Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 25 de marzo de 2013 Páx. 8856

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de marzo de 2013 pola que se modifica a clasificación da Fundación Galicia Europa e da Fundación Rof Codina e se ordena a súa adscrición ás consellerías competentes para o exercicio das funcións de protectorado.

Os órganos competentes para o exercicio das funcións de protectorado da Fundación Galicia Europa e da Fundación Rof Codina formulan proposta de modificación da clasificación e atribución de funcións de protectorado aos departamentos competentes por razón dos fins fundacionais, das que resultan os seguintes

Feitos.

Primeiro. A Fundación Galicia Europa foi constituída en escritura pública outorgada o 15 de febreiro de 1988, en Santiago de Compostela (A Coruña), ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número 209 do seu protocolo. Foi clasificada como cultural por Orde da Consellería de Cultura e Deportes do 23 de maio de 1988, declarada de interese galego por Orde da mesma consellería do 24 de maio de 1988 e figura adscrita ao protectorado da dita consellería e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1988/1.

Os fins da fundación contidos no artigo 6 dos estatutos consisten no fortalecemento institucional de Galicia, o fomento da súa economía social e produtiva e a promoción de todas aquelas accións que, respectando as disposicións legais existentes, fomenten o achegamento de Galicia á realidade europea, defendendo os seus intereses perante as institucións comunitarias e difundindo os valores europeos entre a sociedade galega.

Segundo. A Fundación Rof Codina foi constituída en escritura pública outorgada o 19 de maio de 1994 en Lugo, ante o notario Manuel Julio Reigada Montoto, co número 1355 do seu protocolo. Foi clasificada como mixta por Orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 29 de setembro de 1994 e declarada de interese galego por Orde da mesma consellería do 20 de decembro de 1994. Figura adscrita ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese co número 1994/3.

Son fins da fundación, segundo consta no artigo 4 dos estatutos, o apoio permanente á docencia clínica da Facultade de Veterinaria de Lugo, co obxecto de favorecer a maior correspondencia posible entre a docencia teórica da facultade e as ensinanzas que, en materia clínica, poida proporcionar o hospital clínico. Entre as actividades que vai desenvolver a fundación sinala o mesmo artigo a colaboración coa docencia, o fomento da investigación e a prestación de servizos clínicos a gandeiros, así como a asistencia técnica a veterinarios.

Terceiro. De conformidade co artigo 47.2 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, o protectorado será exercido polos departamentos da Xunta que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións. No mesmo sentido se pronuncia o artigo 51.2 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Cuarto. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos, na súa reunión do 12 de marzo de 2013, emite informe favorable de reclasificación e readscrición das fundacións relacionadas anteriormente aos departamentos da Xunta de Galicia competentes para o exercicio das funcións de protectorado, nos seguintes termos:

A) Clasificación da Fundación Galicia Europa como de interese para o fortalecemento institucional de Galicia e adscrición ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

B) Clasificación da Fundación Rof Codina como de interese educativo e de fomento da investigación e adscrición ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións xurídicas.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. A Lei 12/2006 e o Decreto 14/2009 establecen que o protectorado será exercido polos departamentos da Xunta de Galicia que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións.

Terceiro. O artigo 7.1 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, atribúe competencias de clasificación das fundacións e adscrición ao protectorado correspondente á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril) e a Lei 12/2006, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da clasificación e adscrición da Fundación Galicia Europa

Modificar a clasificación da Fundación Galicia Europa como de interese para o fortalecemento institucional de Galicia e adscribila ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co feito primeiro desta orde.

Artigo 2. Modificación da clasificación e adscrición da Fundación Rof Codina

Modificar a clasificación da Fundación Rof Codina como de interese educativo e de fomento da investigación e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co feito segundo desta orde.

Disposición adicional primeira. Instrumentalización

A instrumentalización do disposto nesta orde efectuarase mediante o traslado material da documentación e dos datos inscritos na sección do rexistro do protectorado de orixe e a recepción polo órgano competente da consellería a que se readscribe.

Disposición adicional segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza