Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 19 de abril de 2013 Páx. 11974

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural do Condado, na parroquia do Condado, concello de Padrenda (Ourense).

O Concello de Padrenda remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural do Condado, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante LOUG) e solicita a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Padrenda non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do número 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na redacción dada pola Lei 15/2004, e nel constan:

– O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 220, do 17 de novembro de 2011, e nos xornais La Voz de Galicia con data do 6 de outubro e Faro de Vigo con data do 7 de outubro.

– Certificación do secretario municipal do 27 de decembro de 2011 na cal se reflicte que no devandito período non se presentaron alegacións.

– Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo Pleno do Concello na súa sesión do 24 de febreiro de 2012.

II. Consideracións e motivación.

Logo de analizar o expediente remitido polo Concello e á vista do informe subscrito pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural do Condado, segundo o nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo).

2. Da documentación remitida dedúcese que a ordenación aplicable corresponde coa relativa ao núcleo rural complexo, segundo a tipoloxía dos tipos básicos de solo de núcleo rural establecida pola LOUG no seu artigo 13.3, na redacción dada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, diferenciando ambos os dous tipos de solo de núcleo rural tradicional e rural común coas determinacións que para cadansúa delimitación e categoría establece o artigo 13.3.c) da LOUG, referidas ao grao de consolidación da edificación e demais determinacións do réxime aplicable.

O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola LOUG para o solo de núcleo rural; seralle igualmente aplicable, en todo aquilo que non vulnere nin vaia contra o devandito réxime xurídico, o contido da ordenanza do «solo non urbanizable de núcleo rural» das vixentes Normas provinciais complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

3. De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG (modificada pola Lei 15/2004), e a Orde do 11 de maio de 2009 sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural corresponde á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

1º. Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural complexo do Condado, na parroquia do Condado, concello de Padrenda (Ourense).

2º. Contra a presente resolución non caberá interpoñer recurso en vía administrativa e pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se for o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese esta resolución ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file