Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 15 de abril de 2013 Páx. 11249

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2013 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso por promoción interna na escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos desta universidade.

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou o 16 de marzo de 2006 un plan plurianual de promoción interna para o persoal funcionario de administración e servizos, coa finalidade de promover a carreira profesional dos seus efectivos, mediante a promoción interna vertical, considerando, entre outros aspectos, a existencia de prazas de adscrición indistinta aos subgrupos A1 e A2 na área de bibliotecas desta universidade, polo que o persoal se mantería nos mesmos postos de traballo.

En consecuencia, consonte o establecido na Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e en exercicio das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro (BOE do 24 de decembro), de universidades, e consonte o disposto nos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados mediante o Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro, do Consello de Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, esta reitoría resolve convocar probas selectivas para o ingreso na escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir cinco prazas da escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo polo sistema de promoción interna.

1.2. O procedemento de selección será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que se indican no anexo I desta convocatoria.

1.3. O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura no anexo II desta convocatoria.

1.4. Este proceso selectivo axustarase ao disposto nas bases desta convocatoria, na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades; na Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público; nos estatutos da Universidade de Vigo, e, supletoriamente, ao disposto no Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia; no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, e no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Requisitos.

A admisión estará supeditada a que as persoas aspirantes posúan os seguintes requisitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e os manteñan ata a toma de posesión:

a) Ter a nacionalidade española ou dalgún Estado membro da Unión Europea.

b) Ter feitos os dezaseis anos e non ter a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectadas por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non estar separadas ou estar suspendidas do servizo de calquera administración nin inhabilitadas para o desempeño da función pública por sentenza firme.

f) Ser persoal funcionario de carreira dalgún dos corpos ou escalas de bibliotecas do subgrupo A2, acreditar unha antigüidade de, polo menos, dous anos de servizos efectivos prestados como persoal funcionario de carreira nos devanditos corpos ou escalas na Universidade de Vigo e estar na situación de servizo activo con destino nesta universidade.

3. Solicitudes.

3.1. Para tomar parte nestas probas selectivas deberase presentar unha instancia no modelo oficial que terá que ser cuberta a través do enderezo electrónico:

http://persoal.uvigo.es/persoal_gl/PAS/emprego/internas/funcionario/promocion/index.html > Solicitude de admisión en probas selectivas. Haberá que cubrila seguindo as indicacións que se expresan nesta mesma base, enchendo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos. A aplicación informática asignará a cada instancia un número de referencia identificativo único.

Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados pola persoa solicitante, un servirá de recibo para quen a presenta e o outro deberá dirixirse á reitoría da Universidade de Vigo, consonte se regula no punto seguinte.

En caso de solicitar as adaptacións previstas na base 3.4.b), xunto coa instancia deberá presentar un ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico público de cualificación do grao de minusvalidez.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (Edificio da Xerencia, campus universitario, 36310 Vigo), nos rexistros auxiliares dos Campus de Ourense (Unidade Administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (r/ Torrecedeira, nº 86), ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Ata a data de remate do prazo de reclamacións contra a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, pero referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, poderanse acreditar os méritos alegados do seguinte xeito:

a) Os servizos prestados na Universidade de Vigo acreditaranse mediante certificación expedida de oficio polo Servizo de Persoal de Administración e Servizos.

b) Os servizos prestados noutras administracións públicas acreditaranse mediante certificación expedida polo órgano ou autoridade competente en cada unha delas.

3.4. Ao cubrir a solicitude deberá indicar:

a) O sistema de ingreso polo que solicita acceder: promoción interna.

b) Se padece algunha discapacidade poderá solicitar as adaptacións de tempos e medios que considere necesarias para a realización das probas; para este fin, o ditame médico citado na base 3.1. deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.5. Os erros de feito que puidesen advertirse poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por pedimento da persoa interesada, que quedará vinculada aos datos que fixese constar na súa solicitude, podendo unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.1. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola Universidade.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes, a Reitoría da Universidade de Vigo ditará unha resolución, no prazo dun mes, que se publicará no taboleiro de anuncios da Xerencia coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas, con expresión das causas que motivaron a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da devandita resolución.

4.2. Quen, dentro do prazo sinalado, non emende a exclusión ou alegue a omisión, xustificando o seu dereito á inclusión na relación de persoas admitidas, será definitivamente excluído/a da realización das probas, mediante resolución que se publicará no taboleiro de anuncios da Xerencia e na cal se indicará o lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio.

4.3. En todo caso, co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilitar a súa emenda en tempo e forma, as persoas aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na relación de persoas excluídas, senón que os seus nomes constan correctamente na de admitidas.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a composición que se detalla no anexo III e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

5.2. O persoal que integre o tribunal deberá absterse de intervir e deberallo notificar ao reitor da Universidade, cando concorran nel as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992 ou se participou en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria. As persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as ditas circunstancias.

No acto de constitución, a presidencia solicitará de cada membro do tribunal declaración expresa de non se encontrar incurso nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

5.3. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia de quen exerza esta e a secretaría ou, de ser o caso, de quen os/as substitúa, e a metade polo menos dos restantes membros. Nesta sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal que se especifican no punto anterior.

5.5. O tribunal resolverá as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de persoal en calidade de asesor especialista, cuxo labor se limitará a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación faraa a Reitoría da Universidade de Vigo, por proposta do tribunal, e seralle de aplicación o previsto na base 5.2. Así mesmo, cando o número de participantes o aconselle, poderá solicitar da Reitoría a designación de persoal colaborador.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios co resto de aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.4., estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios. Para tal efecto, o tribunal poderá solicitar xustificación documental e os informes sanitarios ou técnicos correspondentes.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e excluirá a quen consigne nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.9. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Xerencia da Universidade de Vigo, campus universitario.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra X, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 15 de xaneiro de 2013 (DOG do 22 de xaneiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e decaerán no seu dereito as que non comparezan, agás non casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento o tribunal poderá requirir das persoas aspirantes que acrediten a súa identidade.

6.3. O primeiro exercicio da fase de oposición realizarase a partir da segunda quincena de maio de 2013. O lugar, a data e a hora de realización publicarase xunto coa relación definitiva de persoas admitidas e excluídas. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal nos centros onde se realice o anterior e no enderezo electrónico indicado na base 9.1., con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación. O proceso selectivo deberá estar concluído antes do 31 de xaneiro de 2014.

6.4. O tribunal poderá acordar a inclusión de preguntas de reserva que necesariamente deberán ser contestadas polas persoas aspirantes.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberá propoñer a súa exclusión á Reitoría da Universidade de Vigo, e comunicaralle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

6.6. O tribunal adoptará as medidas necesarias para garantir que as mulleres embarazadas ou lactantes realicen as probas en igualdade de condicións ca o resto de aspirantes. Se algunha das aspirantes non puidese realizar as probas previstas por mor de embarazo de risco ou parto, debidamente acreditado, estas poderían adiarse, sempre que tal adiamento non menoscabe a prestación de servizos da Administración convocante nin o dereito do resto de aspirantes, o que deberá ser valorado pola Xerencia.

7. Relación de persoas aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares da súa realización e no taboleiro de anuncios do Edificio da Xerencia a relación de aspirantes que os superaron, con indicación da puntuación obtida e do nome.

7.2. As persoas aspirantes disporán de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación das puntuacións de cada exercicio para presentar reclamacións contra estas. Disporán de idéntico prazo para reclamar contra as puntuacións da fase de concurso, contado a partir do seguinte ao da súa publicación.

7.3. Rematada a fase de oposición e para quen a superase, o tribunal fará públicos os puntos obtidos na fase de concurso, que en ningún caso poderán sumarse para os efectos de superar a oposición.

7.4. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso. Os empates resolveranse consonte os seguintes criterios: terá preferencia o candidato ou candidata con maior puntuación no conxunto da fase de oposición; a continuación, quen obteña a maior puntuación no segundo exercicio da fase de oposición, no primeiro, no conxunto da fase de concurso, e en cada unha das súas epígrafes na orde en que se relacionen; finalmente, resolverase por sorteo entre as persoas aspirantes igualadas.

7.5. Resoltas as reclamacións e rematado o proceso selectivo, a presidencia do tribunal elevará á Reitoría a relación definitiva coas persoas aprobadas, en que constarán as cualificacións da fase de concurso e de cada un dos exercicios da fase de oposición e a suma total. Esta relación en ningún caso poderá conter un número de candidatos ou candidatas superior ao das prazas convocadas.

Non obstante o anterior, co obxectivo de asegurar a cobertura das prazas convocadas no caso de renuncias ou no suposto previsto na base 8.2., o órgano que convoca poderá requirirlle ao órgano de selección unha relación ordenada coas persoas candidatas que superaron o proceso selectivo e que sigan ás propostas.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de vinte días naturais, a partir do seguinte a aquel en que se faga pública a resolución definitiva coas persoas candidatas que superaron o proceso selectivo, estas deberán presentar no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo unha fotocopia do título académico ou credencial da súa homologación, de non tela presentado anteriormente ou de non figurar xa no expediente administrativo, suposto en que deberán indicalo por escrito neste mesmo prazo.

8.2. Quen dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior debidamente xustificado, non presentase a documentación ou do exame dela se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado/a persoal funcionario e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que tivese incorrido por falsidade na solicitude inicial. Formularase proposta a prol da persoa candidata seguinte na orde de prelación, sempre que tivese superado o proceso selectivo.

8.3. As persoas candidatas serán nomeadas funcionarias de carreira da escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo, mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

8.4. A toma de posesión efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á data de publicación do nomeamento.

8.5. Por mor da natureza deste proceso selectivo, ás persoas aspirantes que o superen e accedan á escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo poderáselles adxudicar con carácter definitivo o posto que estivesen desempeñando con ese mesmo carácter nese momento.

9. Norma derradeira.

9.1. Con independencia dos lugares que singularmente se indican, os actos e acordos que integren este proceso selectivo publicaranse no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (Edificio da Xerencia, campus universitario, 36310 Vigo), que será o único válido para os efectos de cómputo de prazos e notificacións ás persoas interesadas. Igualmente, daráselles publicidade na páxina electrónica do Servizo de PAS da Universidade de Vigo:

http://persoal.uvigo.es/persoal_gl/PAS/emprego/internas/funcionario/promocion/index.html

Ademais, poderase obter información e realizar consultas telefonicamente a través do Negociado de Selección e Provisión (986 81 37 62) ou ben por correo electrónico, no seguinte enderezo: consultapas@uvigo.es

9.2. De acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), os datos indicados na solicitude pasarán a formar parte do ficheiro de persoal, modificado mediante a Resolución reitoral do 9 de febreiro de 2009 (DOG do 6 e do 12 de marzo), que ten por finalidade a xestión do persoal da Universidade de Vigo. O ficheiro está baixo a responsabilidade da Xerencia. Coa súa participación neste proceso selectivo as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza deste procedemento de concorrencia competitiva. Así mesmo, poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, en cumprimento do que establece a LOPD ante a Secretaría Xeral da Universidade de Vigo (Campus das Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo).

9.3. Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, o tribunal encargado de xulgar as probas e as persoas que participen nelas.

A convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 4 de abril de 2013

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I
Exercicios e valoración

A) Fase de oposición.

Cualificarase cun máximo de 80 puntos e incluirá a realización obrigatoria de dous exercicios de carácter eliminatorio.

Primeiro. Consistirá en desenvolver por escrito nun máximo de 240 minutos dous temas, un do bloque 1 do temario de entre dous extraídos ao chou, e outro do bloque 2 do temario, consonte o mesmo procedemento. Cualificarase cun máximo de 40 puntos e cómpre para superalo obter un mínimo de 20 puntos e non ser cualificado con menos de 8 puntos en ningún dos temas. O exercicio deberá ser lido perante o tribunal de selección pola persoa aspirante en sesión pública e chamamento único.

Segundo. Consistirá en desenvolver por escrito nun máximo de 240 minutos un suposto práctico relacionado co contido do temario a elixir de entre tres propostos polo tribunal. Cualificarase cun máximo de 40 puntos e cómpre para superalo obter 20 puntos.

En sesión pública e chamamento único, a persoa aspirante exporá a resolución do suposto durante un máximo de 30 minutos, e o tribunal pode entrevistala ao respecto durante outros 15 minutos como máximo.

Para realizar este suposto o tribunal poderá facilitar documentación escrita en galego, castelán ou inglés e outros medios e recursos; pola súa parte, as persoas aspirantes poderán achegar e empregar a documentación que consideren necesaria.

B) Fase de concurso.

Cualificarase cun máximo de 20 puntos. Valoraranse os seguintes méritos:

a) Antigüidade: valorarase a antigüidade na Administración pública referida no día de remate do prazo de presentación de solicitudes, ata un máximo de 10 puntos a razón de:

– 1 punto por ano (0,08 por mes completo) de servizos prestados como persoal funcionario de carreira ou funcionario interino da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos (subgrupo A2) ou persoal con contrato laboral en postos reservados a persoal funcionario da mesma escala e grupo.

– 0,60 puntos por ano (0,05 por mes completo) polos restantes servizos efectivos recoñecidos ao abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro.

Non se computarán os servizos que se prestasen simultaneamente con outros igualmente alegados.

b) Grao persoal consolidado, segundo o grao persoal que se teña consolidado e formalizado a través do acordo de recoñecemento de grao pola autoridade competente o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, outorgarase a seguinte puntuación:

Grao

Puntos

26 ou superior

4

25

3,5

24

3

23

2,5

22

2

21

1,5

20 ou inferior

1

c) Nivel de complemento de destino, correspondente ao posto de destino definitivo que se teña adxudicado na data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Cualificarase do seguinte xeito:

Nivel C.D.

Puntos

26

6

25

5

24

4

23

3

22

2

21 ou inferior

1

ANEXO II

Programa

Bloque I: xestión e lexislación bibliotecarias. Novas tecnoloxías aplicadas ás bibliotecas.

1. O sistema educativo español e galego. Lexislación básica universitaria. Os estatutos da Universidade de Vigo.

2. O Espazo Europeo de Educación Superior. O seu impacto sobre as bibliotecas universitarias.

3. O novo paradigma do ensino superior: a aprendizaxe. A aprendizaxe ao longo de toda a vida (lifelong learning). A aprendizaxe electrónica (e-learning).

4. A investigación científica. O sistema español de I+D. O sistema galego de I+D+i.

5. A Biblioteca Universitaria de Vigo. O Regulamento da Biblioteca Universitaria. O Regulamento do Arquivo Universitario.

6. A cultura da calidade nas universidades. A avaliación e a certificación das bibliotecas universitarias en España.

7. A xestión da calidade. As normas ISO 9001:2000 e 9001:2008. O modelo EFQM.

8. O sistema de xestión da calidade da Biblioteca Universitaria de Vigo.

9. Xestión de recursos humanos nas bibliotecas universitarias–I: selección de persoal e provisión de postos de traballo. A formación do persoal.

10. Xestión de recursos humanos nas bibliotecas universitarias–II: motivación e satisfacción no traballo. Liderado. O traballo en equipo.

11. Xestión económica e orzamentaria: fontes de financiamento das bibliotecas universitarias. O orzamento da Biblioteca Universitaria de Vigo. A execución orzamentaria e a contratación administrativa.

12. O procedemento administrativo: a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

13. A igualdade nas administracións públicas. Principios xerais das políticas públicas de igualdade. Igualdade no ámbito universitario. O principio de igualdade no emprego público.

14. A xestión do coñecemento. A súa aplicación ás bibliotecas universitarias.

15. Márketing de bibliotecas universitarias.

16. Lexislación en materia de propiedade intelectual. As súas implicacións para as bibliotecas. O dereito de autoría no contorno dixital. A xestión de dereitos dixitais.

17. Ferramentas electrónicas para a difusión, comunicación e servizos a distancia: formularios, correo electrónico, intranets e webs de biblioteca. A web 2.0.

18. Arquitectura de información. A usabilidade.

19. A edición electrónica. Os novos modos de publicación baseada en web: blogs, wikis. A sindicación de contidos.

20. Navegación e recuperación de información na internet. Directorio e motores de busca. A internet profunda. Buscadores científicos especializados.

21. Os metadatos. A súa aplicación ao contorno bibliotecario. Esquemas de metadatos. Características de Dublin Core.

22. Os portais bibliotecarios: metabuscadores e xestores de enlaces. Os xestores de recursos electrónicos. As ferramentas de descubrimento.

23. Problemática da xestión de acceso aos recursos electrónicos. Os information commons.

24. Dixitalización. Dispositivos de captura. Formatos e estándares. Principais proxectos.

Bloque II: biblioteconomía e arquivística. Documentación científica e fontes de información.

1. A profesión bibliotecaria. A formación. As asociacións profesionais. O bibliotecario dixital.

2. Ética profesional e deontoloxía bibliotecaria.

3. Biblioteca automatizada, biblioteca dixital e biblioteca híbrida.

4. As bibliotecas universitarias en España. Os centros de recursos para a aprendizaxe e a investigación (CRAI).

5. A cooperación bibliotecaria. Consorcios bibliotecarios. Participación da Biblioteca Universitaria de Vigo en consorcios e redes de bibliotecas (REBIUN, Bugalicia, ISTEC).

6. Organización espacial e equipamento de bibliotecas universitarias.

7. Desenvolvemento e xestión de coleccións. A colección electrónica: bases de datos, publicacións seriadas electrónicas e documentos dixitais (norma ISO 2789). Avaliación de coleccións en bibliotecas universitarias.

8. Selección, administración, difusión e avaliación de recursos electrónicos. O uso dos recursos electrónicos: principais estándares para a súa medición (COUNTER, e-Metrics, ISO 20983, EQUINOX. O proxecto SUSHI, Standardized Usage Statistics Harvesting Initiative).

9. As revistas electrónicas. Contratación, modelos de comercialización e de prezos. Provedores (editores, axencias de subscricións, agregadores, socios tecnolóxicos). As licenzas de uso.

10. O proceso técnico. Normalización. Tendencias actuais da catalogación: Dublin Core, TEI, RDF, XML e outros. Os catálogos bibliotecarios. O OPAC: concepto e evolución.

11. Preservación e conservación de materiais bibliotecarios. Preservación de coleccións dixitais: formatos, soportes e axentes.

12. Organización e avaliación de servizos á persoa usuaria–I: préstamo, lectura en sala, reprografía.

13. Organización e avaliación de servizos á persoa usuaria–II: préstamo interbibliotecario.

14.Organización e avaliación de servizos á persoa usuaria–III: servizos de información e referencia. Os servizos de referencia en liña.

15. Organización e avaliación de servizos á persoa usuaria–IV: formación en competencias informáticas e informacionais (CI2).

16. Organización administrativa dos arquivos españois e galegos. Lexislación española e galega en materia de arquivos.

17. O arquivo universitario: definición e funcións. Os arquivos universitarios españois. A Conferencia de Arquiveiros das Universidades Españolas (CAU).

18. O arquivo universitario: instalacións e equipamentos. Conservación dos documentos.

19. Organización do arquivo: clasificación, descrición e instalación. O principio de procedencia. A normalización da descrición arquivística: normas ISAD (G) e ISAAR (CPF).

20. O proceso documental no arquivo universitario. Ingresos e transferencias da documentación. A valoración dos fondos. Selección e expurgación.

21. O dereito de acceso aos documentos dos arquivos públicos.

22. Automatización de arquivos.

23. A comunicación científica: evolución e tendencias. Situación actual da edición científica.

24. Principais fontes de información en Ciencias Sociais e Humanidades.

25. Principais fontes de información en Ciencias e Tecnoloxía.

26. As fontes de información estatística. Produtores: principais axencias estatísticas.

27. A prensa dixital. Medios de comunicación na internet.

28. O mercado da información: tendencias e perspectivas de futuro.

29. O movemento do Open Access. Revistas de acceso aberto, e-prints, repositorios institucionais.

30. A literatura gris. Iniciativas de acceso á literatura gris.

31. Medición da calidade das revistas científicas: parámetros e metodoloxía.

32. Os estudos métricos da información: bibliometría, estudos de persoas usuarias e informetría. Aplicacións da bibliometría á xestión bibliotecaria.

ANEXO III

Tribunal

Titular:

Presidente: Gerardo Marraud González, director da Biblioteca Universitaria da Universidade de Vigo.

Vogais:

César Salinero Bombín, escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Valladolid.

María José Gutiérrez Calvete, escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade da Coruña.

Carmen Bermejo Díaz de Ragabo, escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria: Mª José Pousa Crespo, letrada da Universidade de Vigo.

Suplente:

Presidenta: María Isabel Casal Reyes, escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela.

Vogais:

Santiago Fernández Conti, escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade Autónoma de Madrid.

José Francisco Méndez García, escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela.

Lourdes Pérez González, escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretario: Andrés Dapena Paz, letrado da Universidade de Vigo.