Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2013 Páx. 11408

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para o desenvolvemento de seminarios de baile, música, obradoiros artesanais e cociña galega en colaboración coas entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 7, recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, en relación coa disposición transitoria terceira do Decreto 234/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade e as relacións coas comunidades galegas no exterior.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración, co obxectivo de potenciar os costumes e tradicións galegas e posibilitar que os galegos que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia, convoca distintos seminarios formativos de baile, música tradicional, obradoiros artesanais e cociña galega, que se realizarán nas entidades galegas do exterior, de xeito que se manteña viva a nosa identidade e se promocione a nosa cultura na Galicia exterior.

As comunidades galegas, centros, casas de Galicia no exterior, son asociacións nas que tradicionalmente se reúnen os emigrantes e as súas familias para manter vivos os costumes que nos son propios e reforzar os lazos sociais e culturais. Arredor destas asociacións reúnese un gran número de galegos residentes no exterior que son os axentes principais a través dos que Galicia fomenta a súa cultura. Estas asociacións contan, na súa maioría, con instalacións propias para a organización de actividades para este fomento.

En virtude das competencias establecidas no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e con cargo aos créditos asignados a esta finalidade no exercicio 2013, consonte o establecido na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular as bases polas que se rexerá a colaboración, en réxime de concorrencia competitiva, entre a Secretaría Xeral da Emigración e as entidades galegas no exterior para a realización de seminarios de baile, música, actividades artesanais e cociña galega.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, procédese á convocatoria destes seminarios no ano 2013.

Artigo 2. Modalidades convocadas

Convócanse seminarios das seguintes modalidades:

– Seminarios de baile.

– Seminarios de gaita.

– Seminarios de percusión.

– Seminarios de pandeireta e canto.

– Seminarios de carácter artesanal (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais).

– Seminarios de cociña galega.

Artigo 3. Financiamento

Para a realización destes seminarios resérvase inicialmente un crédito de 90.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.226.07 –actuacións derivadas da Lei de galeguidade–, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2013. A devandita contía poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e a Orde do 15 de setembro de 2011, as persoas interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante e carecerán do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

2. Igualmente, as solicitudes poderán presentarse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas páxinas web:

https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 5. Custos e indemnizacións

Os custos e indemnizacións por actividade dos cales se fará cargo a Secretaría Xeral da Emigración na presente convocatoria serán:

1. Retribucións dos profesores:

– España e Portugal: 900 €.

– Europa, América e Oceanía: 1.100 €.

2. Custo de 100 € como indemnización aos profesores que fosen nomeados para impartir un seminario que se anulase por causas non imputables a eles e se lles comunicase dentro do prazo de 90 días previos á data de realización prevista.

3. Custo do billete de desprazamento do profesor ata o lugar de realización do seminario nun medio de transporte público en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía para indemnizar será de 0,19 € por quilómetro ata o máximo previsto.

4. Custo de 2.000 € para materiais artesáns específicos para o desenvolvemento de seminarios e que non se atopen fóra de Galicia.

5. Custo de 900 € para a adquisición de alimentos nos seminarios de cociña.

6. Custo dos gastos de estadía e manutención do formador en casos excepcionais, debidamente xustificados pola entidade solicitante, cun máximo de 100 €/día.

Na presente convocatoria só se realizarán ata un máximo de 10 cursos da especialidade de cociña.

Artigo 6. Recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I
Bases para a organización de seminarios de baile ou música tradicional,
obradoiros artesanais e cociña galega

Capítulo I
Normas comúns

Artigo 1. Solicitudes

Poderán solicitar a organización destes seminarios as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, inscritas no rexistro de comunidades galegas, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, co fin de poñer en común os medios e recursos dispoñibles.

As entidades galegas deberán solicitar, por orde de prioridade, os seminarios que pretendan organizar.

No caso de que a solicitude e a documentación presentada por unha entidade fose incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a dita entidade a través de medios telemáticos e da páxina web http://emigracion.xunta.es, para que, no prazo de dez días, corrixa ou complete a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da citada Lei 30/1992.

Artigo 2. Desenvolvemento

Os seminarios desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas, serán de formación intensiva e de carácter participativo, impartidos por profesionais con relevante experiencia nas distintas modalidades e dirixidos aos seus socios galegos e aos seus descendentes, así como a aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia ou que participen nas actividades da asociación.

O profesor será designado pola Secretaría Xeral da Emigración de conformidade co establecido na correspondente resolución na cal se establece a convocatoria para inscribirse como formadores colaboradores para impartir seminarios fóra de Galicia, promovidos pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 3. Procedemento

Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado composto por tres funcionarios da Secretaría Xeral da Emigración, que formulará a correspondente proposta ao secretario xeral da Emigración.

Para tal efecto, observaranse os seguintes criterios:

1. A proposta basearase na relación, por orde de puntuación, das solicitudes recibidas que resulte tras aplicar os criterios de valoración establecidos no artigo 5 das presentes bases. En caso de empate nas puntuacións, resolverase atendendo á orde de presentación das solicitudes.

2. De alcanzar o crédito previsto na convocatoria, concederase un seminario por entidade, coa posibilidade de incrementar o número de seminarios concedidos a cada unha, segundo a avaliación das solicitudes. De haber máis centros solicitantes que crédito dispoñible, a organización dos cursos concederanse, en primeiro lugar, aos centros que non os realizasen en anteriores convocatorias.

3. Malia o anterior, no momento de elaborar a proposta de concesión terase en conta a posibilidade de realizar circuítos por proximidade entre as entidades solicitantes de seminarios da mesma modalidade, co obxecto de garantir o principio de eficacia na actuación administrativa.

A proposta de adxudicación dos seminarios que se van impartir en cada centro será comunicada ás respectivas entidades, a través de medios telemáticos e da páxina web http://emigracion.xunta.es. As entidades deberán aceptar a organización e as condicións dos seminarios que se van impartir nun prazo máximo de quince días desde a súa publicación na páxina web. Quedarán excluídas as propostas de organización de seminarios daqueles centros que non poidan asegurar condicións de aloxamento, manutención ou seguridade axeitados para o desenvolvemento do curso ao profesor correspondente.

Una vez recibida a confirmación e aceptación dos termos nos cales se desenvolverán os respectivos seminarios, o órgano colexiado de avaliación formulará a relación definitiva de seminarios que van impartir e entidades organizadoras.

Artigo 4. Resolución

A Secretaría Xeral da Emigración ditará resolución de concesión dos seminarios nun prazo máximo de tres meses contados desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución definitiva de concesión será notificada ás entidades galegas solicitantes e publicarase na páxina web http://emigracion.xunta.es

Artigo 5. Criterios de selección

Os criterios de valoración para a concesión dos seminarios serán os que se sinalan a continuación:

1. Número de persoas preinscritas para o seminario (ata 20 puntos).

– Entre 15 e 30: ata 10 puntos.

– Máis de 30: entre 11 e 20 puntos.

2. Número de persoas galegas preinscritas para o seminario (ata 30 puntos).

– Máis de 5 e ata o 50 % do total de solicitantes: 10 puntos.

– Máis do 50 % ata o 80 %: 20 puntos.

– Máis do 80 %: 30 puntos.

3. Valoración da memoria presentada (ata 40 puntos).

– Instalacións propostas para a realización do seminario: ata 10 puntos.

– Material co que conta a entidade para impartir o seminario: ata 10 puntos.

Para as solicitudes de baile e música tradicional:

– A maior antigüidade do grupo: ata 10 puntos.

– Participación en exposicións, concertos e edición de discos ou DVD: ata 10 puntos.

Para as solicitudes de cociña e outros de carácter artesanal:

– A maior antigüidade do centro: ata 10 puntos.

– Actividades realizadas a favor da difusión da cociña galega e participación en feiras artesanais: 10 puntos.

Artigo 6. Seguimento

Os seminarios convocados estarán sometidos ao seguinte seguimento e control:

– A solicitude do seminario supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que considere necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

– As entidades participantes quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta poderá modificar a súa resolución.

– Ao remate do seminario, a entidade remitirá a Secretaría Xeral da Emigración unha memoria informativa e acreditativa sobre o seu desenvolvemento.

– A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das accións resultantes desta resolución. Para realizar estas funcións, poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nela, así como nas normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas as que van dirixidos os seminarios prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

– O incumprimento por parte das entidades seleccionadas das condicións acordadas para o desenvolvemento dos seminarios comportará a imposibilidade de participar neste programa nas dúas seguintes convocatorias ou, se é o caso, a suspensión inmediata da realización do seminario correspondente.

Artigo 7. Financiamento

A Secretaría Xeral da Emigración e as entidades galegas faranse cargo dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos seminarios:

a) A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos seguintes gastos:

– Da remuneración do formador.

– Do custo do desprazamento do formador ao lugar de realización do seminario.

– Do custo do material necesario para impartir os seminarios de cociña e outros de carácter artesanal e, se é o caso, do seu envío.

b) As entidades galegas faranse cargo:

– Con carácter ordinario, dos gastos de estadía e manutención do formador en lugar e condicións axeitadas.

En casos excepcionais debidamente xustificados, a Secretaría Xeral da Emigración poderá asumir parte destes gastos con cargo ao crédito previsto na correspondente convocatoria. Para estes efectos, a entidade solicitante deberá acompañar, xunto coa solicitude, unha memoria xustificativa da necesidade e do custo estimado.

– Gastos de traslados do formador, dentro da cidade onde vai ter lugar o seminario.

– Da xestión e dotación das instalacións axeitadas.

– Da subministración doutro material funxible necesario.

Artigo 8. Recursos

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo II
Normas específicas para a convocatoria de seminarios de baile,
música tradicional galega e outros de carácter artesanal

Artigo 9. Solicitantes

Estes seminarios están dirixidos ás entidades que teñan grupo folclórico ou escola de folclore da modalidade solicitada, así como as que teñan un taller en que un grupo de persoas se dediquen a desenvolver actividades artesanais e cumpran os requisitos comúns especificados no artigo 1 destas bases.

Para poder solicitar a organización destes seminarios, os diferentes grupos ou escolas de música ou baile tradicional deberán acreditar, cando menos, un ano de funcionamento previo á solicitude dentro dos tres últimos anos.

Artigo 10. Características dos seminarios convocados

– Terán unha duración de 15 días intensivos e o horario das clases axustarase ás necesidades dos solicitantes, cunha duración de 40 horas.

– O número de participantes non será inferior a 15 alumnos. En casos excepcionais debidamente xustificados poderanse desenvolver seminarios cun número inferior de alumnos tendo en conta a situación do centro, características e ano de creación do grupo.

Artigo 11. Documentación

As entidades interesadas solicitarán a organización dos seminarios por orde de preferencia e achegarán a seguinte documentación:

a) Solicitude da entidade ou agrupación de entidades segundo o modelo do anexo A desta resolución.

b) Relación nominal dos participantes preinscritos, segundo o modelo do anexo B desta resolución, na cal constarán apelidos e nome, número do NIF ou do pasaporte e idade dos solicitantes, e na cal se fará constar que a entidade conta coa autorización destes para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a correspondente convocatoria.

c) Memoria, segundo o modelo do anexo C desta resolución, na cal se especifiquen as instalacións propostas para a realización do seminario, a descrición do material para a realización deste e as datas propostas.

No caso dos seminarios de música e baile especificarase, ademais, a composición do grupo folclórico, currículo, traxectoria profesional e actuacións realizadas nos dous últimos anos, así como do/dos director/es, profesor/es, responsables del.

Para os seminarios de carácter artesanal, xustificarase o carácter tradicional da actividade, a oportunidade da súa realización e as actividades desenvolvidas na difusión da artesanía galega.

Capítulo III
Normas específicas para a convocatoria de seminarios de cociña galega

Artigo 12. Características dos seminarios convocados

– Terán unha duración máxima dunha semana e de 20 horas semanais, o horario axustarase ás necesidades dos solicitantes.

– O número de participantes non será inferior a 20 alumnos por seminario.

– Nestes seminarios farase promoción dos produtos de calidade de Galicia, con especial atención a aqueles correspondentes ás denominacións de orixe cualificada.

– Realizarase unha xornada gastronómica de libre acceso ao público en xeral, onde se faga promoción dos obxectivos pretendidos no seminario.

Artigo 13. Documentación

A documentación necesaria para solicitar a participación nestes seminarios será:

– Solicitude da entidade galega segundo o modelo do anexo A desta resolución.

– Relación nominal dos participantes preinscritos, segundo o modelo do anexo B desta resolución, en que constarán apelidos e nome, número do NIF ou do pasaporte e idade dos solicitantes, e na cal se fará constar que a entidade conta coa autorización destes para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a correspondente convocatoria.

– Memoria das actividades realizadas nos dous últimos anos con motivo da difusión da cociña galega na cal se especifiquen as instalacións propostas para a realización do seminario, a descrición do material e as datas para a súa realización, segundo o modelo do anexo D desta resolución.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file