Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 18 de abril de 2013 Páx. 11947

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello do Pereiro de Aguiar

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal do Pereiro de Aguiar.

O Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria celebrada o 5 de abril de 2013, conforme o disposto no artigo 85.2º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), modificada polas leis 15/2004 e 2/2010, por maioría absoluta legal (vota a favor o Grupo Popular-10, abstense o Grupo Socialista-2 e o BNG-1) acorda:

Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal do Pereiro de Aguiar redactado pola empresa Oficina de Planeamiento, S.A., integrado polos seguintes documentos:

– Información urbanística. Memoria.

– Planos de información urbanística (tomos I e II).

– Estudo do medio rural e análise de asentamento poboacional (tomos I e II). Anexo ficheiro de núcleos rurais.

– Memoria de ordenación. Estratexia de actuación e estudo económico. Informe de sustentabilidade económica.

– Normativa urbanística.

– Informe de sustentabilidade ambiental.

– Catálogo.

– Planos de ordenación.

– Resumo executivo.

Incorpóranse as modificacións, incluídas nun documento refundido, que proveñen do cumprimento do informe previo á aprobación inicial emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, así como as que resultan do cumprimento dos informes sectoriais emitidos con carácter previo, que serán obxecto de exposición ao público.

Segundo. Suspender o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación ou demolición, no termo municipal do Pereiro de Aguiar, en virtude do disposto no artigo 77 da LOUG. Non obstante, poderanse outorgar licenzas nos seguintes casos:

1. En solo rústico poderán outorgarse licenzas sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do plan vixente e as do plan revisado aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira f) da LOUG.

2. En solo de núcleo rural do plan vixente que se clasifica no plan revisado aprobado inicialmente como solo de núcleo rural ou solo urbano con ordenanzas de vivenda unifamiliar (N1, Do núcleo rural histórico tradicional, N2, Do núcleo rural común, N3, De predios singulares en núcleo rural, U2, De centros de orixe incorporados ao solo urbano e U3, Vivenda unifamiliar extensiva), poderán outorgarse licenzas sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do plan vixente e as do plan revisado. Aplicando para o plan vixente ben as condicións previstas nas modificacións puntuais de adaptación á LOUG dos núcleos rurais de Vilariño-A Pena, Vilariño-A Igrexa, Vilariño-San Salvador e Frieira-Melias, ou ben as condicións establecidas na disposición transitoria primeira e) da LOUG para o resto dos núcleos rurais. Igualmente poderán outorgarse licenzas que teñan por obxecto a realización de obras de conservación, mantemento e/ou reforma en edificios existentes, coas excepcións establecidas polo plan revisado aprobado inicialmente e pola vixente lexislación para os edificios en situación de fóra de ordenación por total incompatibilidade segundo o definido no artigo 173 da referida Lei 9/2002, modificada polas leis 15/2004 e 2/2010.

3. No solo urbano do plan vixente, no ámbito do Plan parcial do parque empresarial do Pereiro de Aguiar, poden autorizarse licenzas de acordo co establecido na disposición transitoria primeira a) da LOUG e na disposición derradeira terceira do plan revisado aprobado inicialmente.

Nos ámbitos de plans parciais vixentes, PP Finca Caracochas, SUR-1, Plan parcial A Tapada de Bouzas, SUR-3, e Plan parcial Moreiras, SUR-4, que o plan xeral revisado aprobado inicialmente incorpora á ordenación conforme a súa disposición derradeira terceira, poden outorgarse licenzas cumprindo as determinacións establecidas no seu planeamento parcial, coas modificacións que proveñen da citada disposición derradeira.

A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos contando desde a aprobación inicial, e en calquera caso extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

Terceiro. Someter o expediente ó tramite de información pública e de consultas da avaliación ambiental estratéxica durante o prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión na provincia, prazo en que a documentación completa que conforma a redacción do Plan xeral de ordenación municipal aprobado inicialmente, estará á disposición dos interesados nas dependencias da Casa do Concello, das 9.00 ás 14.30 horas, de luns a vernes. A publicación do acordo suporá o inicio do período de información ao público e o procedemento de suspensión de licenzas.

Cuarto. Solicitar das administracións públicas competentes os informes sectoriais necesarios.

Quinto. Dar audiencia aos concellos limítrofes simultaneamente e polo mesmo prazo do trámite de información pública, conforme o establecido no artigo 85.2º da LOUG.

Sexto. Notificar este acordo aos que tivesen presentadas solicitudes de licenza con anterioridade á data da adopción.

O Pereiro de Aguiar, 12 de abril de 2013

Eliseo Fernández Gómez
Alcalde