Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 17 de abril de 2013 Páx. 11692

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se dispón a publicación da modificación da Decisión C (2008) 703 da Comisión, do 5 de febreiro de 2008, pola que se aproba o Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período de programación 2007-2013, a través da que se eleva a contribución xeral do Feader, fixada inicialmente nun 57,56 %, a un 75 % para todos os eixes.

O artigo 5 do Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e do Fondo Galego de Garantía Agraria, atribúe á Secretaría Xeral Técnica as competencias e funcións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, todas aquelas que lle sexan encomendadas pola persoa titular da consellería, e é a autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural (PDR).

Con base no artigo 6.1.a) do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), procedeuse á solicitude de modificación do Programa de desenvolvemento rural.

Mediante Decisión de execución da Comisión do 18.3.2013, pola que se aproba a revisión do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período de programación 2007-2013 e se modifica a Decisión C (2008) 703 da Comisión, do 5 de febreiro de 2008, pola que se aproba o Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período de programación 2007-2013, procédese á modificación da porcentaxe de cofinanciamento comunitario recollida no artigo 70 do Regulamento (CE) nº 1698/2005, que eleva a contribución xeral do Feader, fixada inicialmente nun 57,56 %, a un 75 % para todos os eixes.

Os fondos destinados aos novos retos da PAC mantéñense ao 90 % de financiamento, a taxa máxima permitida no seu día polo Regulamento (CE) nº 74/2009, do 19 de xaneiro, polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 1698/2005.

A nova taxa de contribución comunitaria aplicarase a todos os gastos que sexan declarados ao organismo pagador a partir do 1 de abril de 2013, de conformidade co disposto no artigo 17 do Regulamento (CE) nº 883/2006 da Comisión, do 21 de xuño de 2006, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1290/2005, do Consello no que se refire á contabilidade dos organismos pagadores, ás declaracións de gastos e de ingresos e ás condicións de reintegro dos gastos no marco do Feaga e do Feader.

Para xeral coñecemento e, en cumprimento do disposto no anexo VI do Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establece que a autoridade de xestión velará por que na notificación de concesión da axuda se informe aos beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e o eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural de que se trate, así como en cumprimento do disposto no número 3 do artigo 15 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, disponse a súa publicación.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2013

Francisco José Vidal-Pardo Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar