Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 8 de abril de 2013 Páx. 10340

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara de utilidade pública, en concreto, unha instalación eléctrica, nos termos municipais de Vimianzo e Muxía (expediente IN407A 2007/396-1).

Visto o expediente para o outorgamento de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a continuación se detallan:

Solicitante: Desarrollos Eólicos, S.A.

Domicilio social: rúa Amio, 114, 15707 Santiago de Compostela.

Denominación do proxecto: LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación parque eólico de Muxía, de evacuación dos parques eólicos Muxía I e Muxía II.

Concellos afectados: Vimianzo e Muxía.

Características técnicas da instalación:

Liña de alta tensión en dobre circuíto (D/C) a 66 kV, cunha lonxitude total de 17.477, composta por:

• Treito soterrado, de 340 metros de lonxitude, en condutor tipo RHZ1 36/66 kV 3 (1×630 mm2), coa orixe na subestación de Vimianzo, propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A. e remate no apoio nº 1 PA/S, que discorre polo concello de Vimianzo.

• Treito aéreo, de 17.137 metros de lonxitude, en apoios de celosía, en condutor tipo LARL 380 (GULL) e cable de terra OPGW2.48FO, con orixe no apoio nº 1 PA/S anterior e remate na futura subestación dos parques eólicos Muxía I (expediente IN661A 2004/2-1) e Muxía II (expediente IN661A 2007/9-1), que discorre polos concellos de Vimianzo e Muxía.

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 22 de agosto de 2007, Dionisio Fernández Aurey, en nome e representación da sociedade Desarrollos Eólicos, S.A. na súa calidade de conselleiro delegado, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e la declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación LAT 66 kV dobre circuíto (D/C) subestación Vimianzo-subestación parque eólico de Muxía, de evacuación dos parques eólicos Muxía I (expediente IN661A 2005/9-1) e Muxía II (expediente IN661A 2007/2-1).

Segundo. Con data do 30 de maio de 2008 (Rexistro Xeral da Xunta de Galicia/Edificio Administrativo Monelos/A Coruña, do 4 de xuño de 2008, nº de entrada 134655), Desarrollos Eólicos, S.A. presenta unha modificación parcial da instalación LAT 66 kV dobre circuíto (D/C) subestación Vimianzo-subestación parque eólico de Muxía, no cal se documenta a modificación do emprazamento do apoio nº 47 coa finalidade de evitar afeccións a unha instalación preexistente (invernadoiro). Deste xeito, o citado apoio nº 47 verase desprazado uns 45 metros en dirección NE respecto da situación inicialmente proxectada e os apoios nº 46 e nº 48 convértense en apoios de ángulo en vez de apoios de aliñación como se recollía no proxecto orixinal. Para tal fin, achégase un proxecto técnico subscrito por Jorge Núñez Ares, enxeñeiro industrial, nº de colexiado 1102, con visado do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (delegación da Coruña) do 18 de xullo de 2008 e nº 2736/2008.

Terceiro. Para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sobre autorización de instalacións eléctricas, no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, no Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, polo que se aproba o regulamento de execución do Real decreto lexislativo 1302/1998, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, e as súas posteriores modificacións e no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, por Acordo do 16 de abril de 2009, da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, o estudo de impacto ambiental e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación denominada LAT 66 kV dobre circuíto (D/C) subestación Vimianzo-subestación parque eólico de Muxía. En cumprimento dos trámites regulamentarios e para os efectos previstos na normativa citada anteriormente, foi publicado no Diario Oficial de Galicia nº 99, do 22 de maio de 2009 e no Boletín Oficial da provincia nº 108, do 14 de maio de 2009, así como nos xornais El Correo Gallego e La Voz de Galicia, ambos do 19 de maio de 2009; igualmente, foi exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos de Muxía e Vimianzo, tal e como se recolle nos certificados de exposición pública emitidos polo Concello de Muxía e polo Concello de Vimianzo con datas do 6 de xullo de 2009 e 18 de xaneiro de 2010, respectivamente.

Cuarto. Coa mesma data, en cumprimento do procedemento regulamentario, procedeuse ao traslado ás distintas administracións, organismos e, se for o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, da parte que a instalación puidera afectar bens e dereitos ao seu cargo (separatas), neste caso ao Concello de Muxía, Augas de Galicia, Ferroatlántica, Red Eléctrica de España, S.A.U., Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes (Servizo de Estradas), Electra del Jallas, S.A., Energías Ambientales de Vimianzo, S.A. (EASA), Unión Fenosa Distribución, S.A., Telefónica de España, Xunta de Galicia (Camiño de Santiago-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural) e Deputación da Coruña, coa finalidade de que manifestasen a súa conformidade ou oposición á autorización solicitada e emitisen o condicionado técnico ao proxecto. Recibiuse contestación de todos eles no prazo regulamentario, agás da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Deputación da Coruña e deuse traslado ao promotor, que aceptou os condicionados emitidos. Respecto deste trámite do procedemento, cómpre precisar o seguinte:

a) No caso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, esta puxo en coñecemento desta xefatura territorial que non emitiría informe sobre a liña en canto non o fixese sobre os parques eólicos a que daría servizo. Esta condición quedou cumprida ao terse pronunciado o citado organismo mediante un informe favorable á execución dos parques eólicos Muxía I e Muxía II, do 10 de decembro de 2010. Deste xeito, e de conformidade co anteriormente manifestado, con data do 27 de maio de 2011, procedeu a emitir informe sobre o proxecto de execución da LAT 66 kV dobre circuíto (D/C) subestación Vimianzo-subestación parque eólico de Muxía, cuxo ditame resultou favorable.

b) No caso da Deputación da Coruña, ao non terse recibido resposta unha vez cumprido o prazo determinado nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (en diante Real decreto 1955/2000), considerouse como cumprido o trámite para a emisión do condicionado requirido ao considerarse, por omisión, a aceptación da execución da obra proposta pola sociedade Desarrollos Eólicos, S.A., de conformidade coa normativa antes citada.

c) No caso do condicionado emitido por Red Eléctrica de España, S.A.U., Desarrollos Eólicos, S.A. presentou un escrito de reparos ao dito condicionado, o cal foi remitido a Red Eléctrica de España, S.A.U. que respondeu non ter ningunha obxección á execución da obra, resposta novamente trasladada ao promotor, que rematou aceptando o condicionado.

Quinto. Igualmente, con data do 16 de abril de 2009, procedeuse a notificar individualmente os propietarios dos bens ou dereitos afectados pola execución da instalación denominada LAT 66 kV dobre circuíto (D/C) subestación Vimianzo-subestación parque eólico de Muxía.

Sexto. Tamén na mesma data, de conformidade co disposto no Decreto 442/1990, polo que se regula a obriga de sometemento á avaliación do impacto ambiental dos proxectos públicos ou privados consistentes na realización de obras, instalacións ou calquera outra actividade cuxa realización e/ou autorización corresponda á Administración da Xunta de Galicia, foi remitido un exemplar do estudo de impacto ambiental a:

• Consellería do Medio Rural/Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

• Dirección Xeral de Saúde Pública.

• Dirección Xeral de Turismo.

• Dirección Xeral de Infraestruturas.

• Augas de Galicia e

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para que emitisen o pertinente informe.

Sétimo. Tamén foi remitida ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña unha copia do acordo de información pública, para a súa exposición pública. Con data do 29 de xuño de 2009 (Rexistro Único da Delegación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/Edificio Administrativo Monelos/A Coruña, do 29 de xuño de 2009, nº de entrada 103019), achega certificación da exposición pública do proxecto de referencia do 29 de xuño de 2009.

Oitavo. Durante a fase de información pública recibíronse nesta xefatura territorial as seguintes alegacións:

1. Con data do 8 de maio de 2007, Félix Porto, secretario xeral de UU.AA. Soneira-Fisterra, xunto coa sinatura de 400 cidadáns afectados directa ou indirectamente, alega que a infraestrutura inutilizará terreos de grande importancia económica e ambiental no concello de Muxía, moitos dos cales son empregados na actividade gandeira, agrícola e forestal.

2. Con data do 7 de maio de 2009, Cristina Barrientos Domínguez alega que hai un erro nos apelidos e solicita a súa modificación para poder recibir as notificacións que se lle teñan que remitir.

3. Con data do 14 de maio de 2009, Hermenegildo Leira Pérez alega que é titular de oito leiras afectadas pola instalación e que se opón total e expresamente á declaración de utilidade pública solicitada por Desarrollos Eólicos, S.A., xa que existen mananciais lindando coas súas leiras, así como o Camiño Xacobeo e colmeas de abellas. Solicita a modificación do trazado da liña, xa que hai propietarios que non se opoñen á ocupación das súas leiras.

4. Con data do 15 de maio de 2009, José Muíño Vilariño alega que a utilidade pública non debe seguir adiante, xa que non foi axeitadamente informado dos danos que se lle poden ocasionar nin se lle presentou oferta ningunha para resarcilo deses danos, se os houber.

5. Con data do 19 de maio de 2009, María C. López Leyro presenta alegación en que solicita a información en soporte informático, así como unha ampliación de vinte días do prazo para alegar.

6. Con data do 21 de maio de 2009, Manuel Blanco Rial, en nome e representación da Sociedad de Caza San Vicente, alega que a sociedade verá afectada os dereitos cinexéticos de que goza e que a instalación é incompatible co exercicio normal da caza, polo que reclama responsabilidade patrimonial.

7. Con data do 15 de maio de 2009, Mercedes Cantorna Santiago presenta alegación en que solicita a modificación do trazado da LAT argumentando a depreciación que sufrirá a súa leira ao ser dividida en dúas partes.

8. Con data do 18 de maio de 2009, Manuel Martínez Blanco alega non poder presentar alegacións polo descoñecemento motivado pola falla de definición das afeccións, xa que na información proporcionada non se especifica o tipo de servidume nin a afección exacta, así como as distancias regulamentarias que limitan a plantación de arboredo.

9. Con data do 18 de maio de 2009, José Lemus Lema alega non poder presentar alegacións por descoñecemento motivado pola falla de definición das afeccións, xa que na información proporcionada non se especifica o tipo de servidume nin a afección exacta, así como as distancias regulamentarias que limitan a plantación de arboredo.

10. Con data do 26 de maio de 2009, Esther Sar Blanco alega cambios de titularidade dos predios.

11. Con data do 25 de maio de 2009, Herminia Sar Rodríguez alega a depreciación do seu predio pola división del causada polo paso da LAT, o maior risco de incendio e a posible electrocución de quen a traballa. Solicita a valoración dos muros, que entende que se tirarán para facer o mantemento da liña e a valoración do prexuízo que supón a corta do arboredo nun momento en que o seu valor é moi baixo.

12. Con data do 23 de maio de 2009, José Suárez Paz alega desconformidade coa superficie afectada, aportando un Informe Pericial.

13. Con data do 25 de maio de 2009, José Sar Rodríguez presenta alegación en que informa da titularidade dos predios. Tamén alega sobre a partición e depreciación do predio e quéixase da tramitación e consulta dos expedientes.

14. Con data do 25 de maio de 2009, Mercedes e María Riveiro Mouzo alegan a súa desconformidade cos distintos prezos ofertados pola empresa promotora aos distintos propietarios.

15. Con data do 27 de maio de 2009, María del Pilar Martínez Senra alega a súa oposición á instalación, xa que prexudica o valor material e a riqueza paisaxística, cultural e ecolóxica do contorno. Mantén a súa oposición xa que vería minorado o valor da leira ao resultar inservible a superficie non afectada tanto para aproveitamentos propios inherentes ao seu destino actual como para calquera outro que se lles antolle. Solicita que se denegue a declaración de utilidade pública e, no suposto de non accederse a isto, solicita no seu caso a expropiación da totalidade das leiras xunto con todos os bens e servizos que as integran.

16. Con data do 28 de maio de 2009, Iluminada Varela Mouzo, como administradora da herdanza dos seus finados pais, Manuel Varela Mouzo e Esperanza Martínez Canosa e da herdanza dos fillos de Esther Varela Martínez, presenta alegación informando que os predios expropiados se encontran incursos nun procedemento xudicial de herdanza sen que exista sentenza firme sobre el. Tamén manifesta que se omite na relación de beneficiarios a filla de Esther Varela Martínez e solicita que se remita a correspondencia á súa atención.

17. Con data do 19 de maio de 2009, Pilar Toba Barrientos alega o impacto sobre a saúde humana, así como o impacto ambiental e ecolóxico da instalación. Solicita o pagamento do terreo en calidade de industrial, a modificación do trazado da LAT para afastalo do núcleo de poboación e, subsidiariamente, que sexa aboado un prezo que repare todos e cada un dos prexuízos citados.

18. Con data do 15 de maio de 2009, José Toba Barrientos presenta catro alegacións baseadas no impacto na saúde humana, así como no impacto ambiental e ecolóxico da instalación. Solicita o pagamento do terreo en calidade de industrial e a modificación do trazado da LAT.

19. Con data do 29 de maio de 2009, Cristina Barrientos Domínguez presenta alegación solicitando a modificación na orde dos apelidos e manifesta que no está suficientemente acreditada a necesidade de ocupación do predio e entende que é posible un trazado menos prexudicial para os seus intereses. Tamén manifesta que non consta o estudo de impacto ambiental, motivo polo que non se pode manifestar sobre este concepto.

20. Con data do 5 de xuño de 2009, María C. López Leyro alega defectos no EIA e danos ecolóxicos. Maniféstase en contra da utilidade pública e das afeccións sobre os predios.

21. Con data do 15 de maio de 2009, Generosa Riveiro Mouzo alega falla de información e o prezo do terreo.

22. Con data do 18 de xuño de 2009, María García Gómez en nome e representación de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), alega erros e deficiencias graves no EIA e danos ecolóxicos. Tamén se manifesta sobre o uso e abuso da figura da utilidade pública, polo que solicita que o EIA sexa considerado nulo, que se denegue a utilidade pública e que se manteña informada a asociación de como transcorre o procedemento.

23. Con data do 10 de setembro de 2009, Lourdes Rodríguez Blanco presenta alegación para que sexa modificada a titularidade dos predios.

24. Con data do 31 de xullo de 2012, Esther Sar Blanco presenta un escrito complementario das alegacións presentadas.

Noveno. Despois de dárselle traslado, en resposta das anteriores alegacións o representante da sociedade Desarrollos Eólicos, S.A. manifestou en tempo e forma o que considerou pertinente en defensa dos seus intereses, argumentando, en resumo, o seguinte:

1. A alegación é extemporánea, xa que se presenta dous anos antes de que o proxecto fose sometido a información pública. Así mesmo afirma que, entre todos os cidadáns asinantes, só 48 están afectados e, entre estes, o 65 % chegaron a acordo coa promotora. Ademais, manifesta a promotora que Félix Porto, actual alcalde de Muxía, asina como representante deste concello, en reunión plenaria, un convenio de colaboración con Desarrollos Eólicos, S.A. relativo á construción, explotación e mantemento das instalacións. Por outro lado, a promotora remítese á declaración de impacto ambiental, na cal se valorará o impacto que mencionan os alegantes.

2. Desarrollos Eólicos, S.A. toma nota da modificación da orde dos apelidos para futuras actuacións.

3. Polo que se refire á afección de mananciais e colmeas, deberán ser os propietarios deles os que manifesten o seu desacordo durante o levantamento das actas previas á ocupación. No concernente ao Camiño de Santiago, Desarrollos Eólicos, S.A. remítese ao estudo de impacto ambiental, no cal se avaliará esta afección. Por último, rexéitase unha modificación do trazado da liña, xa que non parece razoable afirmar que o impacto ambiental mellorará con este cambio.

4. Desarrollos Eólicos, S.A. manifesta que o momento pertinente para informar das concretas afeccións é o da solicitude da declaración de utilidade pública, trámite no cal nos atopamos e no cal se lle remitiu ao alegante comunicación con detalle das afeccións dos predios. Por outra banda, durante o levantamento das actas previas á ocupación será o momento en que se lle sinale a realidade material do expropiado, así como das afeccións e danos concretos, que serán avaliados polo Xurado de Expropiación, sen prexuízo de que se poida alcanzar previamente un acordo amigable entre ambas as partes.

5. A información pública do proxecto está a ser realizada de conformidade coas previsións legais ao respecto, pero Desarrollos Eólicos, S.A. non ten inconveniente ningún en que a alegante solicite unha copia completa do proxecto á Administración. No relativo á ampliación do prazo de exposición pública, legalmente regulado, enténdese que é suficiente para que os afectados poidan coñecer o alcance do proxecto e as afeccións sobre os terreos da súa propiedade.

6. A promotora considera que os dereitos de explotación cinexética non se verán afectados como consecuencia das obras do proxecto xa que só se afectaría como máximo o 0,0757 % da súa superficie, que é unha afección mínima que non impide o mantemento do réxime cinexético especial do Tecor. Non existe incompatibilidade entre a instalación da LAT e o exercicio da caza, pois a instalación da dita LAT non ten, para efectos legais, a consideración de instalación fabril ou industrial. Por outra banda, enténdese que as especies cinexéticas que interesan no couto, tales como a perdiz vermella, o coello e o raposo, se verían favorecidas pola creación de áreas desbrozadas, ou indiferentes pola propia bioloxía e etoloxía destas especies. En relación aos danos persoais ou patrimoniais a que fan referencia, considérase que son totalmente excepcionais. Respecto da compensación económica que reclama o Tecor, considérase necesario que este achegue a documentación que acredite o seu dereito sobre os terreos, pois que, se non hai acordo amigable previo, será mediante o prezo xusto o xeito de determinar o importe que corresponda aos titulares de dereitos sobre os terreos que se van expropiar.

7. No que se refire á partición do predio, Desarrollos Eólicos, S.A. remítese ao trámite de levantamento de actas previas á ocupación, que será cando se avalíen e determinen con exactitude as afeccións impostas; será posteriormente, na fase de determinación do prezo xusto, cando se fixe o valor das ditas afeccións. No que se refire á posibilidade do cambio do trazado, Desarrollos Eólicos, S.A. manifesta que non é unha posibilidade que estea prevista en tanto non concorran os requisitos legais, polo que debe manterse sen variación ningunha o trazado proxectado e sometido a información pública.

8. Desarrollos Eólicos, S.A. considera que non cabe alegar que non é posible determinar o carácter da afección sobre o predio, cando esta non supera os 4,4 m2. Igualmente, non é posible alegar que non se atopa á disposición do alegante a información relativa ao documento técnico pois o proxecto, sometido a información pública, está exposto para o público en xeral, notificado ou non, nos lugares previstos pola normativa vixente.

9. Desarrollos Eólicos, S.A. considera que non cabe alegar que non é posible determinar o carácter da afección sobre o predio, cando esta non supera os 1,18 m2. Igualmente, non é posible alegar que non se atopa a disposición do alegante a información relativa ao documento técnico pois o proxecto, sometido a información pública, se encontra exposto para o público en xeral, notificado ou non, nos lugares previstos pola normativa vixente.

10. Desarrollos Eólicos, S.A. manifesta que na RBDA se fixeron constar os titulares dos predios conforme os rexistros públicos, de tal xeito que se a dita titularidade non se corresponde coa realidade será o alegante o que teña que acreditarla documentalmente. Ademais, no caso de ser unha propiedade suxeita a un litixio, a cantidade que resulte do procedemento será consignada na Caixa Xeral de Depósitos ata que as discrepancias sexan resoltas, ben de xeito amigable ben por sentenza xudicial.

11. Desarrollos Eólicos, S.A. entende que a alegante debe facer constar todas as cuestións formuladas no momento do levantamento de actas previas á ocupación, para que poidan ser tidas en conta na fase de determinación do prezo xusto.

12. Desarrollos Eólicos, S.A. entende que a alegante debe facer constar todas as cuestións formuladas no momento do levantamento de actas previas á ocupación e achegar todos os datos que entenda pertinentes para determinar os dereitos afectados, para que poidan ser tidos en conta na fase de determinación do prezo xusto.

13. Desarrollos Eólicos, S.A. manifesta que será durante o levantamento da acta previa á ocupación cando o alegante deberá fornecer toda a documentación relativa á titularidade dos predios. No caso de existiren discrepancias a este respecto, procederase a consignar na Caixa Xeral de Depósitos o prezo xusto ata que o conflito da titularidade estea resolto. Tamén será durante o levantamento da acta previa á ocupación cando o propietario debe facer constar todos os datos e valoracións que considere oportunos respecto da depreciación do predio. Desarrollos Eólicos, S.A. aclara que as parcelas se verán afectadas por un dereito real de servidume e apoio para posibilitar a instalación da LAT e que todos os custos rexistrais serán por conta da empresa beneficiaria, para o que será imprescindible que o propietario proceda previamente a inmatricular o predio.

14. Desarrollos Eólicos, S.A. entende que non é o momento do procedemento axeitado para valorar as cuestións formuladas polo alegante.

15. Desarrollos Eólicos, S.A. considera que o prexuízo á riqueza paisaxística, cultural e ecolóxica debe ser obxecto de valoración pola Administración competente na declaración de impacto ambiental. Os asuntos que se refiran ao valor do predio serán atendidos no momento da determinación do prezo xusto. A solicitude de denegación da declaración da utilidade pública da ocupación debe ser desestimada porque a necesidade da ocupación dos bens e dereitos que figuran na relación que se somete a información pública está totalmente xustificada no proxecto de execución, de conformidade co exixido pola lexislación vixente.

16. Desarrollos Eólicos, S.A. entende que a alegante acredita correctamente a súa condición de administradora da herdanza dos seus finados pais, pero non sucede o mesmo coa condición que manifesta respecto da súa irmá. Tamén informa a promotora que nin os pais da alegante nin a súa irmá figuran nos rexistros públicos como titulares das parcelas, constando como tales Iluminada Varela Martínez, Josefa Martínez e José Manuel Varela Lema, polo que a alegante deberá fornecer a documentación que contradiga a titularidade que figura nos rexistros para os efectos de corrixir os posibles erros.

17. Desarrollos Eólicos, S.A. manifesta, respecto dos prexuízos que a instalación poida ocasionar na saúde, que as liñas son inocuas, ben que esta cuestión será tratada na declaración de impacto ambiental. Igualmente acontece coa alegación en que expón a preocupación polo impacto que a liña terá na flora, na fauna e na paisaxe. En relación á solicitude de valorar o solo afectado como industrial, a empresa promotora considera que esta cuestión deberá ser valorada no momento en que sexa determinado o prezo xusto. Por último, Desarrollos Eólicos, S. A, considera que non procede o cambio de trazado da liña solicitado pola alegante, xa que o proxecto cumpre estritamente todas as previsións legais.

18. Desarrollos Eólicos, S.A. manifesta, respecto dos prexuízos que a instalación poida ocasionar na saúde, que as liñas son inocuas, ben que esta cuestión será tratada na declaración de impacto ambiental. Igualmente acontece coa alegación en que expón a preocupación polo impacto que a liña terá na flora, na fauna e na paisaxe. En relación á solicitude de valorar o solo afectado como industrial, a empresa promotora considera que esta cuestión deberá ser valorada no momento en que sexa determinado o prezo xusto. Por último, Desarrollos Eólicos, S.A., considera que non procede o cambio de trazado da liña solicitado pola alegante, xa que o proxecto cumpre estritamente todas as previsións legais.

19. Desarrollos Eólicos, S.A. toma nota da advertencia exposta na alegación referente á orde dos apelidos e insta a Administración a que teña en consideración a referida alteración nos apelidos da alegante. Respecto da modificación do trazado, Desarrollos Eólicos, S.A. oponse a que se teña en consideración a solicitude porque o trazado proxectado é o óptimo desde o punto de vista técnico e é o que ten un mínimo impacto ambiental e social. Por último, Desarrollos Eólicos, S.A. contradí o manifestado pola alegante respecto da inexistencia dun estudo de impacto ambiental, xa que este xa foi sometido a información pública cumprindo coas exixencias legais.

20. Respecto do conxunto de alegacións presentadas por Adega, Desarrollos Eólicos, S.A. presenta un documento da consultora EYSA Estudios y Soluciones Ambientales, desde unha perspectiva máis técnica. No que ao EIA se refire, Adega afirma que hai un erro, erro que xa foi corrixido e que se está a cumprir coas distancias de seguridade establecidas na Lei de prevención e defensa dos incendios forestais. A alegante refírese tamén a unha plantación de mazá ecolóxica, aspecto sobre o cal Desarrollos Eólicos, S.A. descoñece o seu interese, xa que a promotora xa acadou un acordo co dono desta e, en todo caso, debería ser este o que alegase. En relación á distancia da LAT aos núcleos de poboación e ao investimento en seguranza e saúde da obra, Desarrollos Eólicos, S.A. di cumprir coa normativa vixente e que, en calquera caso, non está demostrado que a LAT poida provocar enfermidades; non obstante, Desarrollos Eólicos, S.A. manifesta que xa foi requirido un informe á Dirección Xeral de Saúde Pública. Respecto da modificación da traza, Desarrollos Eólicos, S.A. responde a Adega que o trazado proxectado é o de menor impacto. No que respecta á depreciación da madeira, Desarrollos Eólicos, S.A. sinala que xa acadou acordos amigables coa maioría dos propietarios aboando o triplo do valor real. Tamén expón a promotora que o proxecto foi redactado cumprindo coa normativa vixente e achega un anexo I redactado pola empresa EYSA, especializada en estudos e solucións ambientais. Por outra banda Desarrollos Eólicos, S.A. informa que a solicitude de utilidade pública cumpre coa lexislación vixente e, respecto da afección particular a que se fai referencia, se hai unha modificación nos datos da mesma, esta modificación deberá ser acreditada no momento do levantamento da acta previa á ocupación entendendo, ademais, que a escala do plano é suficiente para determinar a afección. Como derradeira cuestión, Desarrollos Eólicos, S.A. informa que se durante o funcionamento da LAT e debido ao desnivel da parcela se producir algún dano, será o promotor da LAT o responsable no que corresponder.

21. Desarrollos Eólicos, S.A. remite a contestación en castelán e francés, a pesar de non ser esta última unha lingua cooficial. Respecto da dificultade de seguir o proceso expropiatorio desde Francia, infórmase o alegante que toda a documentación sometida a información pública está publicada no Diario Oficial de Galicia (www.xunta.es/portada), ofrecéndose a promotora a remitirlle ao seu enderezo en Francia todas as demais certificacións e notificacións relativas ao expediente. Por último, no referente ao prezo, Desarrollos Eólicos, S.A. indica que a determinación deste se fará no trámite de determinación do prezo xusto, do cal recibirá a oportuna notificación.

22. Respecto do conxunto de alegacións presentadas por Adega, Desarrollos Eólicos, S.A. presenta un documento da consultora EYSA Estudios y Soluciones Ambientales, desde unha perspectiva máis técnica. En relación aos supostos erros e deficiencias no EIA, efectivamente hai un erro, xa corrixido; a non inclusión dos parques eólicos Muxía I e Muxía II responde a que son proxectos independentes e de distinta natureza. O feito de non recoller outras instalacións responde a que aínda non foron proxectadas, motivo polo cal non se pode facer unha valoración ou ben porque a distancia entre as instalacións fai irrelevante un posible efecto sinérxico. No que respecta ao Camiño de Santiago, cómpre dicir que xa foron analizadas as posibles afeccións, e que se encontran recollidas nun estudo específico. En relación aos posibles prexuízos aos habitantes, Desarrollos Eólicos, S.A. fai constar que acadou acordos co 80 % dos propietarios afectados aboando o triplo do valor real das afeccións. No que á Rede Natura respecta, Desarrollos Eólicos, S.A. manifesta que a instalación cumpre cos criterios de proximidade recollidos na normativa vixente e non lle consta que estea prevista unha ampliación daquela. Por outra banda, a promotora destaca, respecto dos impactos na avifauna e a capacidade de carga dos hábitats, a profesionalidade e experiencia da persoa que elaborou o EIA e, en canto á prevención e defensa contra os incendios, di cumprir coa normativa de aplicación e detalla que o propio corredor que queda libre de vexetación ao longo da LAT actuaría como devasas. Por último, respecto do uso e abuso da figura da utilidade pública, Desarrollos Eólicos, S.A. sinala que se cumpre coa normativa vixente e que entre os afectados existe un alto grao de aceptación do proxecto.

23. Desarrollos Eólicos, S.A. manifesta que a pesar de que a alegante presentou a súa alegación fóra de prazo, toma nota da modificación da titularidade tendo en conta futuras notificacións a Lourdes Rodríguez Blanco e informa que lle dará traslado de todas cantas actuacións se realicen respecto das súas parcelas e que será citada, do mesmo xeito que o seu irmán, ao levantamento de actas previas para que ambos os dous poidan facer todas as manifestacións que consideren oportunas.

24. Desarrollos Eólicos, S.A. informa a propietaria dos predios afectados, que debe realizar a modificación da súa titularidade na Xerencia do Catastro; unha vez cumprido este requisito, procederase a formalizar o requirido pola alegante.

Décimo. Con data do 7 de febreiro de 2011 (Rexistro Único da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/Edificio Administrativo Monelos/A Coruña, do 7 de febreiro de 2011, nº de entrada 20362), Desarrollos Eólicos, S.A. presentou un novo proxecto técnico que ten a consideración de modificación 2ª do proxecto de execución LAT 66 kV dobre circuíto (D/C) subestación Vimianzo-subestación parque eólico de Muxía, coa finalidade de minimizar o impacto ambiental sobre os bens culturais, concretamente sobre o Camiño de Santiago e recolle as condicións técnicas do soterramento do tendido da LAT entre os apoios nº 70 e nº 71, cunha lonxitude de 160 metros, así como a idoneidade do deseño inicial entre os apoios 63 a 69, que tamén resulta afectado. Na tramitación de este novo proxecto seguíronse os trámites previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sobre autorización de instalacións eléctricas.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é competente para resolver este expediente, con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, nos decretos 79/2009, do 19 de abril e 83/2009, do 21 de abril, nos que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos departamentos desta (DOG números 75 e 77, do 20 e 22 de abril, respectivamente), no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 117, do 17 de xuño), no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 23, do 3 de febreiro) e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente instruído para os efectos, cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro) e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE nº 310, do 27 de decembro).

Terceiro. Mediante o artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

Cuarto. Conforme o disposto no artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa «no momento do levantamento da acta faranse constar todas as manifestacións e datos que aporten uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares ou valor daqueles ou os determinantes da rápida ocupación».

Quinto. O artigo 161 Limitacións á constitución da servidume de paso, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, estipula:

1. Non poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión: sobre edificios, os seus patios, currais, centros escolares, campos deportivos, xardíns e hortas, tamén choídos, anexos a vivendas que existen no momento de se iniciar o expediente de solicitude de declaración de utilidade pública, sempre que a extensión das hortas e xardíns sexa inferior a media hectárea.

2. Tampouco poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión sobre calquera xénero de propiedades particulares, sempre que se cumpran as condicións seguintes:

2.1. Que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimonial do Estado, da comunidade autónoma, das provincias ou dos concellos, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada.

2.2. Que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra pola propiedade do solicitante da dita variación.

2.3. Que tecnicamente a variación sexa posible.

A indicada posibilidade técnica será apreciada polo órgano que tramita o expediente, logo do informe das administracións ou organismos públicos aos que pertenzan ou estean adscritos os bens que resulten afectados pola variante e, se é o caso, con audiencia dos propietarios particulares interesados.

En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o custo dela sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Sexto. En cumprimento do artigo 5, punto 4, do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental de Galicia, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou con data do 13 de abril de 2012 a declaración de impacto ambiental relativa ao proxecto da instalación LAT 66 kV dobre circuíto (D/C) subestación Vimianzo-subestación parque eólico de Muxía, concellos de Vimianzo e Muxía, promovida por Desarrollos Eólicos, S.A.

En consecuencia, examinado o proxecto e os planos parcelarios en que non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas, e entendendo que se deu axeitado cumprimento ao procedemento de tramitación disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no título VII do Real decreto 1955/2000 e de conformidade coa disposición adicional do Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 34, do 16 de febreiro), esta xefatura territorial resolve:

Autorizar administrativamente, aprobar o proxecto de execución e declarar de utilidade pública, en concreto, as instalacións correspondentes á LAT 66 kV dobre circuíto (D/C) subestación Vimianzo-subestación parque eólico de Muxía, as cales se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto, aos condicionados técnicos impostos polos diferentes organismos e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, coas seguintes consideracións:

– Esta autorización, outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións.

– A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

– As instalacións recollidas no expediente IN407A 2007/396-1, serán executadas nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da presente resolución. Tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

A Coruña, 28 de febreiro de 2013

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña