Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 8 de abril de 2013 Páx. 10274

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 25 de marzo de 2013 pola que se establece a convocatoria para o ano 2013 e se determina o seu importe global máximo, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, financiados polo FEP, que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

Mediante Orde da Consellería do Mar do 27 de abril de 2010 (DOG nº 85, do 6 de maio), aprobáronse as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2010 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, financiados polo Fondo Europeo de Pesca, que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos. Esta orde, nos seus artigos 3 e 11, dispón que anualmente se publicarán os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais, así como os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2010 a 2013.

Os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

O número máximo de anualidades vén establecido no artigo 6, que dispón que se poderán presentar proxectos de carácter plurianual, sen que a súa duración poida exceder catro exercicios orzamentarios. As subvencións que neste caso se concedan ateranse aos límites establecidos, para os compromisos de gastos plurianuais, no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2013 a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, de acondicionamento mariño e rexeneración, financiados polo FEP, que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

As bases reguladoras desta convocatoria serán as fixadas pola Orde da Consellería do Mar do 27 de abril de 2010 (DOG núm. 85, do 6 de maio).

Artigo 2. Prazos de presentación de solicitudes e resolución

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de sete meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 3. Presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. De acordo ao establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada por Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán do carácter de copia auténtica.

Así mesmo, os interesados tamén poderán presentar as solicitudes, de forma presencial, no Rexistro Único e de Información do Complexo Administrativo de San Caetano ou no de calquera das xefaturas territoriais da consellería, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes dirixiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Medio Rural e do Mar, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, que se poderá descargar en formato electrónico na ligazón «Servizos de administración electrónica» da páxina web http://webpesca.xunta.es e tamén se poderá descargar no enderezo electrónico https://sede.xunta.es.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

3. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, acompañada dun índice e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo cal se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia cotexada dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Medio Rural e do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Antecedentes:

b.1) Memoria descritiva do historial produtivo da entidade solicitante nos últimos cinco anos, con especial referencia aos bancos, zonas de produción ou especies obxectivo a que se dirixa o proxecto.

b.2) Memoria descritiva das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos cinco anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e o grao de consecución dos obxectivos esperados.

c) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

c.1) A explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos.

c.2) A descrición das accións que se pretenden emprender, calendario de realización e melloras esperadas con cada unha delas, con referencia expresa ás previsións de creación ou consolidación de emprego. No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e des-cribirase cada unha delas independentemente.

c.3) O proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto.

c.4) De ser o caso, o plano de localización das accións previstas.

c.5) De ser o caso, a solicitude de certificación de non inicio.

d) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, no cal o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II que se atopa dispoñible na ligazón «Servizos de administración electrónica» da páxina web http://webpesca.xunta.es, e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma etc.).

e) Declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) conforme o anexo III.

f) Copia cotexada das concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción ou a solicitude de obtención destes.

g) Declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo IV.

h) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente engadirase:

h.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

h.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

4. Os documentos sinalados nas alíneas b), c) e d) deberán entregarse en soporte dixital.

5. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das alíneas a), b), e), e g) anteriores por cada un dos solicitantes.

6. A documentación sinalada nas alíneas c.2), d), h.1) e h.2) do número 3 considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes, de xeito que non serán admitidas aquelas en que se aprecie a ausencia dalgún destes documentos, quedando, neste caso, arquivado o expediente sen máis trámite.

Artigo 4. Crédito orzamentario

1. No ano 2013 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.31.723A.770.1, código de proxecto 201100802 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013 e o importe máximo ascenderá a tres millóns cento setenta e cinco mil euros (3.175.000 €).

De conformidade co disposto no artigo 3.3 das bases reguladoras os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEP e o 25 % con fondos da Comunidade Autónoma.

Disposición transitoria única

Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2013 serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file