Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 8 de abril de 2013 Páx. 10290

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2013 pola que se nomea persoal emérito do Servizo Galego de Saúde.

O Decreto 36/2010, do 11 de marzo, modificado polo Decreto 97/2012, do 16 de marzo, regula o procedemento para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario, o procedemento para o recoñecemento, con carácter excepcional, da condición de persoal emérito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, así como os dereitos inherentes a este recoñecemento e o réxime de actividades deste persoal.

Preténdese así recoñecer o prestixio e a importancia profesional de profesionais sanitarios xubilados/as, así como facilitar, durante o período de tempo establecido e mentres as condicións de saúde llelo permitan, a existencia dunha relación activa coa institución sanitaria de adscrición, realizando funcións de consultoría, asesoría e formación, aproveitando desa forma a experiencia e os coñecementos adquiridos durante a vida laboral previa á súa xubilación.

Tanto o Decreto 36/2010, do 11 de marzo, modificado polo Decreto 97/2012, do 16 de marzo, como a Orde do 27 de outubro de 2010 que o desenvolve establecen que, unha vez elaborada a proposta de nomeamento pola comisión de valoración creada para o efecto, a Xerencia do Servizo Galego de Saúde elevaraa á persoa titular da consellería, quen procederá, se é o caso, ao nomeamento do persoal emérito.

A Orde do 27 de xullo de 2010 establece que o nomeamento de persoal emérito que se pode realizar anualmente será como máximo de seis (6) persoas.

De acordo co anterior, en uso das facultades atribuídas polo Decreto 36/2010, do 11 de marzo, modificado polo Decreto 97/2012, do 16 de marzo, e os decretos 41/2013 e 43/2013, do 21 de febreiro, polos que se establece, respectivamente, a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

Nomear como persoal emérito as persoas que figuran no anexo da presente resolución por un período dun ano, que se poderá prorrogar por períodos de igual duración.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte á súa notificación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpor recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Nome e apelidos

Centro asignado

Torcuato Labella Caballero

Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Santiago

Ángel Jorge-Echeverry Barreiro

Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra

José María Fernández Rodríguez

Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

Javier Martínez Pérez-Mendaña

Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ferrol