Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 26 de marzo de 2013 Páx. 8965

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 12 de marzo de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade de catro vehículos á Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, dispón que esta é o órgano da Administración galega encargado de propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Así mesmo, correspóndelle a ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións dos profesionais do sector, industrias pesqueiras e conserveiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo, cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e planificación e actuacións portuarias, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

No Decreto 131/2012, do 31 de maio, polo que se modifica o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, regúlase que dentro da Secretaría Xeral Técnica lle corresponde á Vicesecretaría Xeral, a través do seu Servizo de Réxime Patrimonial, o inventario, a xestión e o control dos bens adscritos á Consellería.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autorizou a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, créase a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, e regúlanse as súas competencias, funcións, organización, estrutura, réxime do seu persoal, réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación.

Os obxectivos básicos da Amtega son a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no eido das tecnoloxías da información e comunicacións (TIC) e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

A Amtega, para o cumprimento dos seus obxectivos, exerce, entre outras, as seguintes competencias e funcións:

– A dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións.

– O impulso, asesoramento técnico e apoio á Presidencia e ao Consello da Xunta de Galicia, ás consellerías e a outros órganos do sector público autonómico en todo o referente ás TIC e á súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

– A elaboración, desenvolvemento e execución da estratexia tecnolóxica global do sector público autonómico de Galicia.

– O impulso, xestión e coordinación da Administración electrónica.

– A definición, consolidación e homoxeneización da infraestrutura TIC e os servizos de telecomunicacións do sector público autonómico.

Para o desenvolvemento das súas funcións e competencias, a Amtega precisa de medios propios, entre eles, vehículos, para realizar a prestación de servizos en materia de TIC ás consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma e ás entidades públicas instrumentais do sector público.

Para tal fin, e para que a Amtega poida dispoñer dos recursos necesarios para exercer as competencias previstas consonte o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, a Consellería do Medio Rural e do Mar tramita o correspondente expediente de cesión patrimonial, de conformidade co disposto nos artigos 82 a 87 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, onde se regula a cesión gratuíta de bens e dereitos.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confire o artigo 83.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase cederlle en propiedade á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia os vehículos que se relacionan a seguir:

Matrícula

Modelo

Tipo de vehículo

Data de matriculación

7432-GJX

Citroën Berlingo

Furgoneta

10.12.2008

3276-GKH

Citroën C3

Turismo

30.12.2008

C-0489-CB

Citroën Saxo1.5 DX

Turismo

27.1.1999

C-7983-BZ

Renault Megane

Turismo

30.12.1998

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes claúsulas:

1. De conformidade co establecido polo artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, os bens cedidos serán destinados a fins de utilidade pública ou de interese social pola Amtega, como son os fins e obxectivos recollidos no seu estatuto, aprobado polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro.

2. A Amtega deberá cumprir coas obrigas da Dirección Xeral de Tráfico, realizar o trámite de cambio de titularidade dos vehículos e facerse cargo de todos os gastos de mantemento dos vehículos e os derivados do seu uso, así como dos necesarios para a reparación e posta en funcionamento dos ditos bens, os derivados do seguro, da inspección técnica de vehículos (ITV) e do imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM).

3. Tanto se os bens cedidos non se aplicasen aos fins sinalados, como se se descoida-ren ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería do Medio Rural e do Mar), que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que sufrisen.

4. O cesionario responderá do valor dos bens cedidos no caso da destrución, roubo ou perda e asumirá a obriga de constituír un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos que puideren ocasionarse, tanto ás persoas como ás propiedades, coa utilización do ben cedido.

5. Correspóndelle á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación dos bens ao fin para o cal foron cedidos e poderá adoptar para iso cantas medidas fosen necesarias segundo dispón o artigo 85 da Lei 5/2011, do 30 de setembro. Á Consellería do Medio Rural e do Mar correspóndelle, se for o caso, a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 3

A dita cesión formalizarase mediante acta subscrita pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica desta consellería, ou funcionario en que delegue, e a persoa titular da dirección da Amtega, ou funcionario en que delegue, e deberá constar nela o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

Este acordo de cesión leva implícita a desafectación dos bens que se ceden, citados no artigo 1, do cumprimento dos fins e dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo requirir previamente que se anule ou revogue o acto de conformidade co artigo 44 da Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar