Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2013 Páx. 11376

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2013.

O Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego. A Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, establece o carácter de comunidades galegas das entidades asociativas sen ánimo de lucro, validamente constituídas e con personalidade xurídica no territorio en que se atopen asentadas, que teñan por obxecto principal nos seus estatutos o mantemento de lazos culturais ou sociais con Galicia.

Segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia en relación coa disposición transitoria terceira do Decreto 234/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a elaboración e xestión de programas de axudas e subvencións nas áreas sociais e asistenciais, formativas, culturais e de xuventude nesas comunidades galegas.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lle son propios.

Non cabe dúbida de que ante a grave crise económica que nestes momentos estamos a padecer deben buscarse fórmulas que posibiliten unha xestión más racional e eficiente dos recursos públicos que garantan unha mellor optimización deles.

Neste senso, e como reflexo dos principios de economía, austeridade e eficiencia na asignación e no emprego de recursos públicos que debe presidir a actuación das administracións públicas, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o proxecto de Lei da galeguidade, no cal se establece que a Xunta de Galicia promoverá os procesos de unión entre as entidades galegas no exterior, perseguindo así unha optimización non só dos recursos propios, senón tamén daqueles que son achegados anualmente pola propia Administración a través dos correspondentes programas de axudas e subvencións.

Con este obxectivo, na valoración, que conforme os criterios establecidos nas bases reguladoras se realice das solicitudes das entidades, primaranse, cunha puntuación adicional en cada un dos programas nos cales concorran, aquelas entidades que sexan o resultado dun recente proceso de unión doutras entidades.

Esta resolución abrangue as bases reguladoras e a convocatoria anual das subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior, dentro dos programas previstos para o exercicio 2013.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación aos cales se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración, en réxime de concorrencia competitiva, a programas de actuación en favor das comunidades galegas no exterior, nas áreas formativas, culturais e de xuventude, así como as que contribúan ao financiamento dos gastos de funcionamento das entidades.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas subvencións para o ano 2013.

Artigo 2. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver será de cinco meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Financiamento

Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución resérvase inicialmente un crédito total de 800.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.481.0.-Axudas a entidades no ámbito das migracións- dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2013. A devandita contía poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A dita contía distribuirase entre os programas da maneira que segue:

– Programa 1. Axudas para o financiamento dos gastos de funcionamento das entidades galegas no exterior, 250.000 €.

– Programa 2. Axudas ás entidades galegas no exterior para proxectos culturais, promovidos pola xuventude e accións informativas, 550.000 €.

De existir remanente nalgún dos dous programas, poderá ser redistribuído, pasando a incrementar a consignación do outro programa.

Artigo 5. Recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións correspondentes a programas de actuación en favor
das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2013

CAPÍTULO I
Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é regular a concesión de subvencións correspondentes aos seguintes programas de actuacións en favor das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2013:

– Programa 1. Axudas para o financiamento dos gastos de funcionamento das entidades galegas no exterior.

– Programa 2. Axudas ás entidades galegas no exterior para proxectos culturais, promovidos pola xuventude, e accións informativas.

En ambos os programas se primarán as solicitudes que presenten aquelas entidades que sexan o resultado dun proceso de unión doutras entidades, sempre que este finalizase a partir do 1 de xaneiro de 2011.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, e que irá acompañada dos documentos que se especifican nos artigos correspondentes das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e a Orde do 15 de setembro de 2011, as entidades interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da entidade solicitante, e carecerán do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

2. Igualmente, as solicitudes poderán presentarse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

3. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse no prazo que se indiquen na correspondente resolución de convocatoria.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade de conformidade coa Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, ou a súa condición de centro colaborador mediante resolución aprobatoria ditada pola Secretaría Xeral da Emigración ao abeiro da disposición adicional única do Decreto 195/1991, do 30 de maio, polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas, así como as institucións e asociacións sen fins de lucro radicadas no exterior, legalmente constituídas, que acrediten estar inscritas no Rexistro de Comunidades Galegas da Secretaría Xeral da Emigración.

Non poderán concorrer ás subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades que teñan adoptado o acordo de iniciar un proceso de unión, mentres o devandito proceso non estea finalizado.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. Para as entidades con domicilio social en España, a presentación da solicitude de concesión desta subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. As entidades solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixindo un escrito á Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro.

Artigo 6. Documentación

1. Xunto coa solicitude, segundo o modelo normalizado que figura como anexo I a esta resolución, as entidades deberán presentar, ademais da documentación específica que para cada programa se relaciona nos artigos 23 e 26, a seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF da entidade ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro…), sempre que non fose presentado con anterioridade. O interesado deberá indicar o procedemento para o que se presentou ou o expediente no cal se encontra esa documentación, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se achegou.

b) Declaración do conxunto das subvencións solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade para a cal se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo II desta resolución.

c) Declaración expresa de non estar incurso nas circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo II).

d) Aquelas entidades que sexan o resultado dun proceso de unión, sempre que este finalizase a partir do 1 de xaneiro de 2011, deberán acompañar copia compulsada da documentación que acredite este aspecto.

2. A solicitude e a documentación que deba presentarse de acordo co disposto nestas bases deberá ser asinada polo representante legal da entidade solicitante.

Artigo 7. Procedemento de concesión e instrución

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na presente resolución, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixer, se considerará que desistiu da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas.

4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O devandito órgano colexiado estará formado por tres vogais e un secretario, designados polo secretario xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que, para o efecto, designe o secretario xeral da Emigración.

5. Os expedientes serán avaliados, segundo os criterios sinalados para cada programa, polo órgano colexiado establecido no número anterior, que deberá emitir informe en que se concreten os resultados da avaliación efectuada.

6. Importes máximos que se incluirán nas solicitudes:

a) O importe máximo da subvención que se concederá, segundo o programa, é de:

– Programa 1: 15.000 €.

– Programa 2: 29.500 €.

b) Nos programas incluídos nesta convocatoria, o importe da subvención solicitada por unha entidade á Secretaría Xeral da Emigración non poderá superar o 80 % do gasto total previsto das accións incluídas na solicitude. No caso de que o devandito importe solicitado superase esa cifra, non se tería en conta o exceso.

c) Para fixar o importe do gasto total previsto que as entidades inclúan nas súas solicitudes, estas deberán ter en conta o establecido nas letras a) e b) anteriores, e no caso de que ese gasto total previsto supere esas cantidades, a entidade deberá executar na súa totalidade as accións incluídas na solicitude, tanto nos seus conceptos como nos seus importes; ou, noutro caso, só percibirá a parte proporcional que corresponda da subvención concedida.

7. Forma de cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado:

O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa tendo en conta a distribución do crédito e o disposto no artigo 4 da convocatoria.

A contía das subvencións propostas determinarase en función do número de puntos que acade cada entidade aplicando os criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras.

Entre as entidades solicitantes que cumpran os requisitos para seren beneficiarias das subvencións establecerase unha orde de prelación, segundo o número de puntos que obteñan aplicando os criterios de valoración establecidos, propoñendo conceder a cada proxecto o importe que corresponda en función da puntuación asignada, sen superar en ningún caso o 80 % do orzamento subvencionable. O importe asignado a cada entidade será o resultado da multiplicación do importe solicitado, tendo en conta os límites máximos establecidos neste artigo e minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable, polo coeficiente que resulte de dividir o número de puntos que se lle asigne polo total de puntos máximo: 100. O crédito dispoñible distribuirase entre as entidades segundo esa orde de prelación, ata o seu esgotamento.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará ao secretario xeral da Emigración, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 8. Reformulación das solicitudes

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada proxecto na proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar a entidade beneficiaria para a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. Unha vez que a solicitude mereza, de ser o caso, a conformidade da comisión ou órgano de valoración, remitiráselle o actuado ao órgano competente para que dite a resolución.

3. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

4. A realización da comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Así mesmo, debe indicarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web indicada destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

5. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, desde a data de publicación destas comunicacións, para remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes para a súa análise, segundo o modelo que figura como anexo III desta resolución. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

Artigo 9. Resolución

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración e notificadas aos interesados. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros, concedidas a través desta convocatoria, e indicará o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Ademais, e de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web http://emigracion.xunta.es a relación dos beneficiarios e os importes das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 10. Xustificación

1. A acción subvencionada deberá ser executada e xustificada antes do 31 de outubro de 2013. A Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación de conformidade co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no título III, artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe das subvencións para cada programa e beneficiario inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 13 desta resolución, os beneficiarios de subvencións deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración, antes do prazo sinalado, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos.

b) Relación clasificada dos gastos realizados, con identificación do acredor e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (pódese utilizar o modelo que figura como anexo IV desta resolución).

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa orixe, segundo o modelo normalizado que figura como anexo V desta resolución.

d) Declaración responsable de que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (pódese utilizar o modelo que figura como anexo V desta resolución).

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

No caso de que entre as accións que aparecen na solicitude se inclúan algunhas referidas á edición e difusión dos libros e publicacións, ademais da documentación xustificativa indicada, deberase enviar un exemplar do libro, revista, publicación ou edición periódica subvencionada, no cal debera figurar, en lugar visible, a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración.

4. De acordo co establecido no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no número 1 deste artigo.

En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante xustificante de recepción do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €.

6. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin, poderase requirir o beneficiario para a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

– Relaciónanse os beneficiarios por programa e orde alfabética, asignándolles un número correlativo.

– Escóllese un número ao azar do 1 ao 20. Este número determinará o primeiro beneficiario que será obxecto da mostraxe, e os seguintes que se elixan serán múltiplos do devandito número.

Artigo 11. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto delas, e poderán subcontratar con terceiros ata o cento por cento das accións subvencionadas.

Artigo 12. Concorrencia de axudas

1. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo o beneficiario.

2. Para os programas incluídos nesta resolución cada entidade non poderá solicitar ou obter máis que unha subvención en cada programa. Así mesmo, cando o interesado presente varias solicitudes para o mesmo programa, a Secretaría Xeral da Emigración poderá dar traslado ao interesado para que modifique a súa solicitude e presente unha soa.

Artigo 13. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente e para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por se tratar de entidades que non teñen ánimo de lucro, poderán efectuarse pagamentos á conta ou acordarse anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O resto do importe, ou a parte que corresponda, librarase logo de completar a xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 65.4 e 5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias desta resolución non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 14. Requirimentos

De acordo co artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a realización dos requirimentos que procedan poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe indicarse que os prazos de dez días computaranse desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Con carácter xeral, os beneficiarios das subvencións correspondentes aos programas convocados pola presente resolución quedan obrigados a:

1. Realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento o beneficiario que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 7.

6. As entidades beneficiarias de subvencións recollidas nesta resolución quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas. A Secretaría Xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión o beneficiario poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorrer en circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución á cal se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia de xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Control e comprobación

1. A Secretaria Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Publicidade

De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 €, con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, a relación de subvencións concedidas será obxecto de publicación na páxina web desta secretaría xeral http://emigracion.xunta.es

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa que a desenvolva.

CAPÍTULO II
Disposicións específicas para cada programa

Sección 1ª

Programa 1. Axudas para o financiamento dos gastos de funcionamento
das entidades galegas no exterior

Artigo 22. Obxecto e finalidade das subvencións

Este programa ten por obxecto a concesión de subvencións para contribuír ao financiamento dos gastos correntes ou de funcionamento de carácter periódico en que incorran os centros e entidades galegas existentes fóra de Galicia durante o exercicio 2013 e que resulten necesarios para o mantemento da súa actividade ordinaria.

Poderanse subvencionar ao amparo deste programa os gastos derivados:

1. Do arrendamento de inmobles que se utilicen, en todo caso, como sede habitual e permanente das entidades galegas solicitantes, sempre que a entidade non dispoña de locais ou instalacións en propiedade susceptibles de seren utilizados do xeito indicado.

2. Doutros gastos correntes que soporte a entidade, como son os derivados da adquisición de subministracións non inventariables (material de oficina, prensa, revistas ou material informático non inventariable), comunicacións telefónicas, luz, auga e outros gastos de carácter similar incluídos dentro do capítulo II da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

3. Promover a conexión das entidades galegas á internet de alta velocidade e o uso do correo electrónico.

4. Gastos administrativos e legais derivados do proceso de unión, sempre que este finalizase a partir do 1 de xaneiro de 2011.

Artigo 23. Documentación que hai que presentar coa solicitude

Ademais da documentación relacionada no artigo 6 destas bases reguladoras, as entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa dos gastos de funcionamento que a entidade solicitante prevexa ter durante o ano 2013, desde xaneiro ata outubro.

b) Orzamento detallado que recolla os custos previstos para cada concepto de gasto no ano 2013, desde xaneiro ata outubro.

c) Copia cotexada do contrato oficial de aluguer do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, de non atoparse debidamente actualizado o exemplar que xa conste na Secretaría Xeral da Emigración.

d) Copia do xustificante de pagamento da mensualidade do aluguer do local, referida ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención.

e) Copia dos xustificantes de pagamento e das facturas correspondentes aos gastos derivados do proceso de unión.

Artigo 24. Criterios de valoración

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral e importancia dos gastos previstos na solicitude, en función da repercusión e da influencia que poida ter no seu ámbito e no seu contorno, ata 55 puntos, tendo en conta o número de asociados/as, importancia e número das actividades realizadas pola entidade, traxectoria da entidade na difusión dos valores culturais de Galicia e do coñecemento da súa realidade, distribuídos do seguinte xeito:

Gastos necesarios e imprescindibles para o funcionamento da entidade (como luz, auga, teléfono, calefacción, limpeza, alugamento), ata 40 puntos.

Outros gastos correntes como subministración de material funxible, taxas, mantemento equipamento e gastos en servizos externos, ata 10 puntos.

Gastos de conexión das entidades á internet e o uso do correo electrónico, ata 5 puntos.

As puntuacións asignaranse proporcionalmente, de conformidade co establecido neste punto, tendo en conta o gasto total, non podendo superar os 55 puntos.

2. Importancia e repercusión das accións culturais, formativas, asociativas, informativas, asistenciais e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 20 puntos.

Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegos e descendentes que sexan usuarios das accións realizadas pola entidade e o grao de aproveitamento das ditas actuacións.

3. Emprego da lingua galega na realización das accións, ata 10 puntos:

– Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos.

4. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión, sempre que este finalizase a partir do 1 de xaneiro de 2011, 15 puntos.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2ª

Programa 2. Axudas ás entidades galegas no exterior para proxectos culturais, promovidos pola xuventude e accións informativas

Artigo 25. Obxecto e finalidade das subvencións

1. A través deste programa preténdese fomentar, mediante a concesión de subvencións, a realización durante o exercicio 2013 das seguintes accións: 1) programación cultural e formativa dos centros e entidades galegas no exterior e, así mesmo, promover a difusión e preservación do patrimonio cultural de Galicia entre as colectividades de galegos residentes nos lugares de acollida; 2) a edición de libros, publicación de revistas de carácter periódico, realización de programas de radio e televisión, así como outras accións informativas que contribúan a un mellor coñecemento da realidade e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas residentes no exterior; 3) proxectos creativos, formativos, de participación e de intercambio cultural que fomenten a integración dos mozos e mozas nas estruturas orgánicas das entidades galegas no exterior, propiciando deste xeito a renovación xeracional.

2. En cada unha destas accións poderanse subvencionar as seguintes finalidades:

A) Proxectos culturais e formativos.

1. Programación anual de actividades culturais e de carácter formativo presentada polos centros e entidades galegas no exterior.

2. Cursos de formación e seminarios (en materias que non sexan subvencionadas a través doutros programas pola Secretaría Xeral da Emigración ou por outro departamento da Xunta de Galicia).

3. Realización de exposicións e mostras representativas das distintas manifestacións artísticas e culturais levadas a cabo en Galicia.

4. Conferencias, mesas redondas, xornadas e presentacións literarias que contribúan a dinamizar a vida social e cultural das colectividades de galegos no seu lugar de asentamento.

5. Organización de grupos corais, musicais, teatrais e de danza, e as actividades que estes realicen.

6. Actos conmemorativos do Día das Letras Galegas e do Día Nacional de Galicia.

7. Contratación de grupos ou formacións de música, de danza, bandas e corais, e compañías teatrais de autor, de monicreques ou de espectáculos de maxia, que difundan a cultura galega.

8. Subscricións a publicacións e revistas de carácter periódico.

9. Outros proxectos culturais e asociativos promovidos polos centros e entidades galegas no exterior que se axusten á Lei 4/1983, de recoñecemento da galeguidade, e que propicien o fomento e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas.

Non serán susceptibles de subvención aquelas actividades que teñan carácter exclusivamente gastronómico.

B) Accións informativas.

A edición e difusión de libros ou publicación de revistas periódicas culturais, informativas, económicas etc., ou boletíns de interese xeral, así como a realización por parte das entidades galegas de programas de radio e televisión dedicados á realidade galega.

C) Proxectos promovidos pola mocidade, nas comunidades galegas.

1. Formación específica dos mozos e mozas na xestión das entidades galegas e das institucións e asociacións sen fins de lucro.- Habilidades directivas.

2. Intercambios xuvenís de grupos de mozos e mozas pertencentes ás comunidades galegas para a realización de actividades culturais, musicais, deportivas e sociais.

3. Formación específica dos mozos e mozas para o coñecemento e emprego das novas tecnoloxías da comunicación.

4. Promoción de actividades deportivas, en calquera especialidade, e fomento das escolas deportivas para a promoción do deporte de base.

5. Creación e apoio de grupos de teatro, música e danza.

6. Realización de actividades culturais (cursos, ciclos de conferencias, mostras, ciclos de cine galego ou de teatro, concertos) destinadas especificamente ao conxunto de mozos e mozas da colectividade.

7. Creación de foros de debate e intercambio cultural entre mozos da emigración e mozos galegos, así como entre intelectuais, científicos e expertos en diversos eidos de Galicia e do país onde estes foros teñan lugar.

Artigo 26. Documentación que hai que presentar coa solicitude

Ademais da documentación relacionada no artigo 6 destas bases reguladoras, as entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva que recolla detalladamente as accións que se pretenden realizar desde xaneiro ata outubro do ano 2013, a súa necesidade, datas e lugares previstos de realización. Se se inclúen actividades xuvenís, esta memoria deberá vir asinada, ademais de polo representante legal da entidade, polo responsable da sección xuvenil ou do grupo de mozos organizadores.

b) Orzamento detallado que recolla o custo previsto de realización de cada acción e de todas en conxunto para as cales se solicita a subvención, desde xaneiro ata outubro do ano 2013, asinado polos representantes legais da entidade.

Artigo 27. Criterios de valoración

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral dos programas e calidade técnica, atendendo ás finalidades para as que se solicita a subvención nesta resolución e ao seu carácter innovador; así mesmo, valorarase a importancia e repercusión das accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 55 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

1.1. Finalidades para as que se solicita a subvención, ata 30 puntos. Se as finalidades se refiren exclusivamente ao programa anual de actividades culturais ou de formación, ata 18 puntos. Se se refiren exclusivamente a proxectos xuvenís, ata 6 puntos. Se se refiren exclusivamente a actuacións de tipo informativo, ata 6 puntos. Para aquelas entidades que realicen varias accións a puntuación máxima que se obterá será 30 puntos.

As puntuacións asignaranse proporcionalmente, de conformidade co establecido neste número, tendo en conta o gasto total, e non poderán superar os 30 puntos.

1.2. Carácter innovador do programa. Valorarase o carácter innovador dos proxectos, ata 15 puntos.

1.3. Importancia e repercusión que tivesen as accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 10 puntos.

2. Grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galego que poidan ter as actividades que se van realizar para as que se solicita a subvención, tendo en conta o número potencial de usuarios, o impacto informativo e cultural do proxecto, ata 20 puntos.

Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegos e descendentes que sexan usuarios das accións realizadas pola entidade e o grao de aproveitamento das ditas accións.

3. Emprego da lingua galega na realización das accións, ata 10 puntos:

– Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos

4. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión, sempre que este finalizase a partir do 1 de xaneiro de 2011, 15 puntos.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file