Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 25 de marzo de 2013 Páx. 8859

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 50/2013, do 14 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de urbanización da rúa Bernardo Sagasta, en Cuntis (PO-220), no concello de Cuntis (clave PO/12/094.01).

O 3 de xullo de 2012, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción de urbanización da rúa Bernardo Sagasta, en Cuntis (PO-220), no concello de Cuntis (clave PO/12/094.01).

O mencionado proxecto ten por obxecto a realización de obras de urbanización do treito da estrada autonómica PO-220 que, ao seu paso pola localidade de Cuntis, na rúa Bernardo Sagasta, ten deficiencias que inciden de maneira moi importante na seguridade dos usuarios da mencionada vía. Así, pódese sinalar que a sección dispoñible para a circulación dos vehículos en ambos os sentidos é só de 4,25 m, e en relación coas beirarrúas cabe indicar que sofren unha importante deterioración e non están adaptadas á normativa de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para facer fronte aos problemas de seguridade viaria. De aí a necesidade de proceder de forma inmediata á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

Coa finalidade de resolver aquelas deficiencias, o proxecto que se vai executar ten por obxecto a reordenación da circulación do tráfico rodado na rúa (que contará cun só sentido de circulación), a renovación do firme da calzada, a adaptación da sinalización horizontal e vertical, e a renovación e alargamento das beirarrúas existentes. Ademais, realizarase a adaptación dos servizos afectados á nova xeometría da rúa.

De conformidade co artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a aprobación dos proxectos de estradas de titularidade autonómica implicará a declaración de utilidade pública e da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos correspondentes aos fins de expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes.

A competencia para declarar a urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, a teor do previsto no artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de urbanización da rúa Bernardo Sagasta, en Cuntis (PO-220), no concello de Cuntis (clave PO/12/094.01).

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas