Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 12 de abril de 2013 Páx. 11120

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 3 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a moratoria dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, e se convocan para o ano 2013.

O 3 xullo de 2012 publicáronse no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras da Orde do 25 de xuño pola que se estableceron as axudas para a moratoria dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria e se convocaron as ditas axudas para o ano 2012, de cara a inxectar liquidez a estas explotacións para compensar a súa difícil situación económica.

Dado que a problemática da conxuntura económica se mantén, cómpre publicar unha nova convocatoria para este ano 2013.

A medida regulada nesta orde réxese polo réxime establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aínda que se acolle expresamente ao procedemento de concesión en concorrencia non competitiva, conforme o previsto no artigo 19.2 da dita lei.

Por outra banda, estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción dos produtos agrícolas (DOUE nº L 337, do 21.12.2007), que quedan condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2013 as axudas de minimis, en réxime de concorrencia non competitiva, establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o pagamento do importe dos xuros que correspondan a un ano de carencia na amortización dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, concedidos con base nas convocatorias desde o ano 2007 ata o ano 2011, ambos inclusive, da Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar con entidades financeiras.

As ordes a que se fai referencia no parágrafo anterior son as seguintes:

– Convocatoria 2007: Orde do 10 de maio de 2007 (DOG nº 94, do 16 de maio).

– Convocatoria 2008: Orde do 15 de febreiro de 2008 (DOG nº 38, do 22 de febreiro).

– Convocatoria 2009: Orde do 17 de decembro de 2008 (DOG nº 248, do 23 de decembro).

– Convocatoria 2010: Orde do 31 de maio de 2010 (DOG nº 105, do 4 de xuño).

– Convocatoria 2011: Orde do 29 de decembro de 2010 (DOG nº 3, do 5 de xaneiro).

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Réxime de aplicación

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (CE) nº 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción dos produtos agrícolas (DOUE nº L 337, do 21.12.2007), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. De acordo co artigo 1 dese regulamento, estas axudas non poderán ser:

a) Axudas cuxo importe se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade dos produtos comercializados.

b) Axudas a actividades relacionadas coa exportación.

c) Axudas subordinadas á utilización de produtos nacionais con preferencia aos importados.

d) Axudas concedidas a empresas en crise.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas titulares de explotacións agrarias de vacún de leite e carne que soliciten un período de carencia dun ano na amortización do préstamo concedido no seu día ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar con entidades financeiras, para o financiamento de investimentos relativos ás axudas de mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, e que non fosen beneficiarias destas mesmas axudas á moratoria dos préstamos nas convocatorias anteriores.

2. Os prestameiros que soliciten a carencia deberán ter certificada, con anterioridade ao remate do prazo de solicitude da axuda a que fai referencia esta orde, a execución dos investimentos subvencionados nas axudas de mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria.

3. Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Características

1. Durante o período de carencia solicitado, que afectará o vencemento ou vencementos de principal posteriores á solicitude do prestameiro á entidade financeira, o prestameiro non deberá aboar nin o principal nin os xuros correspondentes ao capital pendente de amortizar.

2. Unha vez finalizada a carencia do préstamo restableceranse as obrigas do prestameiro nos termos establecidos nos convenios subscritos.

3. A Consellería do Medio Rural e do Mar financiará os xuros que correspondan, remunerando as entidades financeiras por cada carencia concedida en función do capital pendente e do tipo de xuro establecido nos convenios.

Artigo 5. Xestión das axudas

1. A tramitación destas axudas realizarase no marco dos convenios de colaboración establecidos coas entidades financeiras para o financiamento de investimentos relativos á mellora de explotacións e á incorporación das persoas mozas á actividade agraria. As ditas entidades financeiras teñen a condición de entidades colaboradoras, asumindo así as obrigas que a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, lles impón.

2. A solicitude de subvención presentarase, no mesmo documento en que se solicite a carencia, na entidade financeira en que se formalizou o préstamo.

3. A entidade comunicaralle á Consellería do Medio Rural e do Mar a relación de solicitudes presentadas, con indicación das carencias aceptadas de acordo co establecido nestas bases reguladoras e co convenio asinado entre a consellería e as entidades financeiras.

4. A presentación da solicitude de axuda ou subvención polo interesado suporá a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. De acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso. Salvo os casos sinalados no artigo 9.3.c) dese decreto, a reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

6. Xunto á solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Declaración de non ter a condición de empresa en crise, conforme a definición prevista no artigo 1, número 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, con relación ás pemes e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación coas grandes empresas.

b) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas por calquera concepto suxeitas ao Regulamento (CE) 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis, durante o período dos 2 exercicios fiscais anteriores á data de presentación desta solicitude e no exercicio fiscal en curso.

c) Declaración de calquera outra axuda solicitada, aprobada ou concedida, como pendente de resolución, solicitada para o mesmo fin a outras administracións ou entes públicos ou privados.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e obrigas sinalados nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. O prazo de presentación, establecido no número 2, será de dous meses desde a publicación da orde.

8. A Consellería do Medio Rural e do Mar transferirá ás entidades financeiras os importes correspondentes ao financiamento destas axudas unha vez que éstas presenten a correspondente liquidación, no marco do establecido nos referidos convenios de colaboración, e para o cal aplicará unha taxa de actualización sobre as cantidades resultantes das amortizacións, que figurará nos respectivos convenios.

9. No caso de esgotamento do crédito, en cumprimento do disposto no artigo 32 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6. Resolución

1. Unha vez comprobados os requisitos do solicitante polos servizos técnicos da Consellería do Medio Rural e do Mar, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria elevará a proposta de resolución á consellería, en canto órgano encargado da resolución das axudas.

2. Na resolución de concesión da axuda farase constar a contía da axuda concedida en forma de comisión e de subvención do tipo de xuro dos préstamos e indicarase o seu carácter de minimis, de conformidade co Regulamento (CE) nº 1535/2006.

3. Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

4. A resolución notificaráselles aos interesados no prazo de dez días a partir da data en que se dite.

Artigo 7. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. A resolución da conselleira esgota a vía administrativa. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses a partir da data de presentación da solicitude. Se transcorrese o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender rexeitadas as súas solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Contra a resolución poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderase interpor recurso de reposición ante a conselleira no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común.

Artigo 8. Publicación

A resolución de concesión da axuda publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural e do Mar, nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, onde figurarán os datos do beneficiario, finalidade da axuda, contía e aplicación orzamentaria. E para o cal dará o consentimento expreso, para o tratamento necesario deses datos e da súa publicación nos citados medios, no impreso de solicitude de axuda incluído no documento de préstamo, de acordo co establecido na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 9. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación que supoña un cambio de obxectivos, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización da Consellería do Medio Rural e do Mar, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa.

Artigo 10. Réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 11. Control

Os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural e do Mar, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12. Incompatibilidade

As axudas financeiras previstas nesta orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan conceder outras administracións públicas.

Artigo 13. Financiamento

1. As axudas financeiras reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.712B.470.0 (C.P. 2013 00716) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, por un importe de douscentos mil (200.000) euros.

2. A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou doutras administracións, tendo en conta o disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A concesión destas axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias e á existencia de crédito adecuado e suficiente.

Disposición adicional primeira

Nos aspectos non regulados nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Disposición adicional segunda

Modificacións dos convenios para a instrumentación dos préstamos para a mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria.

A Consellería do Medio Rural e do Mar realizará, co acordo das entidades financeiras, as modificacións nos convenios vixentes para a instrumentación dos préstamos para a mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria que sexan necesarias, no marco do disposto nesta orde.

Nas modificacións incluiranse polo menos os seguintes aspectos:

a) O mecanismo de amortización posterior á carencia.

b) O tipo de xuro aplicable.

c) Os procedementos de xestión destas actuacións.

Disposición derradeira única

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar