos 2.2 e 3.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos).

b) Declaración, segundo documento normalizado (anexo II), doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto. No mesmo anexo tamén se declarará que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos números 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Memoria detallada da actividade ou programa en que conste unha referencia concreta aos seguintes aspectos:

• Resumo do contido e obxectivos da actividade, facendo explícitos os seus aspectos innovadores e a súa contribución ao desenvolvemento e difusión da cultura e da lingua galega.

• Estimación de potenciais beneficiarios do programa ou actividade, repercusión territorial e estratexia de captación de públicos.

• Indicación das outras entidades implicadas no desenvolvemento da actividade ou programa.

• Concreción do número de edicións levadas a cabo da actividade e datos básicos sobre a participación (presencial ou a través da internet e das redes sociais) e repercusión nos medios de comunicación.

d) Calendario de execución do programa ou actividade.

e) Orzamento desagregado da actividade ou actividades, con indicación do financiamento propio e a contía de axudas externas para a realización do programa ou actividade.

f) Información sobre os programas e actividades desenvolvidos no ámbito cultural pola entidade que solicita a axuda nos últimos cinco anos.

g) Documentación acreditativa de que a fundación, entidade ou asociación cultural sen ánimo de lucro ten unha sede ou establecemento na Comunidade Autónoma.

h) Voluntariamente poderá achegarse calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para a mellor valoración do programa ou actividade presentados.

Os anexos I, II e III poderanse obter ben a través da guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es ou tamén a través do portal www.xunta.es

4. A presentación da solicitude de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá achegar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 5. Emenda de solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se lle terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Instrución do procedemento e selección de solicitudes

Correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

A comisión avaliadora a que fai referencia o punto 3º do artigo 1 estará constituída polos seguintes membros:

• Presidente: o secretario xeral de Cultura.

• Catro vogais: a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, o xefe do Servizo de Xestión Administrativa, dous funcionarios designados polo secretario xeral de Cultura, sendo un destes o que actuará como secretario.

A comisión valorará os expedientes con base nos seguintes criterios:

1. Número de actividades culturais realizadas nos cinco anos anteriores: ata 20 puntos (sobre 100).

2. Carácter continuado e non ocasional do proxecto, en función do número de edicións realizadas: ata 20 puntos (sobre 100).

3. Repercusión territorial do programa ou actividade:

– Repercusión en toda a comunidade: 20 puntos.

– Repercusión provincial ou comarcal: 10 puntos.

– Repercusión local: 5 puntos.

4. Nivel de autofinanciamento do programa:

– Autofinanciamento do 25 % ata o 40 %: 5 puntos.

– Superior ao 40 % ata o 60 %: 10 puntos.

– Superior ao 60 %: 20 puntos.

5. Número de entidades (públicas ou privadas) participantes no desenvolvemento do programa ou actividade: ata 20 puntos (sobre 100).

O informe que emita a comisión valorará a totalidade dos expedientes que cumpran os requisitos previstos nesta orde.

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada concedendo subvencións, ata o límite do crédito dispoñible. Esta resolución terá carácter provisional cando concorran as circunstancias previstas no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e poderase instar o beneficiario para que reformule a súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

En caso de que existan empates na puntuación, valorarase en primeiro lugar o criterio do autofinanciamento e no caso de que o empate se manteña, terase en conta a data de presentación da solicitude.

No suposto de que algún beneficiario dos propostos non acepte a axuda ou renuncie a ela, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa puntuación establecida.

Artigo 7. Resolución

Á vista da proposta de resolución, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ditará a resolución que proceda, motivada, con indicación do obxecto e importe do proxecto subvencionado, e a contía da subvención. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Notificación e desestimación

O prazo máximo para resolver e notificar aos interesados a resolución do procedemento non poderá superar os nove meses, segundo establece o artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Porén, en aplicación do Plan de acción de redución de cargas administrativas aprobado polo Consello de Ministros en xuño de 2008, a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma propuxo para a redución de cargas administrativas a redución dos prazos legais e efectivos na tramitación dos procedementos nun 20 %, polo que o prazo para resolver e notificar pasaría a 7 meses. O prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria.

O vencemento do prazo máximo, sen que sexa notificada a resolución expresa, faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

No caso daquelas solicitudes que sexan desestimadas, os solicitantes poderán retirar a documentación presentada.

Artigo 9. Aceptación, xustificación e pagamentos

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen se producir manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante do beneficiario.

Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable, ao abeiro do disposto no artigo 25 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustificar a contía total do proxecto, antes do 1 de novembro de 2013, mediante a presentación da seguinte documentación:

• Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

• Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá orixinal, ou fotocopia compulsada, e dúas copias da seguinte documentación:

a) Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

• No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

• Certificación da titularidade da conta expedida pola entidade bancaria onde se debe realizar o pagamento da subvención.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

– Con carácter excepcional admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 euros. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

4. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá ao beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios desta axuda quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A actividade subvencionada con cargo a esta orde deberá contribuír á dinamización social da lingua galega. As accións de difusión, publicidade e comunicación da actividade subvencionada desenvolveranse en galego.

3. Os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal foron concedidos e deberán comunicar á Secretaría Xeral de Cultura o día e a hora da actividade subvencionada. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

4. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada, sempre que sexan actividades con datas posteriores á recepción da comunicación da resolución, que recibiron unha subvención da Xunta de Galicia, utilizando a normativa da identidade corporativa da Xunta de Galicia. Este logotipo actualizado que permita identificar a orixe da axuda poderase obter na páxina web: http://www.xunta.es/marca-principal

Cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

5. O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. Cando un beneficiario non poida executar o proxecto ou actividades deberá renunciar á subvención por escrito.

Artigo 11. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Recursos

Contra esta orde e contra os actos resolutivos referentes a ela, que esgotan a vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición perante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 13. Publicidade

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, o abeiro do disposto no artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Consonte o artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolución precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file