Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 25 de marzo de 2013 Páx. 8883

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (696/2012).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 696/2012 deste xulgado do social, seguidos por instancia de Martín Ventoso Armas contra a empresa Fondo de Garantía Salarial Fogasa, Ferreiro Forestal, S.L., sobre despedimento, foi ditada a seguinte resolución:

«Sentenza: 107/2013.

Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Procedemento: despedimento nº 696/2012.

Sentenza.

A Coruña, un de marzo de dous mil trece.

Vistos por Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo nº 696/2012 seguidos por instancia de Martín Ventoso Armas, que comparece asistido do letrado Sr. López Borrazás, contra a empresa Ferreiro Forestal, S.L., que non comparece a pesar de estar citado en legal forma, e o Fogasa, que non comparece ao acto do xuízo, versando a litis sobre despedimento.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A parte demandante antes citada formulou demanda recibida no xulgado decano no 26.6.2012 e recibida neste xulgado no 27.6.2012, contra a demandada xa mencionada, na cal, despois de expor os feitos e fundamentos que achou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza pola que se declarase que o despedimento do demandante é improcedente, e condénase a demandada a estar e pasar por tal declaración e ás consecuencias legais inherentes a ela.

Segundo. Admitida a trámite a demanda e sinalado o día e hora para a celebración do acto de conciliación e xuízo, este tivo lugar o día da data, segundo consta na acta expedida. Aberto o xuízo, a parte demandante afirmouse e ratificouse na súa demanda, e solicitou que se declarase a extinción da relación laboral e o recibimento do preito a proba. A parte demandada non compareceu. Aberto o xuízo a proba, practicáronse as probas propostas admitidas e solicitouse despois, en conclusións, sentenza de conformidade coas súas pretensións e intereses, segundo consta na acta levantada, co cal quedaron os autos á vista para ditar sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais.

Feitos probados:

Primeiro. O demandante, Martín Ventoso Armas, prestou servizos para a empresa Forestal Ferreiro, S.L. desde o 4.1.2005, coa categoría profesional de encargado e percibindo un salario mensual de 1.071,03 euros, con rateo de pagas extras.

Segundo. Con data do 8.5.2012 a demandada procedeu a notificar ao demandante carta de despedimento mediante burofax con base no artigo 55 ET, con efectos da mesma data en que se expoñen como causas do despedimento do Sr. Ventoso a comisión de faltas moi graves previstas nos artigos 58 e 59 do Convenio colectivo de industria de rematantes e serradoiros de madeira da Coruña.

Terceiro. A cantidade correspondente á indemnización non foi aboada ao demandante.

Cuarto. O demandante non ten nin tivo no último ano a condición de delegado de persoal nin membro de comité de empresa, nin representante sindical.

Quinto. Con data do 15.6.2012 celebrouse acto de conciliación previa ante o SMAC, no cal se obtivo por resultado “intentada sen efecto”.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Na demanda reitora do presente procedemento a parte demandante solicita que se declare a improcedencia do despedimento sufrido polo demandante notificado con data do 8.5.2012 mediante carta de despedimento comunicada por burofax e con efectos da mesma data.

Débese lembrar que o despedimento comprende calquera extinción do contrato de traballo decidida unilateralmente polo empresario, aínda que esta non responda a unha finalidade disciplinaria (STS 23.3.2005). A cualificación do despedimento improcedente “non é, en absoluto, exclusiva do despedimento disciplinario, senón que pode aplicarse, tamén normalmente, a calquera despedimento causal, é dicir, a calquera despedimento en que o empresario alega unha determinada causa de extinción da relación laboral, aínda que esta non sexa un incumprimento contractual comprendido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores” (STS 23.3.1993), pois estes despedimentos deberán ser declarados improcedentes cando a causa alegada polo empresario non quede acreditada e se cumpra o requisito da comunicación escrita do artigo 55.1 ET (STS 20.2.1995).

Na súa consideración e entrando no fondo da litis formulada, de conformidade co artigo 105.1º da LRXS corresponderá ao demandado a carga de probar a veracidade dos feitos contidos na carta de despedimento. Así, no presente suposto e após a valoración da proba que consta nas actuacións, consistente na documental unida e presentada no acto da vista e declaración de confeso da demandada, ao abeiro do artigo 91.2 LRXS, vista a súa incomparecencia ao acto de xuízo, pode deducirse que non se acreditou a causa ou motivo do despedimento, ante o feito primario da incomparecencia da demandada ao acto da vista co obxecto de rebater os feitos contidos na demanda, e que se acreditou, así mesmo, coa documental que consta nas actuacións, principalmente carta de despedimento, nóminas e sentenza ditada no 18.6.2011 polo Xulgado do Social número 5 da Coruña, tanto a relación laboral que vinculaba a ambas as partes como a baixa laboral na data 8.5.2012, sen causa acreditada que o xustifique.

Segundo. Determinada a improcedencia do despedimento por falta de proba dos feitos determinantes e co fin de fixar a indemnización que procede por despedimento, pode dicirse que da documental que consta nas actuacións, feito este que non é obxecto de discusión polas partes, quedou probada a relación laboral entre a parte demandante e o demandado, razón pola cal non pode senón recoñecerse ao Sr. Ventoso unha antigüidade para os efectos de indemnización por despedimento do 4.1.2005 e un salario mensual con rateo de pagas extra de 1.071,03 euros.

Terceiro. Polo que respecta ao Fogasa, non cabe facer ningunha declaración na sentenza, pois que se trata dun simple terceiro traído a xuízo polas posibles responsabilidades posteriores que del puideren derivar na súa contra.

Vistos os preceptos legais e demais de concordante aplicación,

Resolvo:

Primeiro. Que debo estimar e estimo a demanda sobre despedimento formulada por Martín Ventoso Armas, que comparece asistido do letrado Sr. López Borrazás, contra a empresa Ferreiro Forestal, S.L., que non comparece a pesar de estar citada en legal forma, e o Fogasa, que non comparece ao acto do xuízo, declarando a improcedencia do despedimento con condena da empresa indicada a que readmita inmediatamente o traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, ou ben, á escolla da empresa, á extinción da relación laboral con aboamento da indemnización detallada no número segundo desta resolución. Todo iso con aboamento, no caso de opción pola readmisión, dos salarios de tramitación que non percibise ata a data da notificación da presente sentenza.

A devandita opción deberá exercerse en 5 días a partir da notificación desta sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito termo sen que se tivese optado, entenderase que procede a readmisión.

Segundo. A indemnización e os salarios de tramitación que aboará a empresa demandada Forestal Ferreiro, S.L., segundo o disposto no número anterior:

En concepto de indemnización, e de optar a empresa por ela: 11.417,37 euros.

En concepto de salarios de trámite, para o caso de opción pola readmisión, os deixados de percibir desde a data do despedimento ata a presente sentenza, calculados a razón de 35,70 euros/día.

Notifíquese esta sentenza ás partes e advírtaselles que contra ela poderán interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia, ou mediante escrito neste xulgado dentro dos cinco días seguintes ao da notificación desta sentenza, pasados os cales se declarará firme e se procederá ao seu arquivamento. Advírtase igualmente ao recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público de seguridade social, ou habente-causa dun deles, ou que non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a taxa correspondente legalmente establecida.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo, Montserrat Matos Salgado, maxistradaxuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Publicación. A anterior resolución foi lida e publicada pola xuíza que a autoriza, en audiencia pública, lugar e data nela indicados. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma a Ferreiro Forestal, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 4 de marzo de 2013

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial