Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 26 de marzo de 2013 Páx. 8970

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2013, da Presidencia da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención do informe previo á contratación excepcional de profesorado colaborador polas universidades do Sistema Universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) ten atribuída, a través da disposición adicional vixésimo sétima da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, a competencia para realizar as avaliacións das actividades docentes, investigadoras e de xestión do profesorado para poder ser contratado en determinadas figuras polas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), de conformidade co establecido na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, e co Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario.

Por outra banda, os estatutos da ACSUG, publicados mediante a Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e o Decreto 326/2009, do 11 de xuño, polo que se modifica o 270/2003, do 22 de maio, regulador da ACSUG, configuraron a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior en materia de avaliación, competente para a elaboración dos protocolos e procedementos específicos de avaliación e informe.

Posteriormente, a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, unificou a normativa existente relativa aos distintos procesos de avaliación e informe atribuídos a ACSUG, previos á contratación, progresión e consolidación do profesorado universitario. Así mesmo, esta orde regula os supostos de validación automática e establece o procedemento común a seguir nos distintos procesos de avaliación e informe.

Finalmente a CGIACA, en virtude das competencias que ten atribuídas, aprobou mediante Acordo do 9 de novembro de 2010, o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que substitúe ao anterior protocolo aprobado mediante Acordo do 10 de novembro de 2009.

De conformidade co exposto, a presidenta do Consello de Dirección da ACSUG, en virtude das competencias que ten delegadas por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro),

RESOLVE:

Primeira. Obxecto

Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte dos interesados que desexen obter o informe previo á contratación excepcional de profesorado colaborador a que se fai referencia na disposición transitoria segunda da Lei orgánica 4/2007, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como no artigo 3 do Real decreto 989/2008, do 13 de xuño, polo que se regula a contratación excepcional dos profesores colaboradores.

Segunda. Destinatarios

Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que desexen obter o informe a que se fai referencia na base anterior, que posúan o título de diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Terceira. Formalización e presentación das solicitudes

1. A solicitude de informe, de conformidade co disposto no artigo 9 da citada Orde do 17 de setembro de 2009, formalizarase no modelo normalizado de instancia (anexo I) que se deberá cumprimentar dixitalmente a través do modelo dispoñible na aplicación informática da ACSUG, á que se poderá acceder a través da páxina web www.acsug.es.

2. Unha vez cuberta a instancia na aplicación da ACSUG poderá presentarse destes dous xeitos:

a) Por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade ao establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

b) A través de calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha vez impresa e debidamente asinada.

Cuarta. Admisión a trámite, emenda e mellora da solicitude

1. Con independencia da opción elixida para a presentación da solicitude, será imprescindible, para a súa admisión á trámite, a achega da seguinte documentación:

– Unha copia do documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI ou equivalente) no caso de non prestarse polo interesado a autorización á ACSUG para consultar os seus datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade, de conformidade co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG do 13 de novembro).

– Unha copia do xustificante do título de diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común a ACSUG comprobará que as solicitudes cumpran cos requisitos exixidos nestas bases así como no punto primeiro do artigo 70 da citada lei e demais normativa específica de aplicación, necesarios para admitir a trámite as solicitudes, no caso contrario requirirase ao interesado para que proceda á súa emenda, de conformidade co disposto no citado artigo 71 da Lei 30/1992. De non facelo, considerarase desistida a petición e arquivarase o expediente.

Quinta. Alegación e formalización dos méritos curriculares

O currículum vitae formalizarase no formato dixital dispoñible na aplicación informáticá á que se poderá acceder a través da páxina web www.acsug.es. Só se valorarán os méritos que aparezan alegados no currículum vitae formalizados deste xeito. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser alegado en distintas epígrafes do currículo, o interesado elixirá o lugar onde desexa que aquel sexa valorado.

Sexta. Xustificación dos méritos curriculares

1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares alegados deberase presentar en soporte dixital (DVD, CD-ROM, pendrive). A orde de presentación deberá coincidir coas epígrafes do currículum vitae. Achegaranse dúas copias desta documentación dixital, con independencia do número de figuras contractuais para as que se solicite a avaliación.

2. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, non se admitirá ningunha documentación xustificativa dos méritos curriculares. As correspondentes avaliacións faranse con base nos xustificantes dos méritos que fosen achegados polos interesado ata ese momento, sen prexuízo do cal a ACSUG poderá requirir dos solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas.

3. Coa excepción dos documentos indicados na base cuarta, non se admitirá ningún documento xustificativo en formato papel, sen prexuízo do cal a ACSUG poderá solicitar ao interesado, ao longo da tramitación do procedemento, os orixinais ou copias compulsadas da documentación achegada.

Tendo en conta que o solicitante asina unha declaración respecto da veracidade dos datos que fai constar na instancia e no currículum vitae, así como de toda a documentación xustificativa que xunta á solicitude, os interesados asumirán as responsabilidades que se puidesen derivar das inexactitudes que consten nestes documentos.

4. Os solicitantes deberán xustificar do xeito máis axeitado e completo posible a realización dos méritos curriculares alegados. Sen prexuízo do anterior, os méritos que se relacionan a continuación soamente serán tidos en conta cando se xustifiquen do xeito que expresamente se indica:

– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da autoridade académica competente emitido pola universidade na que se prestase aquela, no que deberá constar as materias e o número de horas ou créditos impartidos.

– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente, na que figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

– Os cursos e másters recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o número de horas destes.

– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo organismo pagador destas.

– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación na que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.

– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.

– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, depósito legal etc.

– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre, sinalarase o modo de acceso. En caso contrario xuntarase a copia da primeira e última folla do artigo, índice e folla onde figure o ISSN.

– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.

Sétima. Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitava. Procedemento de informe

De conformidade co establecido na alínea b) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, os informes realizaranse de conformidade co establecido para o efecto no protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia aprobado por acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) o 9 de novembro de 2010, publicado na páxina web www.acsug.es.

Novena. Acordos de informe

De conformidade co establecido na alínea a) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009 e co establecido no artigo 22 dos estatutos da ACSUG, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión dos informes a que se fai referencia na base primeira.

Os acordos serán motivados e notificaranse aos solicitantes nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes.

Décima. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, poderán ser recorridos en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma plataforma informática na que formalizou a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberá imprimirse, asinarse debidamente e presentarse en calquera dos rexistros indicados no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Décimo primeira. Protección de datos de carácter persoal

Nesta convocatoria cúmprese co indicado na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), poñendo en coñecemento dos interesados o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos persoais, que poderán exercer mediante escrito dirixido a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Lamas de Abade, s/n, CIFP Compostela, 5º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

Décimo segunda. Entrada en vigor

A presente resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2013

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

missing image file