Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 10 de abril de 2013 Páx. 10759

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 25 de marzo de 2013, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se acorda publicar a Resolución do 15 de marzo de 2013, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, sobre cesión de terras sobrantes na zona de concentración parcelaria de Goá (Cospeito-Lugo) ao Concello de Cospeito.

O acordo de concentración parcelaria da zona de Goá (Cospeito-Lugo) foi aprobado pola Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias con data do 20 de febreiro de 2009 e publicouse na forma legalmente prevista na lexislación vixente, encontrándose na actualidade pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos o Concello de Cospeito solicita a cesión da titularidade dos predios que se indican a seguir:

– Predio nº 857 para mellora do contorno da escola de Casablanca.

– Predio nº 870 para campo da festa, aparcadoiro e usos deportivos.

– Predio nº 876 para área recreativa.

– Predio nº 985 para área recreativa.

– Predio nº 515 para depósito de plásticos agrícolas e actividades deportivas e de lecer.

Visto o informe favorable da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común na súa redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións legais vixentes de aplicación ao caso.

Á vista de que o destino para o que se solicitan os predios nos 857, 870, 876, 985 e 515 son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral resolve:

1) Modificar o Acordo de concentración parcelaria da zona de Goá (Cospeito-Lugo) e adxudicar ao Concello de Cospeito a titularidade dos predios nos 857, 870, 876, 985 e 515 que causan baixa no fondo de terras da zona, co fin de seren destinadas aos fins indicados na parte expositiva da presente resolución.

2) Transcorridos cinco anos desde a cesión das titularidades sen que os predios sexan destinados aos fins para que son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá ao fondo de terras da zona, ao patrimonio da comunidade autónoma, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ou outra entidade que corrresponda, segundo o caso.

Contra esta resolución pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Rural e do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que sexa publicada esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 25 de marzo de 2013

José Ramón Losada Fernández
Xefe territorial de Lugo