Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 17 de abril de 2013 Páx. 11685

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 1 de abril de 2013 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Sanxenxo.

O Concello de Sanxenxo achega a modificación puntual nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello do Sanxenxo dispón, na actualidade vixente, dun PXOM aprobado definitivamente o 27 de febreiro de 2003.

I.2. Esta modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 26 de marzo de 2012. Foi sometida a información pública por dous meses con anuncios nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 17.4.2012 e no Diario Oficial de Galicia do 4.5.2012.

I.3. Constan no expediente a audiencia aos concellos limítrofes e os preceptivos informes municipais técnico, xurídico e de intervención do 14, 15 e 16 de marzo de 2012.

1.4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI remitiu decisión do 25 de xaneiro de 2012 sobre a non necesidade de sometemento a avaliación ambiental estratéxica.

I.5. A modificación non precisou informe previo á aprobación inicial por atoparse no suposto do artigo 93.4 da Lei de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, ao implicar a reclasificación de solo, nin incremento da intensidade de uso nin alteración dos sistemas xerais previstos no PXOM.

I.6. Constan no expediente informes sectoriais:

– Augas de Galicia do 16 de abril de 2012.

– Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 24.5.2012 e 14.12.2012.

– Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio do 25.5.2012 e 26.11.2012.

– Axencia Galega de Infraestruturas do 2.7.2012.

– Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 24.7.2012.

– Deputación Provincial do 24.9.2012.

I.7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 29.10.2012.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello do Sanxenxo, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. A modificación puntual ten por obxecto introducir novas determinacións axustadas á Lei de solo estatal Real decreto lexislativo 2/2008 e ao Decreto 29/2010, polo que se aproban as normas de habitabilidade das vivendas de Galicia, eliminando inconcrecións e carencias, e corrixir contradicións e determinacións inadecuadas observadas nas ordenanzas xerais de uso e nas ordenanzas específicas de edificación nº 3, 4, 5, 7 e 12 da normativa do Plan xeral de ordenación municipal.

2. Respecto do interese público da modificación puntual, en atención ao previsto no artigo 94.1 da LOUG, atópase xustificación toda vez que corrixe erros concretos e aclara determinacións confusas ou contraditorias das súas normas urbanísticas, que dificultan a aplicación do PXOM, producíndose a mellora da ordenación urbanística vixente ao establecer condicións de integración e coordinación no contido das ordenanzas nas cales se insire cada zona, co fin de garantir a coherencia tipolóxica e volumétrica, nos termos exixidos polos artigos 46.1 e 48.3 da LOUG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Sanxenxo, de acordo co establecido no artigo 85.7.a da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. De conformidade co disposto polo artigo 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas