Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 8 de abril de 2013 Páx. 10271

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de marzo de 2013 pola que se crea un ficheiro de datos de carácter persoal nesta consellería e no Servizo Galego de Saúde.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE núm. 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da dita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e establece no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Mediante a presente orde a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde crean o ficheiro de carácter persoal que se especifica no anexo.

Artigo 2. Contido

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, para as disposicións de creación dos ficheiros está contida no anexo desta orde.

Artigo 3. Finalidade e uso do ficheiro

Os datos de carácter persoal incluídos no ficheiro da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde creado por esta orde so será utilizado para os fins expresamente previstos e declarados no citado anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4. Cesión de datos

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo desta orde. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto desta materia.

Artigo 5. Órgano responsable do ficheiro

A responsabilidade sobre o ficheiro creado por esta orde correspóndelle á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde.

No anexo detállase a unidade ante a que exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que constan no ficheiro.

Artigo 6. Nivel de protección e medidas de seguridade

O nivel do ficheiro creado por esta orde encóntrase clasificado atendendo ao artigo 80 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999. No seu anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) do ficheiro creado.

O titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade e os dereitos e obrigas recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición adicional única. Cesión de datos para estatística

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas atenderase, ademais, ao disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO
Ficheiro de nova creación responsabilidade da Consellería de Sanidade
e o Servizo Galego de Saúde

Nome e descrición do ficheiro

Investigación biomédica e biobancos.

Finalidade do ficheiro e usos previstos

Datos de carácter persoal relativos os proxectos de investigación biomédica. Xestión de mostras biolóxicas de orixe humano, tanto para diagnósticos como para o seu uso en proxectos de investigación biomédicos.

Órgano responsable do ficheiro

Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

Persoas e colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos

Cidadáns e/ou residentes, usuarios do Servizo Galego de Saúde, que dan o seu consentimento ao tratamento dos seus datos e mostras biolóxicas con fins de diagnóstico e/ou de investigación biomédica.

Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Consellería de Sanidade ou calquera dos centros e unidades dependentes desta, así como o Servizo Galego de Saúde ou calquera dos centros e unidades dependentes deste, así como as distintas entidades instrumentais á Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

Nivel do ficheiro

Alto.

Procedencia e procedemento de recollida de datos

O propio interesado ou os seus representantes legais así como os datos contidos na historia clínica do paciente, logo de autorización deste ou dos seus representantes legais.

Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos)

Datos de carácter identificativo: nome e apelidos, enderezo, teléfono, DNI/NIF/NIE/núm. de pasaporte, número da Seguridade Social/mutualidade, número de historia clínica, CIP.

Datos de características persoais, circunstancias sociais e profesionais.

Datos especialmente protexidos: saúde, incluídas mostras biolóxicas e datos xenéticos; orixe racial/étnica e vida sexual.

Sistema de tratamento

Mixto.

Comunicacións ou cesións de datos

Outros biobancos, investigadores acreditados nas liñas de actuación relacionadas coas que o paciente outorgou a súa autorización, atendendo ao recollido na Lei 14/2007, do 3 de xullo, de investigación biomédica, e no Real decreto 1716/2011, do 18 de novembro, pola que se establecen os requisitos básicos de autorización e funcionamento dos biobancos con fins de investigación biomédica e do tratamento das mostras biolóxicas de orixe humana, e se regula o funcionamento e organización do Rexistro Nacional de Biobancos para investigación biomédica, e no resto de lexislación que sexa de aplicación, e autoridades sanitarias no exercicio das súas competencias.

Transferencias internacionais de datos a terceiros países

EEUU, centros públicos ou privados, tales como universidades, centros hospitalarios ou centros de investigación científica, que estean debidamente acreditados, nos cales se desenvolvan actividades de investigación biomédica destinadas a mellorar os coñecementos, prevención, diagnóstico e tratamento de patoloxías humanas, onde se realizará o envío de mostras biolóxicas, sen incluír ningún outro tipo de dato de carácter persoal, logo de consentimento do afectado.